A «Sociedad de Instrucción Hijos del Ayuntamiento de Rodeiro», creada na Habana nos anos 20 do pasado século, promoveu a iniciativa educativa
10 mar 2023 . Actualizado a las 22:26 h.As terras de Rodeiro e Camba, do mesmo xeito que o resto do territorio galego, non se libraron da oleada de emigración de finais do século XIX e abrente do XX. Moitas destas xentes espalladas por terras de América organizáronse en asociacións, que foron creando de a poucos, comezando pola de «Hijos del Partido de Lalín» en Bos Aires en 1908. Esta abrangueu moitos dos emigrantes procedentes da comarca dezá, entre eles de Rodeiro, e abriu o camiño a creación de outras vinte esparexidas polo cono sur americano, entre as que se atopa a «Sociedad de Instrucción Hijos del Ayuntamiento de Rodeiro».
A citada sociedade foi creada na Habana, en Cuba, arredor de 1920, segundo referencia o xornal Eco de Galicia. A finalidade desta asociación foi a construción de escolas na terra natal dos seus integrantes para combater o analfabetismo e mellorar as condicións do ensino das xentes que con tanta penosidade deixaban atrás. Iso realizábase a través de doazóns e o envío de remesas que eran utilizadas para a construción das escolas.
Estes centros proxectados dente terras alleas en beneficio doutra empobrecida e con poucos recursos educativos, foron cedidos ao Estado arredor dos anos 30, que foi o encargado de equipalos, contratar ao mestre e escoller o método pedagóxico. Por esta razón non foron clausurados como moitos outros durante a Guerra Civil, permanecendo abertos ininterrumpidamente ata os anos 70. Tres desas escolas foron promovidas pola sociedade cambota da Habana.
O antigo colexio da Portela, actualmente propiedade privada en venda, foi construído polas doazóns da citada entidade, xunto coa axuda dos veciños do lugar, que aportaron traballo e materiais para o seu levantamento. Os alumnos acudían ás dúas aulas que había na planta baixa, namentres que o andar alto estaba dedicado á vivenda do mestre, segundo algunha xente, e segundo outras a un indiano que se facía chamar O Cubano.
O colexio de San Cristovo de Az foi construído arredor dos anos 30 polas doazóns caribeñas, tras mercarse o terreo con elas e erguerse o edificio nunha única planta. Tiña dúas aulas, unha para as cativas e outra para os rapaces, xunto co patio na zona posterior que hoxe conforma o campo da festa deste lugar. Hoxe está dedicado a local social e colexio electoral. Mentres, a escola de San Salvador de Camba, actualmente rehabilitada, é empregada tamén para eses fins.