«A universidade debe traballar pola dignificación dos labregos, pois o seu labor é importante»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

EUROPA

Valín cre que Galicia ten avanzado en investigacións agropecuarias
Valín cre que Galicia ten avanzado en investigacións agropecuarias PALACIOS

 A lucense Isabel Valín dirixe a Escola Superior Agraria de Ponte de Lima (Portugal)

18 may 2021 . Actualizado a las 12:06 h.

Isabel Valín (Lugo, 1975) é enxeñeira agrónoma. Fixo os estudos na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo (USC), e entre e esa escola e o Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa realizou o doutoramento europeo. Dende o 2002 traballa na Escola Superior Agraria de Ponte de Lima, que agora dirixe. Esa escola, pertencente ao Instituto Politécnico de Viana de Castelo, participa nun programa de desenvolvemento agroalimentario no que tamén intervén o campus de Lugo.

-Tendo completado estudos en Portugal e traballando agora nese país, pódese dicir que a formación de Galicia é boa?

-A formación universitaria permíteche identificar o que queres seguir, é o comezo de algo. O alumno pode ver que esa formación non é o remate de algo senón o comezo. O campus de Lugo está cualificado para iso. Cando rematei os meus estudos, sentinme plenamente capacitada para seguir o que noutras universidades se estaba a facer. Compartir ideas é algo que se debe fomentar, e creo que se está a facer. A universidade é iso, un comezo de formación. Cada vez é máis necesaria a formación ao longo de toda a carreira profesional.

-Galicia ten un sector primario importante. Ten, ou pode ter, ese mesmo peso na investigación vencellada con ese sector?

-Penso que Galicia está a dar pasos moi importantes na transferencia de tecnoloxía e de coñecemento ao sector produtivo. Esa permeabilidade paréceme moi importante. Creo que Galicia está a traballar ben en investigacións da madeira ou da viticultura. Eses sectores están plenamente identificados no campus de Lugo.

-Que pode achegar Galicia ao exterior neste campo?

-Estamos nun momento no que se está a negociar a nova Política Agraria Común (PAC), cuns beneficios moi importantes a nivel ambiental. Dentro da Eurorrexión [Galicia-Norte de Portugal] temos problemas moi semellantes: por exemplo, temos que reducir o uso de produtos químicos e aumentar a produción ecolóxica. Só xuntando enerxías e esforzos podemos dar resposrta a eses desafíos, que se presentan en toda Europa. Outra cuestión é a revalorización da profesión: quen traballa no campo debe ter o recoñecemento da sociedade, porque nos dá seguridade alimentaria. A universidade ten que traballar pola dignificación dos que traballan no campo, pois o seu labor é importante en moitas actividades. O Campus Terra é importante para poñer en valor esa profesión.

-Que necesita o sector primario para acadar ese recoñecemento?

-Penso que é importante o asociacionismo. Hai que crear asociacións de produtores que permitan compartir equipamento e coñecemento e que teñan voz en toda a cadea agroalimentaria.

-Está plenamente asentada a Eurorrexión ou aínda necesita máis desenvolvemento real?

-A miña opinión é que aínda non está plenamente consolidada na poboación. Hai movementos fronteirizos de persoas, pero non unha rede transversal: a fronteira aínda existe. A Eurorrexión debera insistir en liñas de investigación entre Galicia e o norte de Portugal, que podería ser unha rexión europea privilexiada. Hai industrias galegas que se están a instalar no norte de Portugal aproveitando facilidades nos recursos humanos, pero son casos puntuais. Debéranse captar servizos.

-O campus de Lugo colabora con institucións do norte de Portugal nun proxecto de viticultura. En que outras áreas se podería traballar conxuntamente?

-Na produción animal, por exemplo. A recuperación de razas autóctonas é un camiño que podería ser percorrido en paralelo, porque hai razas semellantes. Tamén hai espazos comúns, coma o parque do Xurés. A xestión de espazos naturais de maneira coordinada tamén é algo que se podería facer.

-Vaise con retraso fronte a outras zonas de Europa?

-Si. En países coma Francia hai unha maior profesionalización do sector. Creo que xa se están a dar os pasos, pero débese ir cara unha maior dignificación do campo, que depende tamén dunha maior dixitalización da agricultura. En Europa estamos nunha dobre transición, a ecolóxica e a dixital. Todo irá cara unha economía máis verde e unha economía 4.0, e para iso cómpre estar en continua formación.

«Europa é o horizonte transnacional, e así temos que ollalo»

Valín defende o valor do ensino público e a importancia da formación. Son cuestións que salienta ao comezo e ao remate da entrevista, e non cre que a súa estadía en Portugal deba ser vista cunha pespectiva negativa. «Europa é o horizonte transnacional, e así temos que ollalo», di. Esa impresión ten moito que ver coa súa estadía en Lisboa, onde viviu, a finais dos anos noventa, como estudante do programa Erasmus. «Para min o Erasmus foi unha fiestra, son oportunidades que deben aproveitarse. Para min foi o comezo da miña carreira. Son oportunidades de coñecemento. Asóciase a emigración a un concepto negativo, pero non ten por que selo. As novas experiencias e as novas realidades son importantes», afirma.