Brais López, de Cedeira: «En España hai moitos técnicos e pouco traballo, en Holanda é ao revés»

ANA F. CUBA CEDEIRA / LA VOZ

EUROPA

Brais (derecha), cedeirés, bromea con un compañero vasco, en la empresa holandesa en la que trabajan
Brais (derecha), cedeirés, bromea con un compañero vasco, en la empresa holandesa en la que trabajan

Este exalumno do IES Punta Candieira atopou emprego na empresa de Eindhoven na que fixo as prácticas do Erasmus+

18 dic 2022 . Actualizado a las 15:25 h.

Brais López Rey (Cedeira, 24 anos) chegou á FP logo de empezar unha carreira universitaria que non era o seu. «Mirei as opcións cerca da casa, sempre me gustou a mecánica e cacharrear con cousas... e saíume ben», comentaba estes días dende Eindhoven. Recorda a entrevista co representante dun grupo holandés que busca man de obra en España, e despois cos de dúas empresas. «Aí hai moitos técnicos e pouco traballo, e en Holanda é ao revés», resume. As horas de prácticas do programa Erasmus+ completounas en dous meses e medio, cunha axuda de 600 euros. «En Holanda iso non che chega a nada, tes que vir con algo aforrado; aínda así a empresa pagoume 600 euros ao mes nas prácticas, é o habitual aquí».

—E xa se quedou...

—Nas prácticas, os compañeiros xa me preguntaban se me gustaba a empresa e o país. E si, estou contento, e eles contan comigo, teño un contrato dun ano con posibilidades de renovación. Formo parte do departamento técnico, que se encarga de facer o mantemento e a reparación de todas as máquinas da empresa (traballa coa inxección de plásticos). Tamén me deron a oportunidade de facer cursos coas marcas para poder programar os robots de cada máquina. Gústame bastante. Na miña empresa invisten moito en ti, se ven que queres aprender falas co encargado ou co xefe... en xaneiro vannos pagar un curso de holandés. Eles pagan e ti aprendes.

—Cal é a súa expectativa?

—Non creo que vaia pasar aquí a miña vida, coma na casa... xa se sabe. A miña idea é aprender e traballar aquí un par de anos, e despois, con máis experiencia, formación e idiomas, volver.

—O máis complicado?

—O aluguer de vivenda, desorbitado, aínda que en relación co salario é máis caro en España. Custoume acostumarme aos horarios, pero agora xa aproveito mellor o tempo. Teño horario flexible de entrada, entre as sete e as nove, e traballo oito horas de luns a venres. Se non as cumpro quítanmas das vacacións e se fago horas páganmas ou compénsanmas en tempo. Síntome ben tratado a nivel laboral, as condicións humanas son moi boas.

—Como valora a formación que recibiu no instituto?

—En Mecatrónica aprendes un pouco de todo, non te especializas en nada. Levas unhas bases teóricas que vas asentando coa práctica e acabas sabendo moito.

—Que bota en falta?

—A familia e os amigos, e ir a un bar e atopar xente que coñeces sen necesidade de quedar, coma en Cedeira. Acabas queimado de falar en inglés (risas)... e o mar, porque son dun porto pesqueiro e aquí estamos no interior.