Inaugurada a exposición que lembra a emigración galega a Inglaterra

la voz

REINO UNIDO

EDUARDO PEREZ

«As xeracións do Montserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido» abriu as portas no Kiosko Alfonso da Coruña

21 nov 2023 . Actualizado a las 21:16 h.

As xeracións do Montserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido é o título da exposición que se inaugurou onte no Kiosko Alfonso da Coruña. Organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e comisariada polo xornalista e escritor Xesús Fraga, reflicte o fenómeno migratorio galego nun período e nun país moi concreto, o que terminou en Inglaterra entre os anos 1960 e 1974.

Na mostra pódense ver fotografías de Alberto Martí e Manuel Ferrol, que retrataron nos portos de Vigo e da Coruña as partidas dos grandes transatlánticos; o boneco que Lourdes e Manolo trouxeron ao seu fillo Esteban; a primeira libra que gañou Pilar, ou a vaixela de Royal Gale que Mary mercou peza a peza semanalmente para o seu enxoval.

Son pequenos obxectos cotiáns e recordos reconvertidos en material expositivo que ofrece unha ollada emocional da emigración galega. Estímase que foron 240.000 galegos en dúas décadas os que fixeron a viaxe. A mostra estará ata o 14 de xaneiro.