O vianés Pedro Basalo imparte lingua a italianos, franceses e rusos a 2.000 quilómetros de Galicia

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO

EUROPA

Pedro Basalo nunha foto sacada en Venecia, a 40 minutos de Padua, a cidade onde vive.
Pedro Basalo nunha foto sacada en Venecia, a 40 minutos de Padua, a cidade onde vive.

«Hai que implicar á mocidade no cultivo do galego», asegura o docente

18 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia de Pedro Basalo (Viana do Bolo, 1993) podería contarse como unha viaxe de ida e volta constante, un fío invisible que une o son dos folións do entrudio coas naves da Basílica de Santo Antonio en Padua. Na cidade italiana, a 2.015 quilómetros da súa vila natal, exerce como lector de galego.

A súa chegada a Italia non foi un plan trazado, senón froito da causalidade. No 2023, unha bolsa de investigación levouno á Scuola Normale Superiore de Pisa e o que ían ser cinco meses de estadía convertéronse no limiar dunha nova etapa vital. «Como me atopaba ben por Italia e non tiña un traballo asegurado á volta, decidín probar sorte cos lectorados de galego», explica. A aposta saíu ben: Padua abriulle as portas. Desde marzo daquel ano, Pedro dá clases de lingua no Centro de Estudos Galegos, unha institución con 25 anos de historia.

Imparte cursos de tres meses aos que asisten alumnos de diferentes perfís. A maioría teñen unha boa base de español ou proveñen de estudos de portugués. Tamén están os que van vir de Erasmus, ou os que coñeceron o idioma por algún galego que estuda alí. «Sorprendeume a variedade de nacionalidades dos alumnos que fixeron o curso (italianos, rusos, franceses e algún español) e o nivel que adquiren en tan só tres meses», asegura. Conta a historia dunha rapaza que se inscribiu sen ter idea de español nin portugués: «Cando hai un interese xenuíno e non pesan uns determinados prexuízos, o progreso é impresionante».

Non só dá clase. Tamén investiga, escribe artigos e organiza actividades en relación coa lingua e coa cultura galegas tanto dentro da universidade como fóra dela. Cita exposicións de fotografía sobre o entroido e o rural, mostras sobre os fondos da biblioteca da facultade —probablemente, di, a máis completa de Italia, con máis de 1.000 libros galegos— ou charlas en colexios e institutos. «A sociedade italiana coñece outras linguas españolas, como o catalán ou o éuscaro, pero non saben do galego. De Galicia só lles soa o Camiño de Santiago», remarca. Defende a importancia de sensibilizar sobre o valor de todas as linguas: Ese é o plurilingüismo ben entendido e reforza a empatía e a tolerancia entre as persoas e os pobos».

Non escapa ao tema da situación en Galicia. «Noto un incremento importante de neofalantes na xente nova, con todas as dificultades que esa escolla consciente implica; iso quere dicir que si que hai sensibilidade pola lingua. Por outro lado, se realmente está aumentando o número de rapaces que nunca falan en galego, paréceme un fracaso do sistema e da sociedade». Isto evidencia, engade, que na súa formación non están adquirindo as competencias lingüísticas necesarias e non lles está chegando unha mensaxe fundamental: «O galego tamén é seu e necesitamos do seu esforzo para que siga vivo e se fagan cousas atractivas e útiles». Non é cuestión de rifarlles, senón de xerarlles ilusión. Cómpre encontrar a maneira de conectar coa mocidade: «Hai que implicalos no cultivo da lingua». E engade: «Creo que ambientes como a nova escena musical galega están axudando moitísimo».

O seu contrato remata en setembro e o futuro está ligado á incerteza das ofertas laborais no ámbito académico. Non lle importaría seguir un tempo no estranxeiro, polas oportunidades e aprendizaxes que implica, «nun lugar que me permitise volver a Viana en datas importantes para min, como o entrudio ou ViBoMask», apunta.

Padua

Pedro vive en Padua, unha cidade ao norte de Italia, situada entre Verona (que está a unha hora) e Venecia, que está a 40 minutos. É coñecida por tres cousas: san Antonio, que naceu en Lisboa pero está enterrado nunha impresionante basílica; o frescos de Giotto na capela Scrovegni, que teñen máis de 700 anos; e a universidade, a segunda máis antiga do país, na que estudan uns 70.000 alumnos.

Traxectoria vital

Pedro Basalo Bembibre naceu en Viana do Bolo no 1993. Alumno primeiro do CEIP Bibei, estudou despois no IES Carlos Casares antes de marchar a Santiago de Compostela facer Filoloxía Hispánica. Co título na man, cambiou Galicia por Salamanca para facer o máster e o doutoramento. No 2023 gañou unha bolsa da universidade para facer unha estadía de investigación na Scuola Normale Superiore de Pisa, en Italia. Tamén sacou o Celga 5 (a máxima certificación oficial de galego) para poder optar á praza de lector que o levou despois a Padua, onte está traballando. Sobre a cidade, conta que no norte do país os ritmos de vida son moi diferentes aos do sur, que son os que máis nos chegan polo cine e a televisión. Di que os horarios condicionan moito o estilo de vida. «Cómese e céase cedo, os museos, monumentos e igrexas tenden a pechar a media tarde ou incluso antes...», relata. E en decembro, ás catro e media da tarde xa é noite.