As asociacións galegas de emigrantes retornados comezaron hai un ano as mobilizacións contra as esixencias e as sancións por non declararen as pensións de xubilación. O Ministerio de Hacienda anunciou recentemente que lles retira as sancións, aínda que mantén reclamacións por atrasos de 5 anos: «Este primeiro paso non é suficiente, porque nós nunca fomos defraudadores, a nosa situación era ben coñecida. Por iso o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sempre nos deu a razón», afirma Manuel Domínguez, quen hai 13 anos promoveu en Santiago a asociación de emigrantes retornados Marusía. Agora é dos portavoces das 19 plataformas que se constituíron no país. Hoxe, ás 11.00, participará, como representante do colectivo, nunha entrevista coa conselleira de Facenda, a quen lle presentarán un documento reivindicativo: «só pedimos o mesmo trato que teñen as persoas xubiladas aquí, e que non se nos discrimine máis despois de ter emigrado», indica Manuel Domínguez.