Nastasia Zürcher: «Porto do Son e Baroña son para min fontes de inspiración»

La Voz

SUIZA

A artista ofrecerá na Pousada un concerto para presentar o seu segundo traballo discográfico, «Beat»

17 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Desembarcou no 2000 en España e, desde hai tres anos, vive a cabalo entre Santiago e Porto do Son. Mañá, a cantante nacida en Suíza Nastasia Zürcher regresará á Pousada das Ánimas para presentarlle aos que xa considera os seus veciños o novo traballo, Beat. Trátase dun disco, coma o anterior, repleto de ritmos afro, pop e folk.

-¿Que lle ofrece ao público neste segundo disco??

-É un traballo que se move pola vertente máis moderna da música negra, do novo soul, ao tempo que recolle outros ritmos do mundo.

-¿Marca con el algunha diferenza con respecto ao traballo anterior?

-É máis ben unha evolución natural e esperada, pois recolle os estilos nos que sempre me movo, aínda que quizais cun carácter máis afro, pois hai unha aposta pola instrumentalización, na que cobra peso a percusión.

-¿De que fala nestas dez cancións de composición propia?

-Esta sempre se me antollou unha pregunta moi difícil de responder. Digamos que falo de temas vitais, que xiran ao redor das experiencias do camiño. Tamén hai cancións desenfadas, pero convido á xente a que escoite o disco para descubrilas.

-Era case obrigada esta presentación na Pousada, sala da que é asidua, ¿non?

-Si, teño ofrecido alí varios concerto e tamén teño acudido a moitos como espectadora. É un lugar fabuloso para a música en directo, tanto polas condicións de son que reúne como pola acollida incrible que temos os artistas por parte de Suso Santamaría. A Pousada é un referente no circuíto nacional de música en directo.

-¿Sorprende o estatus que acadou esta sala localizada nun pobo pequeno?

-Si, pero iso é realmente o que a fai especial. Oxalá houbera máis salas coma esta no resto da comarca, xa que é unha zona con moita xente que fai música e moitos veciños que a consumen. É unha ledicia que un pobo coma Boiro teña un espazo destas características.

-¿Hai algo de Porto do Son nesas novas composicións?

-Ao igual que toda Galicia, Porto do Son e o castro de Baroña son para min fontes de inspiración, sobre todo de aqueles temas que aparecen en galego neste disco. Tamén hai composicións en castelán, en inglés e en francés. A presenza de tantos idiomas constitúe tamén unha novidade con respecto ao traballo anterior.

-¿E xa ten enriba da súa mesa outros proxectos de cara ao futuro?

-Sempre teño entre as mans proxectos vinculados ao eido musical, pero nestes intres estou dedicada por completo á presentación de Beat e á proposta en directo de cara a concertos e festivais. Estamos pulindo o espectáculo para ofrecerlle ao público unha actuación de calidade. Tamén estamos co lanzamento de videoclips.