«O día a día da investigación pode ser moi estimulante e, sobre todo, divertido»

Lucía Rey
lucía rey RIBADEO / LA VOZ

GALLEGAS QUE ROMPEN TECHOS

A ribadense María Vieites Díaz, graduada en Física pola USC, e que traballa no CERN, no chamado «acelerador de partículas» en Lausana, Suíza, acaba de ser recoñecida como Mellor Científica Galega menor de 30 anos

05 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-Gal) acaba de premiar a María Vieites Díaz (Ribadeo, 1991) como Mellor científica galega menor de 30 anos no marco da décima Reunión de Jóvenes Investigador@s en el Extranjero. Un recoñecemento que esta mariñá que traballa cono investigadora post doutoral no grupo de Física de Altas Enerxías da Escola Politécnica Federal de Lausana (EPFL), Suíza, no acelerador de partículas coñecido como CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear), recibiu con moita satisfacción.

-Valoraban a traxectoria profesional das investigadoras participantes na xornada, co obxectivo de co obxectivo de visibilizar e premiar a labor das mulleres na ciencia, que desafortunadamente segue sendo un campo no que somos minoría. Como científica apostando pola carreira investigadora e como firme defensora de que a ciencia é un campo que nos atinxe a todas as persoas, recibir este premio supuxo unha gran alegría.

-Estudou no CEIP Gregorio Sanz e no IES Porta da Auga, e posteriormente Física na Universidade de Santiago de Compostela. Como completou a súa formación e en que proxecto está inmersa actualmente?

-Son Doutora en Física Nuclear e de Partículas pola USC, onde previamente estudara o Mestrado en Física Nuclear e de Partículas e o Grao en Física. Agora, en Lausana desenvolvo o meu proxecto de investigación no experimento LHCb do CERN, onde estudo as diferenzas de comportamento entre a materia e a antimateria en decaementos pouco frecuentes dos mesóns B, coa fin de mellorar o noso entendemento sobre os aspectos máis fundamentais da física de altas enerxías.

-E como chegou a traballar no acelerador de partículas, un dispositivo considerado vital para o desenvolvemento futuro da medicina, a exploración espacial ou a tecnoloxía electrónica, entre outros?

-Os grupos de Física de Altas Enerxías tanto da USC como da EPFL forman parte da colaboración LHcb, polo que coñecía o grupo de traballo de Lausana e tiña interese en traballar con eles ao rematar a tese.

-Canto tempo leva fóra de Galicia? Gustaríalle volver?

-Estiven vivindo fóra durante varios períodos curtos mentres traballaba na USC. En abril do ano pasado marchei de forma definitiva para traballar en EPFL. Desenvolvín a miña labor profesional en Santiago durante as etapas de mestrado e tese. Para o futuro aínda non o teño claro.

«Cando estou en Lausana, de Ribadeo boto de menos o mar, navegar pola ría e o polbo»

María Vieites amósase moi contenta da experiencia profesional que está vivindo no estranxeiro.

-Nesta etapa post doutoral quero traballar con outros equipos e probar outras metodoloxías, así que cambiar de grupo era necesario. O futuro depende de moitos factores, pero si que considero a opción de voltar.

-Que dificultades atopa neste momento en Galicia un investigador?

-A situación actual da física de altas enerxías en Galicia é moi boa. O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías é o único centro galego coa mención de Excelencia María de Maeztu, o cal lles deu acceso a bastante financiamento. Antes disto, dispoñer de fondos para contratar a persoal investigador era bastante complicado, sobre todo para períodos de máis dun ano. O maior problema que persiste é o da estabilidade a longo prazo. As prazas permanentes van ligadas á docencia universitaria e hai moi poucas.

-E xa no plano persoal, cando descubriu que quería ser investigadora? Era un soño que tiña de nena?

-Non foi un descubrimento. Sempre disfrutei aprendendo cousas novas e iso é, en gran parte, investigar.

-Animaría a outros rapaces a ser investigadores?

-Si, animo aos rapaces e ás rapazas a cuestionar o que saben, a ter curiosidade e a preguntarse «por que?» varias veces ao día. Traballar en investigación é unha carreira de fondo con metas a longo prazo, pero o día a día pode ser moi estimulante e, sobre todo, divertido.

-Volve a miúdo a Ribadeo?

-É unha cuestión de planificación das vacacións máis que de distancia. Vir de Suíza non é máis complicado que vir de Madrid. Por alá boto de menos o mar, navegar pola ría e o polbo.