A nova obra póstuma de Neira Vilas recolle 25 textos ligados a seu pai

Montse García Iglesias
montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CUBA

Dolores Vilavedra, Valentín García, Fernando Redondo e Víctor F. Freixanes, este mércores na presentación do libro de Neira Vilas
Dolores Vilavedra, Valentín García, Fernando Redondo e Víctor F. Freixanes, este mércores na presentación do libro de Neira Vilas Sandra Alonso

O autor de Vila de Cruces escribiu os textos de «Co pai» no ano 2000 en Cuba

10 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 2000, durante unha estancia na Habana (Cuba), o escritor Xosé Neira Vilas decidiu escribir unha serie de textos moi breves vinculados á figura de seu pai, ao igual que uns anos antes fixera con súa nai. Agora, case dúas décadas despois, este traballo ve a luz en Co pai (Galaxia), unha nova obra póstuma inédita do autor de Memorias dun neno labrego.

«É un texto que destaca pola expresión dos afectos familiares, pola recreación daquel mundo rural dos anos 40», explica o presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo Neira. Co pai recolle 25 retrincos da relación do escritor de Vila de Cruces coa figura paterna. Trátase «dunha prosa poética moi coidada, moi depurada e cun estilo moi conciso e moi sintético». Un aspecto no que tamén incide Dolores Vilavedra, autora do estudo introdutorio, quen apunta que esa prosa poética moi breve «é un estilo que Neira Vilas manexaba moi ben». 

Esta nova obra póstuma está vinculada a outros traballos de «carácter memorialístico» de Neira Vilas, caso da triloxía formada por Nai, Lar e Pan. Ademais, dialoga con outra obra publicada tras a súa morte, De Gres a Cádiz, na que Neira Vilas relataba lembranzas desde a súa infancia ata que tivo que emigrar. «Son todo microestampas», afirma Vilavedra.

A autora do estudo introdutorio explica que Neira Vilas tivo dúbidas de se publicar ou non estes textos. «Foi un exercicio afectivo-memorialístico no que foi recuperando partes da súa vida [...]. É o destilado, pinga a pinga, da memoria do pai», pero engade que o autor afirmou explicitamente que non se opoñía a que ese material se publicase, como se fixo agora case catro anos despois da súa morte.

Para a Fundación Neira Vilas, o feito de dar a coñecer un libro póstumo «vén a significar dalgunha maneira que segue sendo un escritor vivo, que segue habendo obra nova... Neira Vilas é un escritor que segue vivo na memoria literaria, que segue vivo na literatura e que segue publicando e facendo achegas á literatura galega catro anos despois da súa morte», sinala Fernando Redondo, que, xunto a Dolores Vilavedra e o secretario de Política Lingüística, Valentín García, presentaron onte na Cidade da Cultura o libro Co pai.

 Os textos de Neira Vilas complétanse na publicación cun estudo no que Dolores Vilavedra analiza esa «relación moi afectuosa» que o escritor tiña co pai.