A banda actuou este sábado na Salle Communale d'Onex, Xenebra, convidada pola Irmandade Galega
16 nov 2025 . Actualizado a las 00:39 h.Un aforo dunhas 300 persoas, a maioría galegas e galegos na diáspora. Iso foi o que tivo no público a banda Alana este sábado, no Terrafest, unha convocatoria que tamén levou ata a Salle Communale d'Onex, en Xenebra, Suíza, a outros grupos con ligazóns á comerca, como é De Ninghures. Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, os tres integrantes de Alana, ofreceron para os presentes pezas como Liñares, Foliada de Negreira, Cantares de Camariñas, Dorinda de Xacobe, Dolores Castiñeira ou Delfina de Añobres, unha boa mostra do seu repertorio, traballo asentado sobre as recollidas e coa colaboración de moitas desas mulleres que teñen contribuído a preservar música e tradición galegas.
Momento a destacar da actuación, esa Consuelo de Muiñeira con Kike Varela, DJ que fixo un remix desta peza. «Levaremos [este concerto] no corazón toda a vida. Non coñeciamos esta cidade, neste país que tanto nos deu ás galegas e aos galegos, e a verdade é que polo que puidemos ver, estanos encantando», trasladaron desde Alana sobre esta súa primeira actuación en Suíza. Agradecen a oportunidade e o convite á Irmandade Galega e aseguran: «Nunca esqueceremos este 15 de novembro de 2025».
Logo da actuación, o alcalde de Xenebra, presente na Sala, achegouse a departir con Antía, Pablo e Eloy. Alfonso Gómez, membro do Partido Verde, é natural de Corme, mesmo lugar de nacemento que Eloy Vidal.