Clive Boutle: «A riqueza da literatura galega foi unha revelación para min»

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

REINO UNIDO

kathryn tattersall

O editor presentará a vindeira semana en Galicia o seu catálogo de traducións do galego ao inglés

13 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Clive Boutle fundou en Londres en 1999 a editorial Francis Boutle Publishers, que nos últimos anos vén sumando ao seu catálogo varias traducións do galego ao inglés e obras que atinxen a Galicia. Entre elas, cóntanse o ensaio National Identities at the Crossroads, de Xabier Payá e Laura Sáez; a antoloxía Breogán’s Lighthouse; Diary of Crosses Green, de Martín Veiga, na versión inglesa de Keith Payne; The Power of the Smile, no que John Rutherford analiza o sorriso na literatura e na arte, incluído o Daniel do pórtico da Gloria; Sempre en Galiza, de Castelao; e Home is Like a Different Time, de Eva Moreda, ambos traducidos por Craig Patterson. Boutle visitará Galicia a semana que vén, xunto con algúns dos autores e tradutores, para presentar os seus libros galegos. O luns estarán en Santiago (USC, 12.00 horas; Couceiro, 20.00) e o martes en Vigo (UVigo, 10.00; Librouro, 20.00), para recalar o mércores en Pontevedra, o xoves en Rianxo (IES Félix Muriel, 11.00; Auditorio, 20.30) e o venres en Ourense (Liceo, 20.00).

-Cal foi o seu primeiro contacto co galego e a súa literatura e como se foi desenvolvendo o seu interese?

-O meu primeiro contacto co galego foi no 2010, cando buscaba editores para as miñas series de antoloxías de linguas europeas minorizadas. Coñecín a Antonio de Toro Santos, da Universidade da Coruña, e compilou a antoloxía bilingüe Breogán’s Lighthouse. Para min, a riqueza da literatura galega foi unha revelación. Aínda estou cativado polas traducións de Rosalía de Castro, ás que volvo con frecuencia. Tiven a sorte de coñecer ao tradutor Craig Patterson nun congreso en Cork hai uns anos e o resultado foi a tradución maxistral de Sempre en Galiza, de Castelao. O seu libro axudoume a clarificar as miñas propias ideas sobre cultura e identidade: Sempre en Galiza é un modelo para como podemos achegarnos á cuestión do autogoberno, un tema que non é menor no Reino Unido en comparación con España.

-Cal é o seu propósito cando publica obras galegas dirixidas a un público que quizais non coñeza o país e a súa lingua?

-O meu propósito é, sinxelamente, conseguir que os lectores en lingua inglesa sexan conscientes da diversidade cultural de Europa, sexa en galego, feroés ou occitano. O galego coñécese máis en Irlanda que en Inglaterra e existen experiencias compartidas, como a emigración, por exemplo. Tamén hai unha dimensión persoal: chego a voces que doutro xeito non sería posible escoitar.

-Xa é un tópico citar o difícil que é introducir traducións no mercado británico. Que se pode facer para inverter esa tendencia?

-En realidade, na actualidade existe un apetito maior por obras traducidas ao inglés, sen dúbida. Editores independentes e grupos de presión (e premios!) contribuíron a unha maior apreciación polas traducións. Hai un maior recoñecemento do valor da tradución como profesión e estes días é máis frecuente ver os nomes dos tradutores nas capas dos libros. Pero aínda hai moito por facer. Moitos dos que traballan no eido das linguas con menor número de falantes amosan unha gran paixón por establecer conexións con outras culturas minorizadas. No Reino Unido, semella que o desexo de mirar alén da nosa cultura é inversamente proporcional ao noso illamento político (brexit). Engadiría que, no caso de Galicia, o goberno autonómico necesita valorar a súa lingua e cultura propias e desexar activamente a súa exportación!

-Este tipo de libros corren o risco de quedar nos círculos académicos. Como se pode rachar con iso?

-Iso é moi certo! Consideraría o meu proxecto un fracaso se os meus libros só chegasen ás bibliotecas universitarias e aos andeis dos académicos. Por iso promociono o meu traballo con lecturas públicas en pubs e librarías. Por iso insisto en incluír xéneros non literarios nas miñas antoloxías.

-«Breogán’s Lighthouse» figura na lista dos máis vendidos do seu catálogo...

-Nunca sabes ben o éxito que pode ter un libro cando o mandas ao prelo. É unha lotería, de verdade. Estou encantado coa popularidade de Breogán’s Lighthouse, mesmo se aínda non está aí arriba con Harry Potter. O anuncio da nosa xira galega semella que está a ter un éxito positivo nas vendas.

-Que tipo de reaccións reciben os seus libros galegos, tanto de lectores como de críticos?

-Estou moi contento coa reacción dos lectores ingleses. Os críticos? Sen comentarios. É realmente difícil conseguir recensións. Pero os ingleses son agora máis abertos ás traducións. En novembro faremos lecturas en Londres con Martín Veiga e outros dous poetas, un valenciano que escribe en catalán e un madrileño en esperanto! Non me cabe dúbida de que será un éxito. Para atrapar a atención da xente tes que facer algo distinto e atractivo, algo cun aquel de teatralidade. Cando son expostos á literatura nunha lingua que lles resulta allea, polo xeral marchan encantados. E a poesía en particular benefíciase da musicalidade. A xente adoita dicir: «Sabía do galego, pero non sabía como soaba».