Ana Cambón: «Na Axencia Espacial Europea nada temos que envexarlle aos americanos»
GALLEGAS QUE ROMPEN TECHOS
GENTES DEL FINIS TERRAE | Esta enxeñeira carballesa, controlada na ESA, reclama máis oportunidades laborais, e de máis calidade, en España
13 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.«De Carballo ata a ESA [Axencia Espacial Europea]» é o título da presentación que Ana Cambón Periscal (1998) fixo ante alumnos de bacharelato do instituto Parga Pondal, centro no que estudou antes de formar parte da primeira promoción da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo no campus de Ourense e de traballar, na actualidade, para a ESA. É controladora da misión Sentinel-3, dentro do proxecto Copernicus.
—Como foi volver ás aulas do instituto Parga Pondal?
—Foi unha moi boa experiencia, había moito que non pasaba por alí e teño moi bos recordos desa época. Deume un pouco de morriña, recordar o ben que o pasaba e as poucas preocupacións.
—De que lles falou aos rapaces?
—Faleilles un pouco do que fixen ata agora, a miña idea era que visen que tipo de decisións tomei durante a miña vida académica que me permitiron chegar a traballar para a ESA. A mensaxe que quería dar era que non necesitas estudar en universidades de gran prestixio internacional, ou ser un gran xenio para chegar a onde te propós. Eu estiven na mesma posición na que eles de atopan agora, cas mesmas dúbidas e medos, e agora cheguei a onde me propuxera cando fixen os exames de selectividade. Quería que se visen reflectidos en min nese sentido, que non limiten as súas metas.
—Cre importante potenciar vocacións científicas nos escolares?
—Totalmente, sobre todo entre as rapazas. Creo que hai unha falta importante de referentes, que pode parecer unha tontería, pero eu considero que non o é. Cando tes alguén no que te podes sentir reflectido, que segue o camiño que ti queres seguir, iso pode actuar como motivación. Por suposto que isto se aplica tamén aos rapaces, pero creo que neste caso eles teñen máis referentes.
—O seu foi unha vocación temperá?
—Sempre estiven interesada no espazo, dende que era pequena. Non creo que soubese que quería dedicarme a iso, pasei por todo tipo de etapas, como todo o mundo, pero canto máis medrei e máis me formei, máis me dei conta de que o que máis me enchía era o sector científico, e concretamente a enxeñería. Decanteime pola espacial porque xuntaba aquilo que me gustaba e aquilo que sabía que ía gozar facendo.
—O proxecto Copernicus resultou crucial durante a crise da Palma? Como lembra ese período?
—Foi un período moi ocupado, eu non estaba concretamente na misión que estaba encargada de conseguir as imaxes do volcán, pero en xeral todo o proxecto Copernicus estaba bastante involucrado en todo o proceso porque era unha situación moi interesante. Recibiamos imaxes constantemente e era moi impactante ter a oportunidade de ver como evolucionaba todo dende o ceo. Persoalmente, para min foi unha experiencia moi enriquecedora.
—Cal é a función destes satélites?
—No caso do Sentinel-3 estamos encargados de monitorizar todo o relacionado co mar. Analizamos a temperatura, a cor, a variación en altura, todo tipo de información. A día de hoxe, coa importancia que está cobrando o cambio climático, creo que temos un labor moi importante mantendo ao mundo informado da evolución do entorno mariño. Eu, como controladora, encárgome de que a produción destes datos sexa correcta, e tamén de que se envíen a tódolos lugares onde teñen que chegar, ademais de, por suposto, comprobar que os satélites están ben de saúde.
—Foi difícil adaptarse a traballar en Alemaña? Que tal o idioma?
—Tiven a sorte de que estou nun ambiente moi internacional, entón non tiven un choque cultural cando cheguei aquí. É certo que esta cultura é moi distinta ao que estou habituada en Galiza e aínda teño que acostumarme a certos aspectos, pero por agora sinto que Alemaña me acolleu ben. En canto ao idioma, vin sen saber nada porque traballando na ESA unicamente necesitamos o inglés, pero estou intentando aprendelo.
—Da ESA... á NASA?
—Traballar na NASA sería unha marabilla, pero non creo que sexa posible, xa que é extremadamente complicado entrar se non es estadounidense de nacemento. Claro que me gustaría, pero estou moi contenta co que a ESA ofrece a nivel europeo e todas as misións que levamos a cabo dende aquí: non temos tanto que envexarlle aos estadounidenses.
—Bota en falta máis oportunidades laborais en España?
—Moitísimo. Creo que o que nos leva á maioría a marchar de España non é só a falta de ofertas laborais, que tamén, pero maioritariamente a calidade das que si que hai, en canto a estabilidade e salarios. É unha pena, porque os enxeñeiros españois estamos en xeral moi ben formados, e todo ese talento estase indo fóra porque non nos sentimos valorados como se debería no noso propio país. Creo que se lle preguntase aos meus compañeiros, a maioría volvería a España sen dubidalo, pero tampouco estamos dispostos a que non se aprecien os anos de esforzo e dedicación. É unha situación complicada, porque nos fan elixir entre quedar na nosa terra mal valorados ou marchar cunhas boas condicións pero deixar todo atrás.