Apelidos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

SUIZA

31 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

De vez en cando coincide. Unha esquela, un acto social, unha aliñación dun equipo de Segunda da Costa, un gañador dun sorteo comercial... E aí está, un apelido deses que forman parte da Costa da Morte e dos que quedan tan poucos. Seguramente nunca houbera moitos, pero foron aguantando. Son apelidos absolutamente propios, deses que naceron aquí e morrerán aquí, coas lóxicas excepcións da emigración. Porque ás veces tamén os vexo nas moitas páxinas das redes sociais que os nosos veciños teñen, sobre todo, por Suíza. Apelidos singulares, sinxelos, únicos: uns, xa con menos de dez portadores; outros, con menos de cen. No INE hai unha ferramenta que permite ver cantos quedan e en que municipio. Non é algo que esmoreza dun día para outro. Poderíase comparar ao carballo de Vilar de Francos, que está secando e quedando sen pólas, pero nós non o veremos: nunha árbore de máis de 500 anos, pode que os que nacen agora si o vexan xa sen vida cando cheguen aos 80. Os ciclos da vida non son os que nós queremos, son os que son.

Non me gusta citar apelidos concretos, porque elixir é renunciar e parece que non hai outros. En fin, por citar algúns, imos aguantando como podemos dos Coscoñas, dos Brandulas. Dos Pondal, Ternande, ou Ézara. Dos Infesta ou Trasmonte, dos Queaires ou Pacoret, dos Pardines ou Malpica (ambos, neste municipio). Dos Góñez, Cabrejo, Alfeirán, Bujeiro, Castreje e Castrege, Lizancos e Papín. Nantón, Graíño, Sambade, Agulleiro, Verdes e Veres, Bardullas e Baliña, Baneira e Ures.., E moitos máis. Esta si que é historia da Costa da Morte. ¿Futuro? Xa veremos.