Adriana Viz: «O meu traballo pode ter un impacto na vida das persoas e iso ás veces da vértigo»

David Cofán Mazás
David Cofán LALÍN / LA VOZ

GALLEGAS QUE ROMPEN TECHOS

Adriana Diz forma parte do gabinete do novo ministro, José Manuel Albares
Adriana Diz forma parte do gabinete do novo ministro, José Manuel Albares benxamín otero

Implicada na política dende os 14 anos, a lalinense forma parte do gabinete do novo ministro, José Manuel Albares

21 ago 2021 . Actualizado a las 12:23 h.

Adriana Viz (Lalín, 1989) aténdenos en Grecia. Acaba de chegar dunha viaxe a Líbano e por fin atopou un oco na súa apertada axenda e unha zona con boa cobertura para facer a entrevista. Non cabe dúbida de que falamos con alguén que lle apaixona viaxar e coñecer novas culturas, algo que explica á perfección o porqué do seu novo posto. Esta dezana de 32 anos foi nomeada hai semanas como membro do gabinete do novo ministro de Exteriores, José Manuel Albares. Unha responsabilidade que lle chega despois de varios anos estudando e traballando en distintas partes do mundo, dende Pequín ata Xordania e tras ser a coordinadora da secretaría de Relacións Internacionais do PSOE en Ferraz.

Dende moi nova, Adriana sentiuse atraída pola política. Participando con 14 anos na campaña electoral do seu tío Cristóbal Fernández á alcaldía de Lalín e sendo ela a candidata no 2011 para as de Dozón. «Na miña casa sempre houbo interese pola política, pola sociedade e cómo intentar mellorar as cousas. Cando o meu tío presentábase ás eleccións eu aproveitaba para ir ao local e coñecer xente», sinala.

Pouco a pouco a paixón por este eido foi agromando de tal xeito que decidiu formar parte das Xuventudes Socialistas e crear a agrupación de Lalín. «Ata os 21 ou 22 anos estiven participei e formei parte activa na política local e galega. Logo marchei de Erasmus e Séneca, centrándome máis na miña carreira e en atopar un traballo, pero nunca deixei de estar pendente do que ocorría no mundo», afirma.

Cando lle preguntan acerca de porqué escolleu ese camiño nunha profesión tan pouco valorada, ela ten unha resposta convincente. «Eu sei que está moi devalada. Algúns políticos déronlle mala fama, pero é o instrumento que temos para poder cambiar as cousas de acordo coas ideas nas que cremos. Preocúpame que se devale a democracia, xa que é unha ferramenta imprescindible», asegura.

Licenciada en dereito pola USC, Adriana viaxou ata a China no 2013 grazas a unha beca. Foi alí onde se interesou pola política e as relacións internacionais. Posteriormente formou parte da embaixada española en Xordania, tamén coma bolseira da ICEX, no que asegura «foron os mellores anos da miña vida». No 2020 estivo a piques de mudarse a Mozambique para traballar, pero a covid trocou os seus plans, obrigándoa a teletraballar dende Lalín.

Nese mesmo ano, en outubro, entrou a formar parte da secretaría de Relacións Internacionais do PSOE en Madrid coma coordinadora. «Foi unha labor da que lle estou moi agradecida a Héctor Gómez (Secretario de Relacións Internacionais do PSOE) xa que me deu a posibilidade de traballar na rama que me apaixona», afirma. «Coordinamos as posicións de política internacional que pode ter o PSOE en conflitos como o de Afganistán ou no palestino-israelí. Tamén coidábamos das relacións do partido con outras formacións irmás noutras partes do mundo, especialmente en Latinoamérica», comenta.

A súa chegada ao Ministerio de Exteriores foi froito da casualidade. «Este ano preparamos o 40 Congreso do PSOE. A miña tarefa foi a de coordinar a parte da ponencia España en Europa e no Mundo, que ten como ponente a José Manuel Albares. A raíz disto traballei man a man con él e a verdade é que como equipo funcionamos moi ben, e logo desa experiencia chegou o nomeamento. É algo do que estou moi agradecida ao ministro, é unha excelente persoa e iso é algo que axuda. Son consciente da fortuna de atopar persoas coma el coas que compartes a mesma visión da política», indica.

Unha vez no gabinete do ministro, o seu rol mudou. «Antes traballaba para o partido e agora para o Goberno. Ao final é dar apoio ao ministro no que faga falla, na diplomacia, relacións internacionais, e tamén coma un enlace co partido», explica. A súa tarefa pode xogar un papel importante no devir das persoas doutros países, algo do que é consciente. «O meu traballo pode ter un impacto na vida das persoas e iso ás veces da vértigo», recoñece.

 

O papel no exterior de España

Na opinión pública existe a idea de que España non ten un papel destacado na política exterior, ou que a Unión Europea está a perder preponderancia no taboleiro internacional. Para Adriana, isto ten que ver coa escasa relevancia que lle dan os cidadáns de a pé ás relacións deste tipo. «É normal que a xente se preocupe polo que pasa no teu pobo, na túa cidade, o coronavirus, a saúde... Iso queda lonxe das relacións internacionais, pero son moi relevantes no noso día a día e máis no mundo interconectado no que vivimos. Como di o ministro, para que as cousas vaian ben nas nosas fronteiras, témolo que facer ben fóra», relata.

Nese senso, lembra que a tarefa da Unión Europea é complicada porque «os 27 países teñen que estar de acordo e cada un ten as súas peculiaridades», pero destaca o papel de España na propia comunidade. «Fai pouco saíu un comunicado conxunto da UE con países coma Canadá ou EEUU, impulsado por España, sobre a necesidade de protexer ás mulleres e as nenas en Afganistán. A voz de Europa sigue contando, e que sexa impulsado por España demostra a relevancia que temos», explica.