Damián ÁLvarez: Afortunado de ser da Costa da Morte

DAMIÁN ÁLVAREZ TAJES

SUIZA

BASILIO BELLO

EN PRIMEIRA PERSOA | «A pesar de todos os lugares que vin, o sitio no que máis a gusto estou é aquí. Vouvos contar por que. Temos unha calidade de vida excepcional», escribe o modelo internacional de Pasarela, Vimianzo

05 oct 2020 . Actualizado a las 18:03 h.

Esta semana, xusto no momento no que empezaba o meu adestramento de running, recibín unha chamada dun número descoñecido, polo que respondín intrigado de saber quen sería... Resulta que se trataba de Xosé Ameixeiras da Voz de Galicia! O motivo da súa chamada era propoñerme escribir un artigo que sería publicado esta fin de semana. Aceptei o desafío sen dúbida. A pesar de saber que a redacción non é una das miñas mellores aptitudes, había un tema que me motivaba contarvos, algo que aprendín na miña experiencia. Para iso, empezo relatándovos como se desenvolveu a miña vida ata agora.

Nacín en Suíza, nunha cidade chamada Delémont (Cantón do Jura). Son fillo de emigrantes galegos que se desprazaron por traballo, como tantas outras familias. Alí me criei entre tres idiomas: o primeiro foi o galego, que se falaba na casa e en moitos centros españois da zona. Eramos unha gran comunidade galega. Ademais, tiña a sorte de practicalo cada vez que viñamos de vacacións a Galicia, que eran entre 4 e 6 semanas ao ano. Despois, o castelán, que tamén se aprendía na casa mais na agrupación de lingua e cultura española, chamada popularmente «escola española», ou nas viaxes que facíamos con meus pais pola costa mediterránea un par de semanas ao ano. Por último, o francés, a lingua empregada na escola obrigatoria suíza e na vida cotiá. Pode ser que toda esta diversidade fixera que me custara moito saber cal era realmente a miña identidade cultural, xa que en Suíza era español, pero cando viña de vacacións á miña terra era considerado un suízo. Quen e de onde son realmente?, me preguntaba.

Á idade de 14 anos, meus pais decidiron volver á Costa da Morte. Pero a miña irmá, á cal estou moi ligado, quedou alá por ter unha vida xa formada no país helvético. Tiven que adaptarme sen ela a un sistema educativo moi diferente, pero estaba entusiasmado de poder vivir en Pasarela (Vimianzo), xa que para min era sinónimo de diversión pola praia, familia, festas e horarios moito más permisivos (sempre ía en períodos festivos e, sobre todo, no verán).

Aquí terminei os meus estudos obrigatorios, bacharelato e un grado superior de desenvolvemento de proxectos urbanísticos e operacións topográficas. Isto permitiume atopar traballo en A Coruña nunha compañía multinacional, na que estiven moi contento traballando por máis de 4 anos.

Os inicios na moda

A finais do 2016, a miña vida pegaría outro cambio, empezando una nova profesión á cal nunca pensei dedicarme (e pola que moitos de vós me coñecedes hoxe en día). Comezaba as miñas andaduras na moda, trasladándome a Barcelona. Alí adapteime a non ter un horario, nin xornada laboral e nin tan sequera un lugar fixo de traballo, pero este último punto é o que máis me gustou, xa que me deu a oportunidade de coñecer moitos lugares e un método de traballo completamente diferente. Empecei descubrindo parte de Cataluña, seguín gozando das Illas Canarias, fun ás Illas Baleares, pasei pola capital de España, volvín a pasar por varias cidades preciosas de Andalucía que visitara na miña nenez... Finalmente fun a Italia. Aí foi cando a miña carreira como modelo despexou. Cada vez gustábame máis isto de viaxar, aprender novos idiomas, culturas, lugares únicos, costumes diferentes e visitar ou vivir en países tan distintos, como poden ser Sudáfrica, Alemaña ou Exipto.

Pois ben, a onde quero chegar con todo isto, é que a pesar de todos os lugares que vin (e que quero seguir descubrindo), o sitio no que máis a gusto estou é na Costa Morte. Mais vouvos contar por que.

Temos una calidade de vida excepcional. Sen ir máis lonxe, o aire que respiramos é un dos menos contaminados. Moitos dos produtos que consumimos son autóctonos. Posuímos un gran patrimonio histórico e cultural, porque a natureza e as paisaxes que nos rodean son únicas.

Aquí é no que quero facer fincapé, xa que coma min, moitas persoas aprendemos a valorar o que temos cando nos vemos lonxe da nosa terra. Por exemplo, no meu caso teño os Penedos de Pasarela e Traba pegados á casa. Non moi lonxe está a cascada do Ézaro, que é a única de Europa que cae directamente no mar, acompañada do Monte Pindo, tamén denominado Olimpo Celta, que está considerada a montaña máis sagrada de Galicia polas lendas e misterios que o rodean. Tamén se pensa que deste macizo granítico naceu o volcán que fixo xurdir Galicia.

O importante Camiño dos Faros

A maioría destes lugares descubrinos realizando o Camiño dos Faros. Esta ruta transcorre por unha gran cantidade de fermosas praias virxes, acantilados, castros, puntos de interese megalítico coma dolmens, cemiterios míticos ou dunas xigantescas. Igrexas coma o santuario da Virxe da Barca, o faro de Cabo Vilán ou a vila de Camariñas co seu tradicional encaixe, do cal teño a honra de ser a imaxe. Esta ruta, como o seu propio nome indica, sitúanos en diversos faros da zona, todos co seu propio encanto, rematando no de Fisterra que é o final deste camiño, o destino do famosísimo Camiño de Santiago.

Non seguirei nomeando máis lugares, xa que me levaría un libro enteiro, pero destaco que deixo a un lado un gran número de sitios que verdadeiramente recomendo visitar. Por iso quero mostrar o meu apoio na loita do grupo Trasnos, que levan 6 anos reclamando este camiño como unha ruta homologada. Creo que deberiamos deixar a un lado os localismos, mais loitar por darlle á nosa terra un valor que merece, pero poucas veces se lle recoñece. Deberiamos estar orgullosos da nosa cultura, de falar galego, de ser galegos. Eu, dende logo, síntome afortunado.