Alfonso Gómez Cruz: «Xenebra é moi diversa. Como alcalde, quixen darlle un certo releve a coñecer a cidade»
SUIZA
O cormelán deixa hoxe o seu segundo mandato á fronte da urbe suíza, pero seguirá catro anos máis dentro do goberno
31 may 2026 . Actualizado a las 10:26 h.Alfonso Gómez Cruz (Corme, Ponteceso; 66 anos) estivo, ata este domingo 31, e durante un ano enteiro, á fronte da alcaldía de Xenebra, unha das dúas cidades máis importantes de Suíza. Xa fora alcalde no período 2023-2024, nese sistema peculiar helvético no que cinco persoas, membros do Consello Administrativo, son as que mandan durante cinco anos, e van cambiando un a un. A el, veterano integrante dos Verdes, tocoulle o penúltimo ano do mandato anterior e o primeiro do actual, así que lle quedan catro anos aínda por diante no goberno máximo das cidades, pero sen esa representatividade ou visibilidade da alcaldía.
—Seguirá agora coas súas competencias habituais?
—Si, e tamén cas relacións internacionais. Por exemplo, represento á cidade na asociación internacional de alcaldes francófonos. Vou viaxar máis. Este venres tiven actos no Ticino e o luns, 1 de xuño, marcho par Bruxelas. Digamos que vou viaxar algo máis. Pero o ordinario sigo con el: os presupostos, espazos verdes e a súa organización, urxencia climática, recursos humanos, política de igualdade... É o principal. O mesmo dos primeiros cinco anos e neste primeiro. Anos moi bonitos e intensos. Isto non é un final, para min segue igual, aínda que a alcaldía dá algo máis de obrigas e representación.
—E que balance fai deste ano á fronte da alcaldía de Xenebra?
—Quixen darlle un certo releve a coñecer a cidade. Xenebra é moi diversa, moi activa, con moito crecemento, con varios problemas dun sitio tan denso, como o ruído. E de integrar a novas poboacións. Fixemos diversos traballos históricos, con exposicións, e acabamos de publicar un libro sobre os temporeiros. O seu aporte: de Italia, de Portugal e de España. Moitos galegos houbo aí. Tamén sobre o que a cidades lles deu a eles. Algúns chegaban de ditaduras e atoparon aquí liberdade, loita sindical. Moitos deles regresaron, e levaron o debate democrático aos seus países. Un aporte dos dous lados. Foi para eles un enriquecemento financeiro, para o propio país, e tamén intelectual.
—A ecoloxía sempre a levou como algo capital.
—Si. A biodiversidade da cidade, traballo para recoñecela e protexela. Fixemos varias actuacións, como marchas con xente cualificada, vendo espazos que creamos, corredores verdes... Tamén temos mirado moito o tema do ruído, como se soporta nunha gran cidade, como nos organizamos, como escollemos o que queremos e o que non, como o sufrimos e que se pode facer para diminuílo. Fálase pouco diso nas grandes cidades, pero é unha cuestión de saúde pública.
—E tamén está a política da árbores, algo polo que apostou dende o primeiro minuto.
—Si, ao chegar marcamos superar os tres mil árbores. Ata 2021 plantábanse entre cen e 150 exemplares cada ano. Dende que cheguei, estamos nunha media de máis de 800, uns 820. Estamos preto dos 3.300 en total novos. E iso nunha cidades tan densa, na que é moi difícil atopar sitios. Fixemos prazas con xardíns onde había aparcamentos. Creamos microbosques, de entre 350 e 400 metros cadrados, áreas protexidas para a biodiversidade. Sacamos o cemento ou o asfalto e puxemos terra. Limpamos a terra que había para aproveitar a auga da chuvia, están pechadas a mascotas e persoas. Agora vense moitas aves e xa ten aparecido algún raposo. Polo tanto, seguimos co obxectivo de que no 2030 a superficie teña un 25 % teña cobertura de árbores. Cando cheguei estaba no 19, andaremos agora polo 22 xa ou 23.
—Vostede ten unha ampla traxectoria en organizacións internacionais de dereitos humanos. Puido aplicar ese traballo na alcaldía?
—Si, traballamos niso tamén. Colaboramos na axuda con Sudán, Líbano ou Gaza, son prioridades dende a cidade. Axuda moral, con comunicados ou acto, e tamén material, envíos a órganos con menos financiamento, como os da ONU agora restrinxidos. E recibimos a numerosas personalidades internacionais. Algunhas delas, con prohibición de viaxar a algún país.