Aníbal Blanco: «A emigración é un tema moi duro»

O copropietario de Tapias de Mariñán defende a calidade dos viños de Monterrei e augura que terán un gran crecemento

Aníbal Blanco, copropietario de Tapias Mariñán
Aníbal Blanco, copropietario de Tapias Mariñán

ourense / la voz

A biografía de Anibal Blanco Núñez (Laza, 1965) e a da súa familia, que levantou na comarca de Monterrei o proxecto vitivinícola Bodegas Tapias de Mariñán, non garda moitas diferenzas coa que viviron centos e centos de galegos da súa xeración que se viron obrigados a facer as maletas e emigrar. No seu caso, o novo destino estaba a golpe de tren: Barcelona. Foi o seu fogar durante catro décadas, un longo período no que a morriña e as ansias por regresar a súa terra non facían máis que crecer e crecer. «Como gran parte da poboación galega tivemos que emigrar e foi unha mágoa, porque saíu do país unha xeración moi traballadora e que tería feito moito por Galicia».

Do relato que fai Aníbal da súa experiencia na emigración denótase un profundo amor pola súa terra e tamén unha forte dor por estar separado do sitio no que naceu. «A emigración é un tema moi duro. Que ningún o tome a broma porque son moitas noites de chorar e de pensar, cada vez que viñas de vacacións, se merecía a pena volver. Os galegos na emigración traballamos moi duro, tanto a miña xeración como as anteriores. Tiñamos moito prestixio. O galego cando chegaba xa o estaban esperando para traballar», explica.

Con quince anos, Aníbal Blanco comezou a traballar no ramo do comercio. Aínda se emociona cada vez que recorda ao seu jefe. «Segue sendo o meu segundo pai, porque che deu unha educación, un respecto e unha paixón polo traballo. Chega un momento no que evolucionas e montas a túa propia empresa, que no noso caso foi unha empresa de comercialización de produtos como viño ou de alimentación ao por maior e ao por menor». Nin el nin os seus dous irmáns (Antonio e Manuel) o sabían aínda, pero estaban dando os primeiros pasos do que posteriormente sería a bodega Tapias de Mariñán, xa un referente da denominación de orixe Monterrei. A bodega naceu desa paixón polo viño e pola terra, pero tamén dos seus coñecementos adquiridos nesa primeira experiencia laboral. «Sabiamos que o viño galego se vendía moi ben en Cataluña e decidimos poñer a bodega en marcha, facer unha reconversión dos viñedos e producir uvas. Era o ano 1990», explica

Durante un longo período Aníbal e o seu irmán Antonio permaneceron en Barcelona coa distribuidora, mentres que Manuel foi o encargado de poñer en marcha a bodega nos viñedos de Pazos (Verín). Todo cambiou no ano 2013, cando faleceu Manuel. Foi o momento no que Anibal fixo definitivamente as maletas para regresar a súa terra e pórse ao fronte da adega. «Volver sempre é reconfortante, aínda que tamén chegas con outros parámetros de pensar e outro ritmo de vida. A experiencia está sendo moi positiva», resume.

Aníbal Blanco recoñece que o traballo no campo é duro e ten que gustar, pero apunta a influencia do seu avó que sempre lle falou das cepas como unhas «plantas máxicas ás que hai que coidar e procesar». Esa paixón familiar é a gasolina que o move cada día: «Isto non pode ser un traballo porque hai momentos moi duros. Senón o gozas e non che gusta, non o fas».

Tapias de Mariñán conta con unha variada gama de viños, que dan resposta a diferentes perfís de consumidores. Producen ao ano 1,2 millóns de quilos de uva. Teñen tres liñas de produtos: O Quinta das Tapias, que é a súa marca emblemática; Pazo Mariñán, que é un plurivarietal; e o Colleita, que é de viñas máis novas pero con matices diferentes.

E cal é a filosofía de Tapias de Mariñán? Aníbal Blanco resúmeo en tres piares: «Servizo, calidade e prezo. Ti terás éxito se consegues aplicar estes tres piares, senón non conseguirás ir moi lonxe». Tampouco falta a aposta pola industrialización dos procesos. Sobre a D. O. e o seu futuro non dubida: «Foi das dúas comarcas de viñedo máis importante de Galicia. Aquí producíanse máis de 80 millóns de quilos. Pouco a pouco fóronse transformando eses viñedos de grandes producións e baixa calidade, entendida aos estándares de agora, por outras cun potencial vinícola incrible con uvas de albariño, treixadura, o godello, ao que aquí chamamos verdello... Monterrei vai crecer moito máis, a base de calidade».

 

«O futuro vémolo complicado, pero tamén esperanzador»

Os viticultores miran con preocupación ao futuro que depara a crise do coronavirus, que freou en seco as ventas na canle da hostalería e da restauración. «O futuro vémolo complicado, pero esperanzador. Entendemos que imos a pasar dous anos, esperemos que non sexan máis, moi complicados e duros», explica Aníbal Blanco. En Tapias de Mariñán reuniron aos viticultores cos que traballan para facer os seus viños para mandarlle unha mensaxe de tranquilidade: «Foi gratificante. Nesta empresa somos varios socios, pero os viticultores forman parte da sociedade. O 80 % da uva que vendemos é propia e o outro 20 % dos viticultores, pero esa produción forma parte da empresa e quixemos dicirlle que hai sitio onde meter as uvas, grazas a que estamos nos dous canais de venta, alimentación e Horeca, que supoña o 40 % das ventas. «A normalidade nese canal aparecerá cando a xente teña esa tranquilidade de poder gozar dun restaurante. Vai custar».

Votación
0 votos
Comentarios

Aníbal Blanco: «A emigración é un tema moi duro»