Sabela Ramos: «Teño o privilexio de que marchei porque quixen, para traballar fóra»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

SUIZA

Xentes do Finis Terrae | A enxeñeira ceense lidera tamén un grupo de enxeñeiras que actúan a prol da diversidade e a inclusión

19 jun 2020 . Actualizado a las 15:57 h.

Sabela Ramos Garea é enxeñeira informática. Natural de Cee, traballa como enxeñeira de software en Google Research (Zürich). Estivo en YouTube ata fai un par de meses, e durante tres anos. Estudou na Coruña, foi premio fin de carreira, e logo premio nacional á excelencia no rendemento académico universitario hai xa once anos. No doutorado especializouse na computación de altas prestacións.

-Cal é o seu traballo no desenvolvemento do software?

-Traballo no desenvolvemento de ferramentas para investigadores e enxeñeiros. Por exemplo, para facer que sexa máis rápido e sinxelo evaluar modelos de Machine Learning (Intelixencia Artificial), ou para mellorar os sistemas de integración continua: é dicir, que cando alguén engade unha funcionalidade, sexa máis eficiente comprobar que funciona ben e que non vai causar problemas cando se publique.

-E como chega ata ese posto en Suíza? Un paso máis dentro do posdotourado, pola especialización?

-Eu cheguei a Suíza para facer investigación na Universidade ETH de Zürich nun programa posdoutoral, e xurdiume a oportunidade de traballar en Google mentres estaba alí. Supuxo un cambio grande, xa que pasei de facer investigación de base a traballar nun equipo de enxeñería, pero a miña formación en sistemas e o traballo en computación de altas prestacións foi moi útil para o traballo que estou facendo en Google.

-Está, ademais, na área de diversidade de xénero da compañía. Imaxino que ten que ver co papel das mulleres nas áreas de especialización técnica. É así?

-Dende o ano pasado, lidero Google Women in Engineering en Zürich (aínda que xa estaba involucrada dende que empecei a traballar alí). É un grupo de voluntarias que intentamos mellorar a cultura de diversidade e inclusión, tanto dentro como fóra da empresa. Estamos enfocadas especialmente en temas de xénero, pero tamén colaboramos con outros grupos que se centran noutros aspectos da diversidade, como a orientación sexual, a idade, ou a diversidade funcional. Entre as actividades internas, fomentamos programas de mentorazgo e grupos de apoio, e, entre as externas, facemos actividades con universidades ou grupos locais de mulleres en tecnoloxía.

-En España lévase falado moito sobre a elaboración de políticas para o regreso de talentos. Ve opcións de volver? Ou, doutro xeito, querería facelo?

-Eu teño o privilexio de que marchei porque quixen e porque me apetecía traballar nunha tempada no estranxeiro. Agora que xa levo uns anos, por suposto que me gustaría volver. Estando fóra, sempre se bota de menos a familia, os amigos e, aínda que soe a tópico, a comida.

-Séntese unha emigrante, no sentido clásico? Os mundos non son os de antes, pero Suíza está historicamente vencellada á Costa da Morte.

-Totalmente, especialmente ao principio. É certo que coas novas tecnoloxías e as facilidades para viaxar é moito máis doado emigrar que hai uns anos, pero segue habendo diferenzas culturais, o idioma, as horas de comer, que requiren unha tempada de adaptación. Por outra banda, a calidade de vida en Suíza é moi boa, é un país precioso, e xa non é a primeira vez que atopo no supermercado a dúas persoas falando en galego do Depor-Celta.

-E, finalmente, a súa localidade natal, Cee. Que papel xogou na súa evolución profesional formarse nel? Algúns docentes do colexio ou do instituto son os responsables da súa vocación?

-A formación que recibín no colexio e no instituto serviume moito para decidirme por unha carreira técnica. Ademais, eu creo firmemente que a diversidade, que haxa distintos puntos de vista, é fundamental para que un equipo funcione ben e sexa máis creativo. E a experiencia de vivir nunha vila pequena da Costa da Morte, onde todo o mundo se coñece, e onde a experiencia é moi distinta de alguén que viva, por exemplo, en Madrid. E xa non é só que as experiencias inflúan moito en como pensas e como ves o mundo, senón en aspectos relacionados directamente con identificar necesidades ou problemas que pode haber en vilas e non en cidades grandes, e que poden afectar ao desenvolvemento de produtos.