Recuperan os relatos de Neira Vilas sobre a emigración galega en Cuba

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CUBA

Representantes da Xunta, Galaxia e Fundación do autor.
Representantes da Xunta, Galaxia e Fundación do autor. Sandra Alonso

Galaxia incorpora «Tempo novo» á biblioteca dedicada ao escritor

25 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Notables retratos e descricións de escenas e costumes que teñen que ver cos galegos emigrados». Así se refería Luís Seoane ao libro de relatos Tempo novo no que Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015) ofrece unha ollada de Cuba tras a revolución de 1953 desde a perspectiva dos emigrantes. Agora, esta publicación que viu por primeira vez a luz en 1987 da man de Edicións do Castro volve a estar dispoñible no marco da biblioteca dedicada ao autor de Memorias dun neno labrego que iniciou hai anos a editorial Galaxia e que xa suma trece volumes.

Son diversas as razóns que converten Tempo novo «nunha xoia literaria dentro do universo creativo de Neira Vilas», tal e como definiu estes relatos Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística e bo coñecedor da obra do autor de Vila de Cruces. Un dos aspectos máis sobranceiros é que se trata de «literatura testimonial dunha época, unha radiografía», resaltou o director xeral da editorial Galaxia, Francisco Castro. Pero trátase dunha visión singular. «A revolución cubana foi descrita por moitos autores, pero Neira Vilas faino desde unha visión dun galego e con aspectos moi humanos, ten unha sensibilidade humana moi fina», lembrou Valentín García durante a presentación da nova edición da obra.

Xunto a visión dese período de Cuba posterior á revolución de 1953 —Neira Vilas chegou ao país caribeño en 1961—, tamén hai que resaltar que se trata dun libro de relatos, «o xénero que máis explorou e no que era un auténtico mestre», indicou o presidente da Fundación do escritor, Fernando Redondo, quen engadiu que Tempo novo é a versión literaria e ficticia do seu paso por Cuba, que tamén recolleu en traballos como Días de Cuba. «A súa obra literaria está moi achegada ao seu percurso vital», engadiu.

Recuperar novas obras

Desde Galaxia, co apoio da Xunta, van continuar recuperando outras obras de Neira Vilas que agora mesmo son difíciles de atopar. Nos vindeiros días sairá do prelo A muller de ferro e estase ilustrando O cabaliño de buxo. Segundo avanzou Francisco Castro, o vindeiro ano pensan rescatar tres máis. «Temos que pensar estratexias para que autores que nos deixen estean presentes, non pode ser que obras tan cruciais non estean a disposición do gran público», indicou Francisco Castro, agradecendo o apoio tanto a Política Lingüística como á propia Fundación Neira Vilas para ir recuperando parte da súa obra, que, segundo apuntaron, consta de en torno a setenta títulos. «A Biblioteca Neira Vilas significa que a súa obra segue viva, vixente e continúa a recuperarse», salientou pola súa banda Fernando Redondo Neira.