A focense Sara López Fernández é bolseira e traballa na Oficina Económica e Comercial da Embaixada de España en Rusia
26 abr 2021 . Actualizado a las 17:28 h.«Antes de entrar nas becas ICEX tiña bastante claro que quería traballar para un organismo multilateral ou opositar, pero grazas á experiencia que estou tendo na Oficina Comercial en Moscú non descarto o sector privado». É unha das reflexións da mariñá Sara López Fernández (Foz, 1997), que actualmente completa formación e adquire experiencia profesional na Oficina Económica e Comercial da Embaixada de España en Rusia, en Moscú.
—Como recala como bolseira nese organismo?
—Cando volvín de Canadá e chegou o momento de decidir que ía facer despois de graduarme en Dereito, amigos con experiencia no estranxeiro faláronme das becas ICEX, un programa que aposta pola cultura da internacionalización, ofrecendo a titulados universitarios tras superar varias probas, o acceso a unha formación teórica mediante un MBA e unha formación práctica en dúas fases; un ano nunha das Oficinas Económicas e Comerciais repartidas polo globo, e unha segunda fase cun ano de prácticas nunha empresa española internacionalizada ou un organismo internacional. Tras completar case a metade dos meus estudos universitarios no estranxeiro, parecía un paso natural querer seguir formándome neste ámbito. Ao finalizar o máster e realizar a selección de destinos, incluín Moscú na miña lista.
—Cales son as súas funcións?
—Na Oficina Comercial estou asignada ao departamento de Infraestruturas, Enerxía e Investimento, ademais de ofrecer apoio TIC á oficina. Os contidos dos que nos ocupamos son variados, pero centrados en axudar ás empresas españolas a internacionalizarse nos países de competencia da Ofecome de Moscú (Rusia, Armenia, Bielorrusia, Turkmenistán e Uzbekistán). Realizamos tarefas formativas como atención de consultas tanto de empresas españolas como rusas, xestionamos servizos personalizados a empresas españolas, elaboramos estudos de mercado, participamos na organización de misións comerciais, pavillóns oficiais de España en feiras, actualización das bases de datos da oficina...
—Canto tempo quedará aí?
—A beca ICEX proporciona un ano de formación na Oficina Comercial, así que en principio estarei en Moscú ata finais de decembro, que será cando volva á casa. A bolsa ofrece un segundo ano de prácticas nalgunha empresa española internacionalizada ou organismo internacional, podendo realizala noutro país.
—É cómoda a cidade para residir?
—Moscú é unha cidade cosmopolita e preciosa. O primeiro que nos chamou a atención é o limpas e coidadas que están as rúas, a pesar das nevadas que continuamente caen nos meses de inverno. Os edificios, sobre todo no centro da cidade, están claramente feitos para impresionar. Ademais, as comunicacións son excepcionais no transporte público, e nunca tivemos que esperar máis de trinta segundos por un metro; cada parada merece ser apreciada e fotografada. O maior inconvinte é o idioma, xa que o coñecemento do inglés non está moi promovido, nin tan sequera nas novas xeracións. Pero prefiro tomar isto como unha motivación a maiores para estudar ruso durante a miña estancia aquí.
—Que lle aporta a experiencia?
—É a primeira vez que me mudo a un país cun choque cultural tan grande, son moito máis conservadores que outros países. O idioma, totalmente diferente ás linguas latinas, fai que teñamos que sobrevivir mediante comunicación non verbal. Ademais, Moscú é famosa polos espectáculos, cines, ballets e teatros, a nivel cultural non ten desperdicio. Dende o metro ata cada rúa pola que pasees ten historia e algún monumento ou parque para admirar. É a miña primeira experiencia nun ambiente profesional de contacto directo con empresas, o cal me permite aprender moito para o meu futuro laboral. Levo menos de 4 meses aquí, pero se tivera que escoller unha palabra para definir a cidade, sería fría. Nunca pensei que sobrevivir a -30 grados durante semanas e con neve constantemente puidera ser tan gratificante.
—Que lle recomendaría a quen quixera desfrutar da experiencia?
—Que non teña medo. Que probablemente será das mellores experiencias da súa vida. Vivir no estranxeiro é toda unha aventura, aprendes moito; novas culturas, idiomas... aprendes sobre ti mesmo e a valorar o que tés na casa.
—Con 23 anos, como ve desde Moscú a evolución da pandemia do covid-19? Está vacinada?
—A situación da pandemia atópase bastante controlada en Moscú. O alcalde da cidade foi no seu momento un dos primeiros en tomar medidas no país. Iso fixo que na actualidade podemos facer vida case normal. Incluso o ocio nocturno leva aberto dous meses e só é obrigatorio levar máscara en espazos cerrados ou concorridos. Estou vacinada coa Sputnik V, coa segunda dose dende o 3 de abril, así que a final de mes estarei inmunizada. Bromeamos con que son a española máis nova coa vacina rusa posta (..) Gustaríame volver a Foz en caso de que a situación de pandemia impida que me podan vir visitar, aínda que as conexións coa Mariña son case inexistentes. Ademais, coas fronteiras pechadas, a regularidade dos voos é menor.
«A curto prazo gustariame seguir formándome e traballando no estranxeiro»
—Tras cursar estudos básicos e de ESO no municipio de Foz trasladouse a Oviedo para estudar Dereito. Por que esa elección, con que obxectivos profesionais?
—Estudiei o bacharelato de ciencias, mais tras participar no concurso do Parlamento Xove da Xunta, dinme conta de que quería orientarme a unha área máis social, e Dereito presentábase como un Grado o suficientemente xenérico como para abrirme portas a múltiples ámbitos. A decisión de irme a Oviedo viuse afectada polo profesorado da Facultad de Derecho, máis rexuvenecido que noutras universidades, así e con todos os anos de historia cos que conta. Consulteino con varios xuristas e recomendáronme estudar alí, sobre todo tendo en conta a miña orientación internacional. A UniOvi permitiume acceder a becas e programas de formación no estranxeiro.
—En que outros países completou estudos ou traballou?
—Estudiei os dous primeiros anos de carreira en Oviedo (2015-2017), en terceiro concedéronme unha beca Erasmus na University of Sheffield (UK) (2017-2018) e en cuarto funme un semestre á University of Victoria (BC, Canadá) (2018-2019). Despois tiven a oportunidade de pasar un par de meses viaxando por México, o cal me permitiu coñecer outra realidade social. En 2019 entrei no Máster de ICEX en Madrid, e dende xaneiro de 2021 estou completando a miña formación como becaria ICEX en Moscú.
—Pensa en volver a traballar a España?
—A verdade é que a curto prazo gustaríame seguir formándome ou traballando no estranxeiro. Pero non descarto volver á Península nalgún momento. Son moi nova e penso que aínda podo aprender moito fóra para poder aportar máis cando volva. Non teño présa.