Sonia Fernández, enfermeira lucense en Londres: «Aquí temos máis responsabilidades, e contrato fixo dende o principio»
REINO UNIDO
A sanitaria emigrada no 2012, que se especializou e formou no Reino Unido, resalta as oportunidades para ascender
08 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Sonia Fernández López é enfermeira por vocación. Tanto é así que, ao acabar a carreira e ver o difícil que era conseguir un traballo en Lugo ou no resto de Galicia, decidiu arriscar e marchar para Londres. Dez anos despois, conseguiu postos de responsabilidade, e resalta que dende o primeiro momento optou a contratos fixos de traballo..
—Como acabou en Londres?
—Rematei a carreira no 2011, estiven un ano por Lugo e daquela, case non había traballo. Incluso intentei nas privadas... pero nada. Ese ano fixen un curso de especialidade en emerxencias, urxencias e catástrofes. Chegou o 2012 e eu marchei para Londres.
—Por que?
—En primeiro lugar, como dixen, porque en Lugo non tiña traballo. En segundo, que eu xa estivera na cidade cunha beca, e gustárame moito.
—Leva traballando como enfermeira dende que chegou?
—Non, eu empecei de au pair para perfeccionar o meu inglés durante un ano. Entón, souben que a cousa en Galicia aínda non estaba ben, polo que decidín buscar traballo aquí. Así que levo sobre nove anos traballando do meu.
—En que se empregou?
—Eu sabía que quería facer urxencias ou uci, e colléronme nas primeiras, nun hospital xeral ás aforas de Londres, onde estiven ano e medio. Despois, marchei para o centro porque quixen probar a uci, e entrei nunha de neuroloxía onde estiven outro tanto. Coa experiencia que tiña, cambiei de idea outra vez, e decidín que quería volver para urxencias.
—E a onde foi parar?
—A un hospital dos que chaman de nivel un, de traumatoloxía. Hai catro en todo Londres, e son os que tratan accidentes graves e todos os sucesos. Eu adoro traballar en urxencias, sobre todo porque puiden subir de escala e ter un cargo en certa parte do meu departamento. E aí estiven catro anos.
—Ten que ter moita presión.
—É un traballo bastante estresante, e tras a primeira onda do coronavirus decidín facer algo de investigación, así que investiguei sobre covid durante seis meses. Despois, atopei outro traballo de enfermeira especialista en doazón de órganos no que levo un ano, e no que me estou formando moito.
—Ten responsabilidade?
—Aquí a coordinación de todo o proceso de doazón levámolo as enfermeiras.
—Plantéxase volver a Lugo?
—Estou moi contenta, vivo ben e gústame o meu traballo. Tras 10 anos aquí si é certo que penso en se é o momento de volver... Pero unha das cousas que mais medo me dá é o traballo porque realmente non cheguei a traballar en Galicia. Ademais, sei que a organización e a forma de facer é algo distinta polo que tamén penso en se poderei acostumarme ou non.
—Como é a sanidade en Reino Unido?
—Aquí hai un sistema nacional de saúde público. Eu todos os traballos que tiven eran permanentes e fixos e así son case sempre, salvo algunha excepción como a cobertura de baixas de maternidade. Eu sempre que cambiei de traballo foi porque quixen.
—Hai listas para enfermeiras eventuais como as do Sergas?
—A ver, hai algo parecido, pero non igual. Ti podes elixir non ter contrato permanente para escoller as túas quendas. Se o fas así, cobras máis e non te soen chamar tampouco dun día para outro, tes como máis antelación e están moi ben pagados.
—E que máis poden facer?
—Hai outras opcións, xente que traballa na enfermaría de autónoma porque cobra máis que cun contrato permanente xa que as quendas están mellor pagados porque avisan con menos antelación.
—Que diferenza hai entre as enfermeiras de Londres e as de Galicia?
—Aquí temos máis responsabilidades e facemos máis cousas. Atribúensenos máis funcións e, por poñer un exemplo, podemos dar ata altas. As posibilidades de ascender, en resumo, son maiores.