«Cando actúo non caracterizo a Eduardo Pondal, eu fagocítome nel»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

SUIZA

Xaime Cortizo

«É o fidalgo de Ponteceso, o que mellor entendeu a vinculación da zona co mundo celta», di o guía turístico Jesús Martínez López

07 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

É sir John Moore, Mil (neto de Breogán), Fiz Cotobelo, O Cabo Hevia, Eusebio da Guarda, o alcalde Picadillo, O Vello Pancho (Ribadeo), Juan García Naveira (Betanzos), o estudante Barcala (Santiago), Valle-Inclán... E, sobre todo, Eduardo Pondal, «un poeta polo que sinto verdadeira paixón». Jesús Martínez López, Suso López (Biel-Bienne, 1976) é fillo da emigración, «como o 40?% dos galegos daquela época, e o que me permitiu ter unha mente aberta». É guía turístico e as súas visitas ao cemiterio de San Amaro teñen tanta demanda que hai lista de espera para varios meses. Defínese como un experto e un amante da historia dende a etapa de Napoleón e fala seis idiomas: francés, italiano, inglés, portugués, castelán e galego.

Con 9 anos regresou a Galicia, en concreto, a Viveiro, onde naceron os seus pais. En 1999 quédase a vivir na Coruña tras rematar a carreira de Xeografía e Historia. Unha viaxe a Londres no ano 2003 deulle a idea para darlle un valor engadido as visitas guiadas. «Lembro un guía caracterizado de almirante Nelson, narrando coma un trobador as súas vivencias e historias. E entón díxenme que tiña que facer o mesmo en Galicia». E xa leva así máis de 14 anos.

De todos os personaxes, Eduardo Pondal representa a súa verdadeira paixón: «Cando actúo non caracterizo a Eduardo Pondal, eu fagocítome nel», di. E máis: «Para min Pondal e o Macpherson galego, o gran autor para min do rexurdimento gaélico en Escocia. Pondal é un dos tres autores de referencia do Rexurdimento da lingua, xunto con Curros e Murguía, e o que leva esa visión fantástica daquela Galicia celta ao seu máximo esplendor». Para Suso Martínez, o poeta pontecesán ten cousas que o diferencian do resto da súa época: «Como reza na súa lapida, foi o cantor da raza galega. O seus mouros e mouras son os elfos de Tolkien. A súa forma de entender e expresar o mundo celta é sublime e único. Pondal tamén fixo algo diferente: poñer a toponimia rural bergantiñá ao servizo das súas personaxes: o seu bardo, Gundar, protagonista de Queixumes dos pinos; as fadas, Toimil, Gundomil ou o pastor Temunde».

O guía cre que a marca Costa da Morte non está ben valorada no eido da cultura: «É a rexión de Europa con maiores marcas e restos do megalitismo. E niso Pondal foi un referente á hora de contalo e relatalo. Recoñezo que son un fanático da Costa da Morte, da súa historia... E Pondal foi un dos poucos que soubo entender esa bisbarra como lugar sacrosanso da cultural megalítica. Como dixo o arqueólogo José María Bello, se Dombate é a catedral do megalitismo e porque dous mil anos antes de Cristo a Costa da Morte estaba repleta de construcións megalíticas. E máis, era a zona máis adiantada do mundo no neolítico».

Repercusión

Suso Martínez non só fala da figura de Pondal, senón das repercusións culturais, sociais e patrimoniais que deixou de herdanza a súa obra. «Non só está Dombate, está a Arca da Piosa e a lagoa sagrada de Alcaián». Desta última fai un breve paréntese Suso Martínez: «No Museo Arqueolóxico da Coruña, situado no castelo de San Antón, hai o que nós chamamos o depósito de Alcaián. Son un grupo de espadas da Idade do Bronce e puntas alabardas recuperadas do fondo da lagoa de Alcaián, algo moi vencellado ao mundo celta. É unha das cousas que máis chaman a atención aos que visitan o museo».

Para o guía turístico Queixumes dos pinos «é unha Biblia», pero «non só o fragmento que serve de referencia na letra do Himno Galego, que é o que coñece todo o mundo. É a forma que tiña Pondal para enxalzar o mundo celta, coa súa maxia, os seus personaxes, os seus lugares... Pondal é sinxelamente o fidalgo de Ponteceso». E unha frase que resume a predilección de Suso Martínez polo poeta pontecesán e a definición que se fai de Gundar: «Parece un pino leixado do vento, como botado do mar de Niñóns».