A Fundación Carlos Velo difundirá a obra do cineasta ourensán máis internacional

e. filgueira OURENSE / LA VOZ

MEXICO

O principal obxectivo será recoñecer a labor do recoñecido autor que participou en máis de trinta longametraxes

15 may 2017 . Actualizado a las 10:00 h.

Carlos Velo, principal figura e impulsor do audiovisual ourensán, ten dende onte unha fundación dedicada a súa persoa e traxectoria cinematográfica. O Liceo de Ourense acolleu a presentación da nova entidade que servirá para centrarse na «investigación e na difusión da obra do director e no estudo, difusión, formación e promoción das artes da imaxe, no seu máis amplo espectro, así como na organización de actividades culturais e científicas de carácter xeral e relacionadas cos fins sinalados», segundo se establece nos seus estatutos.

Á presentación acudiron a presidenta da Fundación Carlos Velo e tamén alcaldesa de Cartelle, Carmen Leyte Coello; o seu principal biógrafo e vicepresidente da entidade, Miguel Ángel Fernández; o xestor cultural de Celanova, Antonio Piñeiro Feijóo, e o xornalista de La Voz de Galicia, Xosé Manoel Rodríguez.

Pola súa parte, Leyte incidiu en que «Ourense é rico en patrimonio, en paisaxe e en gastronomía, pero tamén en homes e mulleres que fixeron que nós sexamos o que somos», facendo referencia ó autor de obras como «Torero!» . Neste liña, a presidenta lembrou que é mester lembrar que esta é unha provincia literaria por excelencia pero que coa fundación o que se pretende e reivindicar o papel do audiovisual. Carlos Velo segue a estar presente na memoria de México, país no que residiu como emigrante, e noutros puntos a nivel internacional.

O seu biógrafo destacou o papel que o cineasta tivo cos seus documentais sobre a República e a máis que recoñecida adaptación que fixo para a pantalla grande da obra de Juan Rulfo -co que mantivo unha forte amizade- «Pedro Páramo». «O meterse a Guerra Civil polo medio e ó ser home de simpatías claramente republicanas, viuse na necesidade de marchar ó exilio e iso frustrou o que podía ter sido unha grande carreira para o cinema español e galego», explicou Fernández.

Cando retornou a Ourense, en 1985 polas Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia, fíxoselle unha gran antoloxía para reivindicar a súa figura nun momento no que comezaba a estar asentada a democracia. «Tanto foi así que Carlos Velo, aproveitando esta viaxe, visitou a Televisión de Galicia que acababa de inaugurarse, e foi convidado a deseñar unha política audiovisual para Galicia que, desgraciadamente nunca chegou a rematarse», engadiu o biógrafo.

O autor, que participou en máis de trinta longametraxes -nalgúns co mesmo Luis Buñuel-, finou o 1 de marzo de 1988 tras unha intensa loita contra o cancro. Nese momento, o audiovisual mexicano e galego declarouse en loito, recoñecendo a súa contribución ó desenvolvemento cultural e cinematográfico a ámbolos lados do Atlántico ó longo de case medio século.