Araceli Gago: «A radioterapia metabólica é efectiva para o tratamento de varios cancros»

Física e investigadora do IDIS, traballa para conseguir que cheguen aos doentes as doses de radiación axeitadas


santiago / la voz

Para Araceli Gago, Latinoamérica foi «unha oportunidade excelente. Ao finalizar a carreira de Física e o doutoramento na USC, ampliei estudos en Chile, na área que máis me interesaba, a radiobioloxía, que consiste en desenvolver modelos matemáticos que permitan explicar a resposta do tecido á radiación nos tratamentos. Estiven na Pontificia Universidade Católica de Santiago de Chile, que ten moi bo nivel e está ben posicionada nas clasificacións internacionais; alí conseguín unha praza nunha convocatoria competitiva de profesorado con 32 anos, algo moi complicado en Europa a esa idade», manifesta. Recentemente regresou, para traballar no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).

-Como resultou o regreso para traballar no IDIS?

-Conseguín un contrato do programa Marie Curie, da Comisión Europea, e estou integrada no Grupo de Física Médica e Biomatemática, que dirixe Juan Pardo. Manterei a colaboración con proxectos en Chile e en setembro regresarei alí uns días.

-Como é ese grupo do IDIS?

-Está integrado por cinco especialistas en Física, e colabora cos servizos de medicina nuclear e Radiofísica do CHUS.

-Ten moita presenza a Física na actividade sanitaria?

-Clasicamente, a Física Médica traballou nos hospitais, da man de especialistas en oncoloxía, para deseñar tratamentos de radioterapia, para o control das máquinas empregadas para radiodiagnóstico, e en materia de protección radiolóxica. É un traballo que favorece controlar as exposicións de doentes nas análises de diagnóstico clínico cando se usan radiacións.

-En que consiste o seu proxecto de traballo agora no IDIS?

-Traballo nun proxecto centrado na radioterapia metabólica, que é efectiva para o tratamento de varios tipos de cancro, como os de tiroide, neuroblastomas, linfomas, de óso ou tumores neuroendócrinos.

-Como é efectiva?

-A radioterapia metabólica consiste en administrar a doentes para tratar o cancro fármacos con radionucleidos, que son átomos que emiten radiación. Estes radiofármacos presentan afinidade con certos receptores das células tumorais, onde se depositan de maneira preferente, e iso permite controlar o tumor cunha dose de radiación. A técnica evita irradiar os tecidos sans circundantes e permite tratar o tumor primario, tamén células espalladas en forma de metástase, e mesmo poboacións de células aínda non localizadas polas técnicas de diagnóstico convencionais.

-E como contribúen coa investigación?

-O noso proxecto tenta desenvolver métodos para calcular a dose de radiación exacta depositada en doentes.

-É moi utilizada no CHUS a radioterapia metabólica?

-Si, o servizo de medicina nuclear trata doentes con esta terapia de xeito habitual, hai unha forte expansión nos últimos anos e en Europa xa se superan as cen mil terapias anuais. Unha normativa europea relativamente recente aconsella que as determinacións das doses se fagan de maneira personalizada para cada doente e o noso proxecto está enfocado a ese obxectivo: en mellorar a exactitude coa que se determina a dose en doentes para poder subministrar a dose a doentes de radioterapia metabólica de xeito personalizado. Hai unha colaboración estreita co doutor Álvaro Ruibal e co servizo de medicina nuclear, que forman tamén parte do proxecto.

-No CHUS funciona un ciclotrón, é de interese para ese traballo?

-Si, o ciclotrón favorece que se fagan terapias aquí e tamén ten proveito para a investigación. No noso grupo facemos cálculos matemáticos de como se deposita a dose nos tumores de doentes e validamos que os cálculos están ben feitos. Tamén podemos traballar con maniquíes para facer medidas que permitan validar os cálculos que realizamos.

Votación
0 votos
Comentarios

Araceli Gago: «A radioterapia metabólica é efectiva para o tratamento de varios cancros»