En Berna tamén hai teatro en galego

Santiago Garrido Rial
S. G. Rial CARBALLO / LA VOZ

SUIZA

Moitos dos integrantes do Grupo de Teatro Galego de Berna son da Costa da Morte, Xallas e arredores. Acaban de representar a obra «Alegría na Corte», e con grande éxito

11 dic 2019 . Actualizado a las 09:29 h.

Berna, a cidade capital de Suíza e tamén o enorme cantón ao que lle dá nome, sempre foi destino habitual dos emigrantes da Costa da Morte. Certo que isto vale para case todos (Xenebra, Zürich, Delémont, Lausana...), pero Berna foi dos primeiros sitios aos que chegaron, hai xa máis de 50 anos, moitos veciños de Bergantiños e Soneira, sobre todo. Fixéronse, polo tanto, moitos centros galegos. Na capital floreceron o Feitizo, o Rosalía de Castro, o Centro Galego (tan ligado a Carballo) que neste ano cumpriría o medio século, de non ser que xa onde vai que pechou... Mesmo houbo un bar, A Nosa Taberna, ata tempos recentes, que funcionaba como un centro de emigrantes con moito éxito.

Nos vellos tempos a actividade cultural tiña moito peso -non eran só un restaurante-, e precisamente no seo do Rosalía de Castro nacía hai seis anos o Grupo de Teatro Galego en Berna. Se xa é raro que xurda unha agrupación teatral (e houbo máis exemplos), máis peculiar aínda é que se dedique a representar obras na mesma lingua para todos os públicos, en todo caso multiculturais, como o son moitas cidades suízas.

O grupo segue en marcha, pero houbo evolución. Fala dela a súa directora, María Barcia Allo, que tamén estivo á fronte do Rosalía de Castro, como presidenta, durante un decenio. «Xa había moito tempo que quería facer teatro, pero un teatro que rescatara e mantivera costumes, maneiras de falar e ocorrencias da nosa terra. Que o noso público entendera, que lle trouxera recursos e o pasara ben, sen un vocabulario complexo ou abstracto. Ter o orgullo de que á xente que viñemos aquí, buscando unha vida mellor, non só se nos vaia o tempo en traballar».

E así foi. Empezaron con Benditos fillos, unha obra que lles regalou a autora, Pilar Areanca, nome artístico de Pilar García Castro, natural de Ortigueira e establecida en Xenebra.

A segunda peza foi Benditas mulleres, a cargo de María Allo (Barcia é o apelido do marido, que leva ela tamén, como pasa en media Europa). «Significou moito para min, porque lle metín vivencias miñas, do meu traballo, frases que lle levo escoitando a miña nai toda a vida», sinala. Trataba sobre a dedicación, «sometemento», da muller galega na casa. «O éxito foi grande: representouse en Berna, Biel, Lucerna e Xenebra», explica. A roda xa non paraba. «Eu admiraba moito a dedicación dos que participaban no teatro, ás veces dedicándolle un tempo que ao mellor non tiñan, pero sempre chegaban aos ensaios cheos de motivación. Sentía que tiñan que ter unha recompensa polo seu esforzo, e foi cando decidín levar o teatro a Galicia», indica. Porque, ao contrario do que fixeron no seu día, por exemplo, Badius de Baio, que tiveron unha xira por Suíza, aquí pasou ao revés. «Quería que a súa xente, familia e amigos os viran no escenario. Falei co alcalde de Santa Comba, e en marzo do 2016 representouse A liberación das mulleres, diante da nosa xente!, en Santa Comba. Nunca esqueceremos semellante aventura! Cando fomos para o aeroporto pareciamos nenos que iamos a subir o avión por primeira vez, aquilo era unha feira». Para pagar as viaxes organizaran un cocido, e foi abondo.

María deixou o Rosalía de Castro en xuño do 2017, pero levou o teatro con ela, os actores seguírona, e creouse como tal o Grupo de Teatro Galego en Berna en xaneiro do ano pasado. Sen cartos nin local de ensaio, pero con ilusión. Empezaron nun salón de peiteado, o de Lidia, ao pechar, e despois foron a unha misión católica nas aforas de Berna. En xuño representaron Alegría na Corte, cedida por outro grupo, e María traduciuna, dándolle un toque galego. Hai un ano volveron a Galicia, a Santa Comba e Outes, e este sábado pasado de novo estiveron en Berna con esa obra, ante máis de 150 persoas. Pepe Constenla tocou a gaita, ao final cantaron a Rianxeira, e houbo caña de Ourense, callos e rosquiñas, entre outras moitas cousas.

Os seus integrantes son Manolo Pais Bouzas, de Ordes; María José López, do Mesón do Vento (Ordes); Mari Carmen Eiroa, de Tella (Ponteceso); José Manuel Blanco, de Outes; Milagros Lema, de Ourense, pero con marido (e casa) en Cabana; Juan Cotelo, de Cabana; María Jesús Blanco, de Bamiro (Vimianzo); Raúl López, do Freixo (Outes); Karin Rial, nacida en Berna; e a propia María Allo, da Ermida, na Baña. Como di ela, todos «libres e independentes».