Olga Castro: «Os que residimos aquí non sabemos como vai afectar o Brexit no día a día»

F. JORQUERA / Y. GARCÍA CERVO/LA VOZ

REINO UNIDO

XAIME RAMALLAL

Con dez anos vivindo preto de Birmingham, a docente cervense na Universidade de Warwick sinte «incertidume» polo divorcio do Reino Unido da UE

04 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende sempre, o Reino Unido tamén foi a «segunda casa» de mariñáns que un bo día decidiron poñer o pé no país británico para labrarse un futuro, daquela probablemente sen imaxinar entón que un proceso coma o do Brexit acabase sendo realidade, coa saída do país da UE xa en proceso de transición firme ata que remate este 2020. Hai dez anos que a cervense Olga Castro asentou residencia (e agora familia) preto de Birmingham. Actualmente é profesora de estudos de tradución na Universidade de Warwick. A entrevista reproduce parte da conversa que mantivo con Félix Jorquera, condutor do programa «Voces da Mariña» de Radio Voz. Na mesma, fixo tamén unha fonda e pormenorizada análise da realidade e división socio-política que se vive alá e que, como ela mesmo comprobou, trasládase a ámbitos máis íntimos: «É un tema que chegou a converterse en tabú dentro do espazo familiar e doméstico». «Mesmo dentro das mesmas familias —explica— está habendo moita división. Teño infinidade de amigos que me din que se evita falar do Brexit nas súas familias porque é un tema moi conflictivo, si».

—Como viviu as primeiras horas nese país, o Reino Unido, fóra da Unión Europea?

—Vexo un contraste entre os días previos. Falando da miña experiencia e no contexto que me rodea, o que percibía era un pouco de desánimo e cansancio, sobre todo despois de meses, anos incluso, do Brexit, un pouco a actidude de ‘xa que ten que pasar, que pase dunha vez e a ver o que vén despois’ tendo en conta a incertidume do que se aveciña. Pero na noite da saída da UE as cousas mudaron. Dende a nosa casa poidemos escoitar foguetes.

—Era previsible que sucedese?

—Eu sempre percibín unha actitude como de sospeita cara a Europea. Que non se adoptase o euro como moeda xa demostra que houbese un pouco de receo, non? Despois, outra cuestión moi clara; e é que sempre se vía a Europa como un continente. Por dar un exemplo, cando ías a Correos mercar un selo para Italia, Holanda e Portugal, tanto tiña, pedías ‘un selo para Europa’. Era como que o Reino Unido non ‘fose’ Europa. Eses pequenos detalles xa demostraban como se vía o continente, como algo distinto ao que era Gran Bretaña. Que isto ía chegar onde chegou... eu creo que non se prevía. De feito, cando o exprimeiro ministro, David Cameron, propuxo este referendo, considero que o fixo crendo que ía gañar o ‘si’ que demos en Europa. Creo que non se mediron ben as percepcións que había e que, dende logo, están moi vinculadas a racismo e inmigración.

—Nese senso, como non británica, nota algún tipo de comportamento distinto dende que se sabía que o Reino Unido deixaría a UE?

—A nivel de ataque persoal contra min e a miña familia, non. Por sorte non tiven ningún de maneira directa. De maneira sutil, moitísimos, en todas partes. Para empezar, lembremos que o primeiro ministro escollido recentemente cunha maioría absolutísima declarou ‘xa está ben que as persoas migrantes que vivimos aquí, residimos aquí, sintamos que este país é noso’. Considero que iso é un ataque contra todas as persoas que estamos aquí, non só residindo(...).

—Á hora de viaxar, moitos británicos escollen o estado español ou países que pertencen á UE. Vén perigrar algúns privilexios a moverse libremente pola UE?

—Si o percibo. Moita xente que estivo a favor do Brexit di que o único malo que ten é que logo non poidan ir de vacacións a Marbella. Moi curioso. En todo caso, continúa a sensación de incerteza porque a saída ainda se produciu onte [o venres 31] e hai este periodo de graza ata finais de ano, cando teñen que estar negociados todos os dereitos e acordos bilaterais que podan existir entre o Reino Unido e o resto da UE. Non se sabe moi ben que vai pasar cos carnés de conducir, se van valer ou non para conducir fóra do Reino Unido... É dicir, todo este proceso do Brexit baséase na improvisación. Propúxose un referendo cunha pregunta sen planificar sequera como podería executarse ese Brexit no caso de que o voto fose positivo, e nestes tres anos que levamos do Brexit o que vemos é unha improvisación continua. De aquí a finais de ano a verdade é que nin as persoas británicas nin as persoas europeas migrantes que residimos no Reino Unido sabemos de que maneira nos vai afectar no día a día.

«No Reino Unido necesítanse persoas migrantes que fagamos certas profesións»

—A nivel laboral, cre que o seu traballo poda perigar nesta nova situación de divorcio da UE?

—É unha resposta que require tamén de certos niveis. Dende o punto de vista persoal, polo que me pregunta, non vexo ningún perigo no meu traballo porque realmente no Reino Unido necesítanse persoas migrantes que fagamos determinadas profesións. Eu traballo nunha universidade e nela hai persoas de todo o mundo: chinesas, latinoamericanas, estadounidenses, australianas... O perfil da universidade é moi internacional. Ou pechan as universidades ou nos necesitan! Mesmo sucede no sistema público de saúde, que se utilizou moitas veces como excusa, esquecendo que funciona grazas aos médicos e médicas, enfermeiros e enfermeiras doutros países e de países da Unión Europea. Por falar dun exemplo que vivín moi recente, falando coa directora da gardería á que vai a miña filla dicíame que están tendo moitísimas dificultades para atopar persoal, necesitan contratar a dúas persoas máis e non atopan. Están pensando se alguén de fóra quixera vir! É dicir, o discurso de que ‘veñen a roubarnos o traballo’ é realmente interesado e non reflicte a realidade económica e laboral do país(...).