O papel da emigración no pósito de pescadores de Burela

HERMINIA PERNAS OROZA

RETORNADOS

Escola de americanos construída en Burela
Escola de americanos construída en Burela Colección Particular

Emigrantes retornados puxeron tamén a súa experiencia foránea ao servizo da confraría

12 feb 2024 . Actualizado a las 17:03 h.

Entre os anos 1900 e 1930 emigraron dende a parroquia de Burela cara a América un total de sesenta homes e trinta e cinco mulleres. Evidentemente, non constan todos os que foron xa que as fontes censuais refírense aos anos rematados en cero, polo que non recollen aqueles casos semellantes ao de José Insua Mon, emigrado en 1911, que figura no padrón de 1910, e que regresou en 1915, aparecendo outra vez no padrón de 1920. Pero esta excepción non é quen de impedirnos elaborar o perfil do emigrante burelao que, por outra parte, non difire en absoluto da propia natureza da emigración galega e, por conseguinte, da mariñá.

Ata finais dos anos vinte dáse un predominio total de migrantes masculinos, pero posteriormente a cifra de mulleres comeza a acercarse á de homes, ata chegar a superala nalgunha ocasión. Disto despréndese que medra o número de familias que se reunifican na outra beira do Atlántico, corroborando a importancia do compoñente definitivo que presenta a emigración nesta zona.

Evidénciase tamén unha alta porcentaxe de solteiros e solteiras, en clara sintonía coas idades declaradas: os grupos maioritarios eran por esta orde, os de 21-30 anos, 11-20 e 31-40. Constituían, xa que logo, unha man de obra moza que marchaba para traballar e labrar un porvir.

Se afondamos agora no grao de parentesco, atopamos que ata o ano 1910 só emigraban os cabezas de familia varóns —nos fogares quedaban as mulleres cos fillos e os anciáns—, pero a partir dos anos vinte rexístrase a presenza do sexo feminino na xefatura de familia, aumenta o número de esposas emigradas e, sobre todo, o de fillos e fillas. As razóns para a marcha destas mulleres eran, nuns casos, a súa condición de noivas e de donas de emigrados, que pasaban así de ser “viúvas de vivos” a se converteren en mulleres migrantes; e noutros, o factor decisivo foi o seu desexo de mellorar economicamente.

Profesións

En canto ás súas profesións, os homes adoitaban ser pescadores e/ou mariñeiros, mentres que as mulleres eran amas de casa, labregas ou xornaleiras. Respecto aos países americanos aos que marchaban, dous foron os destinos predominantes e persistentes ao longo do tempo: Arxentina, destino case único para os concellos de Cervo e Alfoz; e Cuba, predominante nos concellos veciños de Barreiros, Foz, Viveiro e Ourol.

Cómpre facer aquí unha observación relativa aos mariñeiros que se dedicaban á navegación de cabotaxe polo Golfo de México. Os emigrantes das parroquias cervenses de Burela e Lieiro residían en Nova York, como foi o caso de José Antonio Lestao Manzano, mentres que os naturais da parroquia de Cangas de Foz asentáronse en Tampa e Miami. Este feito lévanos a pensar nos galegos do Golfo de México, que retrata Neira Vilas nunha obra súa de idéntico título, pero os desta zona non traballaban no Golfo dende a beira cubana senón que o facían desde a norteamericana. Como se indicou antes, Arxentina, Cuba e, en menor medida, Uruguai foron países preferentes para os emigrantes da Mariña, pero tampouco se poden esquecer destinos puntuais como Paraguai, Chile, Panamá, México e Brasil.

O seu indiano

Aínda que esta zona se caracteriza polos escasos retornos, sempre hai alguén que regresa e que o fai desenvolvendo un papel importante na sociedade burelá da época. Dicía J.A. de Zunzunegui na súa novela «La Úlcera», que todos os portos do Cantábrico tiñan o seu indiano. Pois ben, o porto de Burela é unha desas excepcións que sempre existen á hora de establecer calquera norma ou regra. Ao máis que se chegou aquí foi a contar coa presenza daqueles “americanos” que sen acadaren unha gran fortuna, conseguiron formar parte da pequena burguesía local ao se converteren en propietarios de tendas, tabernas, armadores e patróns de barcos. Mesmo algúns desempeñaron cargos públicos, feito que lles proporcionaba un certo recoñecemento e sona entre a veciñanza.

