Sara Ochoa, unha moza arousá de 26 anos na diplomacia española
GALLEGAS QUE ROMPEN TECHOS

A grovense é unha das tres galegas que veñen de aprobar este ano as complexas oposicións á carreira diplomática
03 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Sara Ochoa Muñiz (O Grove, 1999) a vocación pola diplomacia veulle ben cedo. Con doce anos sabía xa que quería vincular o seu futuro coa solución de problemas gobernamentais polo mundo adiante. «É certo que de pequena idealicei o que era a profesión de diplomático —recoñece— cando comezas a descubrir as inxustizas que hai no mundo e pensas que a diplomacia pode solucionar iso. Logo vaste dando conta de que non é tan sinxelo, que as organizacións internacionais traballan, pero quizais non é suficiente para arranxar segundo que cousas, pero descobres que o traballo tamén promove a cooperación cultural e científica, por exemplo, e pensas, vale tamén me gusta todo isto», explica aos seus vinte e seis anos e coas oposicións á carreira diplomática recén aprobadas. O camiño non foi doado, dende logo, esixiu moito esforzo e determinación. Algo do que vai sobrada e do que pode sentirse ben orgullosa esta muller meca que tomou conciencia do que quería facer alá polo 2012, cando a Malala Yousafzai lle dispararon nun autobús escolar por defender o dereito á educación no Val do Swat, en Paquistán.
Logo de cursar o doble grao de Dereito e Estudos Internacionais na Universidade Carlos III de Madrid, enseguida apostou por poñerse a dobregar os cóbados sen tregua. Sabía da dureza das oposicións e tiña que estar preparada para estar cinco, seis ou sete anos estudando para conseguir praza, aínda que afortunadamente levoulle menos tempo, dous anos e medio de moita constancia diaria. «E co apoio vital da miña familia», subliña. Os seus pais foron dende logo un piar fundamental á hora de afrontar as duras probas e manter o ánimo intacto.
Ela é unha das tres galegas afortunadas entre as vinte e oito persoas en todo o territorio español que pasaron os exames este ano. A oposición require moita esixencia e entregarse de pleno co temario; «estar ao día da actualidade, do que pasa no mundo, ler o xornal con certa profundidade, porque eses temas poden saír, e practicar inglés e francés todos os días», explica. Sara tíñao moi claro, e pode ser un espello no que moitos que opositan actualmente poidan mirarse. Con esforzo e moita constancia todo se consegue, aínda que a sorte o día das probas tamén xogue un papel clave.
O acceso á carreira diplomática ten varias particularidades. Son douscentos temas e unha chea de variables que esixen non despistarse e estar moi enriba cos idiomas. Son catro probas que se levan a cabo nun período de cinco meses, de febreiro a xuño. «Comeza cun un exame tipo test; logo na segunda proba hai que facer un ensaio en inglés e outro en francés sobre un tema de actualidade que che propoñen na escrita, e na fase oral preguntan sobre outro tema que non ten nada que ver. O obxectivo é descolocarte para ver que estás preparada para falar en ambos idiomas con quen sexa. A min preguntáronme esta vez por Karl Marx e as familias numerosas», comenta.
O terceiro exame require dun ensaio en español sobre un asunto de actualidade, un traballo máis creativo que esixe estar ao día da opinión de certos autores. A xincana opositora remata con todo un clásico: cantar catro temas que hai que expor nunha hora. En resumo, unha mestura entre a memorización e a necesidade de estar ao día, un equilibro que a Sara axudoulle «a levalo con bo humor». Hai que ser áxil e saber improvisar, algo que se consegue, sinala Sara, «botando moitas horas, e aínda así ninguén garante nada, opositar é duro».
Agora tócalle afrontar un curso selectivo para aprender cómo se traballa no Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación e estudar un terceiro idioma. No seu caso será o portugués. Logo estará alí un tempo para máis tarde marchar a unha embaixada ou organización internacional. «Interésanme moito os proxectos de cooperación ao desenvolvemento, en especial en América Latina, porque creo que é un dos sitios onde a actividade dos diplomáticos españois ten máis impacto». Así que, se puidese escoller, dedicaríase á cooperación cultural, aínda que aberta ao que sexa preciso.

Dende ben pequeniña. Dende que era unha meniña, Sara foi moi sensible ás inxustizas. E pensou na diplomacia, á que accede con 26 anos, coma unha canle para traballar a prol dun mundo mellor