Sara Bernárdez: «Non me interesaba tanto investigar sobre doenzas como sobre estar ben»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SUIZA

PACO RODRÍGUEZ

Consegue proxección internacional, agora en Suíza, cos seus estudos sobre o sono

08 nov 2019 . Actualizado a las 09:23 h.

Sara Bernárdez Noya (Santiago, 1990) regresou ao IES Rosalía de Castro, onde estudou hai anos, para compartir con estudantes e docentes do centro a súa experiencia profesional. Fai a tese de doutoramento dende hai catro anos na Universidade de Zúric (Suíza) e, entre os seus méritos, resalta que con só 29 anos teña asinados dous traballos en Science, unha das máis prestixiosas revistas de investigación de referencia internacional. «Non me interesaba tanto investigar sobre doenzas como sobre o estar ben», afirma. 

-E conseguiu iso? En que está a investigar agora?

-Conseguín. O obxecto de estudo da miña tese de doutoramento é caracterizar a marca molecular que os ritmos circadianos e os ciclos de vixilia e sono deixan nas neuronas, as células do cerebro. É un tema de investigación que está a evolucionar e a medrar. Os ritmos circadianos seguen un reloxo interno que regula a nosa actividade diaria. E ese reloxo interno é crucial para organizar o noso estilo de vida ou para aplicar tratamentos dunha maneira máis efectiva. É un tema ao que cada vez se dedican máis esforzos de investigación e a Universidade de Zúric é punteira, porque nela comezou o interese sobre a interacción entre este reloxo e o sono.

-Como inflúe nos tratamentos?

-Por exemplo, é coñecido que algúns cancros teñen un metabolismo circadiano. Iso significa que hai un momento no día en que o propio tumor metaboliza, que «come» substancias máis activamente. Se subministramos o tratamento no momento en que está completamente silencioso non vai ser efectivo; cando está metabolicamente activo, a substancia vai entrar nas células tumorais e a eficiencia será maior para combater o tumor. E de maneira similar acontece con outras doenzas.

-Os traballos que publicou en Science eran sobre o cerebro.

-Neses traballos, con máis colegas, estudei os compoñentes moleculares que caracterizan as sinapses das neuronas. As sinapses son os contactos entre neuronas, que permiten que se comuniquen para que o cerebro funcione: tanto o reloxo circadiano como os ciclos de sono inflúen sobre os seus compoñentes, a súa forma e a súa actividade.

-Como é que acontece iso?

-No traballo caracterizamos eses compoñentes moleculares, a súa actividade durante o día e a noite. Vimos que mudan e nos preparan para diferentes procesos fisiolóxicos as 24 horas. Por exemplo, nunha situación ideal, ese reloxo interno ao anoitecer prepara as sinapses para que se desfagan dos seus residuos cando durmimos; e se durmimos por volta desa hora prevista todo está ben. O problema é cando pasa o tempo e non se dorme a esa hora. E iso é tan importante para desfacer os residuos como para crear recordos.

-E ten iso relación coas horas de sono, ou coas dúas mudanzas horarias anuais, como a que aconteceu o pasado domingo?

-Nós non traballamos neses temas concretos, aínda que o reloxo interno ten moita relación con iso. Investigadores recoñecidos explican que o cambio do horario de verán trae consigo unha desincronizacion do «reloxo social» e o «reloxo solar» con consecuencias que afectan á saúde; e por facer mención especial, este efecto aínda se agrava mais en Galicia!

-Como é a vida en Zúric?

-Zúric é unha cidade moi internacional. Iso permitiu que me adaptase a unha cultura que ten unha dinámica diferente á de aquí. A organización do laboratorio favorece a flexibilidade horaria e iso é unha vantaxe. E en Suíza a investigación está moi ben considerada e ten un bo soporte. No día a día o doutoramento implica docencia, atender a seminarios, charlas e algunhas aulas; porén, a miña principal actividade é a investigación.