Un intercambio de centros entre acentos ingleses e galegos

antón parada RIANXO / LA VOZ

REINO UNIDO

O Félix Muriel recibiu aos alumnos dun instituto de Londres no que dan clase nas verbas de Rosalía dende hai 25 anos

09 jun 2017 . Actualizado a las 11:36 h.

O reloxo marca as once da mañá. Nos corredores do rianxeiro IES Félix Muriel escóitase o bulir de decenas de rapaces e rapazas que van deixando unha estela de acentos inéditos neste instituto. Entre a mestura de conversas, escóitanse verbas en galego e en castelán, mais outra acapara a atención. O inglés. Trátase do intercambio de 42 alumnos do IES Cañada Blanch de Londres, un centro español no corazón da metrópole, onde se leva impartindo a materia de Lingua

Galega dende hai 25 anos.

Esta viaxe, que conta coa colaboración da Asociación Paideia, supón o reencontro dos dous institutos, que en sete cursos anteriores realizaran actividades conxuntas, como videoconferencias. «Saímos dos muros do colexio a entrevistar a xente pola rúa, traballamos o audiovisual, traemos a persoas da comunidade galega de todas as profesións a conversar nas nosas aulas...», explicou Begoña González Rey, docente no londinense IES Cañada Blanch e responsable do Proxecto galego en Londres.

Esta atractiva iniciativa derivouse en que os perfís dos estudantes de galego no Cañada Blanch sexan tan diversos. Nas súas aulas atópanse fillos de primeiras -ou xa afincadas- xeracións de emigrados, de familias que acaban de chegar ou das propiamente inglesas. Un grupo destes rapaces estará ata mañá visitando Rianxo e o entorno para realizar actividades como aprender a practicar xogos populares ou coñecer a ría en catamarán.

As historias

«Sempre me fai graza cando falan de Londres como un sitio extraordinario, pero nós que levamos toda a vida alí, ao chegar aquí dicimos: ¡guau!», relatou Diego Ramos nun perfecto galego. Os seus pais son de Laxe e, aínda que levan 20 anos vivindo no Reino Unido, lograron que fose educado na lingua da súa terra.

«Aprender galego non é difícil, xa que é unha lingua parecida ao castelán», expresou Victoria Aidu, natural de Madrid, pero que leva dous anos vivindo na cidade do Támesis. É a primeira vez que coñece Galicia e xa está namorada da Torre de Hércules e da rosa dos ventos.

«Quero saber todas as linguas do mundo, así podo vir todos os anos a Galicia a falar con amigos ou a pasar un tempo», entre zancos, pesca da botella e lanzamentos de petanca ou bolos celtas, Ella Osho narra os motivos polos que se matriculou este curso en galego, o que lle outorgou a oportunidade de coñecer paisaxes que, afirmou, non se reducen ao cotiá: ver edificios altos «e autobuses de dous pisos».

«A nivel normalizador, para os nosos alumnos ten que supoñer un prestixio para a lingua ver que hai rapaces en Londres, de características moi distintas, que elixen estudar galego», destacou Valentina Formoso, coordinadora do intercambio, que parte do equipo de dinamización lingüística. Unha experiencia que os rianxeiros soñan poder devolver.