Estes retornados caracterizáronse en primeiro lugar, pola adquisición de barcos de vapor: os irmáns Lestao Manzano, Benito García Labrada ou Mariano Basanta Abad; e en segundo lugar, por montaren tendas, entre as que destacamos a de Nicolás Domínguez Díaz e a de José Antonio Cao. Así mesmo, houbo unha muller, Benita Pardo Mon, que emigrara co seu marido a Bos Aires, onde o pai dela chegara a ser un afamado vendedor de tecidos que exportaba a toda a Pampa, e que ao regreso tamén abriu un establecemento comercial, mentres que o seu home se converteu en armador e patrón.

Veñen despois casos puntuais como o que regresou convertido en oficinista (José Villarejo Río), o que mercou leiras para despois arrendalas (Benito Rodríguez Legazpi) e finalmente, o mozo que estando en Bos Aires lle tocou a lotería e retornou de contado co diñeiro suficiente para construír unha casa (Ricardo Pena Mon).

«Hacer escuela»

Resulta interesante comprobar como aqueles emigrantes retornados, á parte de se converteren en armadores e patróns de barcos, puxeron a súa experiencia foránea ao servizo do pósito de pescadores; velaí o seu desenvolvemento de cargos públicos, como sinalamos máis arriba.

Entre os membros da primeira xunta directiva figuraban dous emigrantes, un como contador, Federico Ruiz Mon, e outro como vogal, Ricardo Pena Mon. Os nomes de retornados vencellados con esta entidade foron numerosos: José Antonio Lestao Manzano foi presidente do mesmo en dúas ocasións (1931-34 e 1954-57), ademais de ser o impulsor, nos anos 50, da Escola de Orientación Marítima; José García Abad exerceu o cargo de contador; Paulino García Abad desempeñou o posto de secretario da Mutualidad de Accidentes de Mar y de Trabajo encargándose tamén “de hacer escuela”; Benito García Labrada actuou de secretario e resultou ser un home clave na boa marcha do Pósito; e finalmente José Villarejo ocupouse do posto de tesoureiro ademais de responsabilizarse da venda do peixe.

A sociedade Centro del Partido de Vivero financiou 3 centros escolares en Cervo, Burela e Xove

Pero quizais a mostra de adhesión máis emotiva por parte da Xunta Directiva foi a que tivo cos mariñáns residentes en Bos Aires, concretamente, coa sociedade Centro del Partido de Vivero de Cultura y Beneficencia. O presidente do pósito burelao, Domingo González, agradece a construción dun porto de refuxio nesta parroquia, conseguido indirectamente grazas aos fillos de Viveiro en Bos Aires: «A vosotros, buenos patriotas, que desde la lejanía pensáis constantemente en el santo y bendito suelo de España, se debe indirectamente el triunfo de Burela. Vosotros ofrendasteis a este pueblo un Templo de Enseñanza, la

Escuela, y a la Escuela se debe el muelle. De la pluma de Don Camilo Fernández Díaz (mestre nacional) en torno del cual nos hemos unido los pescadores, brotó esta mejora que a él y a vosotros honra. Sírvaos de satisfacción, y recibid nuestro cordial saludo». (Carta reproducida en Vivero en el Plata, nº 253, novembro de 1930).

Non era para menos porque a sociedade Centro del Partido de Vivero financiou a edificación de tres establecementos escolares, dous no concello de Cervo (nas parroquias de Burela e Cervo) e outro no de Xove.

«Nuestro terruño»

Estes “Hijos de Vivero”, como eran coñecidos, manifestaban a través do seu órgano de expresión, a revista «Vivero en el Plata», que non esquecían «aquel rinconcito de nuestro terruño donde vimos por vez primera los resplandores del astro rey», e cara ó que sen “bombos” nin “estridencias” desenvolvían o plan trazado no seu día por un pequeno grupo de viveirenses.

En 1931, das dezanove persoas que integraban a Comisión Directiva desta sociedade, oito eran naturais do Concello de Cervo.

 

Traxedia no mar

Ó amparo da súa axuda acudíase cando sobreviña algunha desgracia como a sufrida polos tripulantes do pesqueiro burelao Ramón Ben que se foi a pique por mor da explosión da súa caldeira. A secretaría do Centro recibiu unha circular procedente do pósito de pescadores de Burela na que se solicitaba o seu concurso para socorrer a propietarios e mariñeiros do vapor siniestrado ao quedaren sen medio de traballo. (Vivero en el Plata, nº 264, outubro de 1931).