A xornalista mexicana Lydia Cacho, escritora galega universal no 2023

L. R. REDACCIÓN / LA VOZ

MEXICO

Lydia Cacho (Ciudad de México, 1963) estivo detida inxustamente por unha investigación xornalística súa sobre unha mafia de pederastia no seu país.
Lydia Cacho (Ciudad de México, 1963) estivo detida inxustamente por unha investigación xornalística súa sobre unha mafia de pederastia no seu país. Salo

Durante a década de 1990 e inicios dos 2000, a autora, con raíces familiares en Galicia, informou amplamente sobre o feminicidio en Ciudad Juárez

05 ene 2023 . Actualizado a las 22:45 h.

A AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) acordou o nomeamento de Lydia Cacho, xornalista mexicana con raíces familiares galegas, activista feminista e defensora dos dereitos humanos, como escritora galega universal no 2023, «desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra», sinala o colectivo.

Durante a década de 1990 e inicios dos 2000, a autora informou amplamente sobre o feminicidio en Ciudad Juárez. Cofundou o Centro de atención integral a la mujer, especializado en dar apoio a mulleres, nenos e nenas vítimas de violencias doméstica e sexual. No 2005 foi detida en Cancún, Quintana Roo, por axentes da policía xudicial de Puebla, por causas falsas derivadas da publicación do seu libro Los demonios del Edén, unha investigación xornalística que recolle os relatos testemuñais de sobreviventes dunha rede de prostitución infantil, dirixida por políticos e empresarios. O Comité de Dereitos Humanos da Organización das Nacións Unidas recoñeceu este feito como unha vulneración dos dereitos humanos, especialmente das mulleres, pola Xustiza, ao tempo que solicitou ao Estado mexicano a reparación do delito de difamación sufrido pola xornalista. Cacho —que ten escrito máis dunha ducia de libros— posúe a nacionalidade española por carta de natureza.