«Levamos confinados dende novembro pero déixannos ir pasear»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

EUROPA

Leva en Graz dende setembro estudando Tradución e Interpretación

25 ene 2021 . Actualizado a las 12:24 h.

Anxela López Rey, sen til no A, é de Vila de Cruces, ten 19 anos e estuda un grao de Tradución e Interpretación. O primeiro curso fíxoo la Universidade de Vigo e este curso foise de Erasmus. Dende principios de setembro reside la cidade austríaca de Graz. A pandemia non freou as inquedanzas desta moza para a que o Erasmus é unha oportunidade que non podía desaproveitar.

-Non che deu medo irte nestes tempos de pandemia?

-Si viñera soa seguro que si, pero vin con unha amiga de Vigo que estuda a mesma carreira e o vir as dúas xa non me preocupaba tanto. Dábame máis vir estando todo mal porque é un país moi caro e coa cantidade de cartos que tes gastar aquí non poder aproveitalo ben. É todo o dobre de caro que en España.

-Austria era a túa primeira opción?

-Non, a miña primeira opción era a República Checa porque me gustaba ese sitio e é barato. Por practicar o alemán e por como era o país puxen Austria como segunda opción.

-Onde vives?

-Vivo nunha residencia de estudantes en Graz. É a segunda cidade máis grande de Austria e unha cidade totalmente universitaria, aínda que co coronavirus non se nota moito.

-Cantos sondes na residencia?

-Ten preto de 400 prazas, pero agora estamos moitos menos. Hai xente de todos os países. Españois somos trinta ou así, e algún galego tamén hai. Moita xente, sobre todo os de máis cerca, de Polonia, Alemania... que estaban mellor nos seus países, fóronse xa durante o curso porque todo é on line. En Nadal, españois quedamos uns sete e algúns internacionais. O resto fóronse.

-Como é a vida hai? Tendes moitas restricións?

-Levamos en confinamento desde novembro. O confinamento aquí é pechar absolutamente todo, menos o súper e as farmacias e só podes ir a iso, pero déixante saír a dar un paseo. Non é como en España que non podías saír da túa casa. Isto o puxeron a principios de novembro e houbo unha semana no medio que se abriron as tendas, antes de Nadal, para mercar os regalos e logo volveron a pechar.

- Puideches aproveitar para viaxar ou coñecer algo, aínda que fora desde que chegaches ata novembro?

-Si, puidemos facer algún viaxe dentro do país porque está permitido saír pasear e, de feito, as estacións de esquí están abertas para a xente de aquí. Podes coller un coche e ir a ver un lago o a algún sitio a pasar o día e non che din nada. Pero claro hai que ir poucas persoas, non podemos ir en grupos de moita xente. Antes fomos a Eslovenia e Eslovaquia, que son os países que nos quedan aquí ao lado.

-As clases son todas telemáticas?

-Si, agora mesmo si. Empezaron en outubro dúas semanas presenciais e xa as puxeron on line.

-A experiencia sería mellor sen coronavirus

-Si, claro, pero non está tan mal.

-Aínda que as relacións sociais vos quedarán limitadas á xente da residencia?

-Practicamente so estamos entre nos, e menos mal que estou nunha residencia, porque si estivera nun piso...

-Como se leva un confinamento tan longo?

-Mal, a xente protesta. Sempre van dicindo este día quítase o confinamento, pero chega ese día e o alongan e levan así dende novembro. Nunca chega o día. Este mes dixeran que o quitaban o 15 de xaneiro. Alongáronno ata o 25 e agora din que o 7 de febreiro, e a ver que pasa.

-Están xa vacinando?

-Empezaron a vacinar pola xente maior de 65 anos, pero aquí hai moito escepticismo e a xente non se quere vacinar. Pensaban incluso en pagar á xente para que se vacinara.

-En Nadal non puideches ir ou decidiches quedar por as dificultades de facer PCR e as limitacións?

-Ía a ir á casa ao final, pero logo complicouse o asunto. Antes de Nadal tiñamos que facer PCR para ir a España. Eu ía a ir a Portugal, á Porto, así que xa non tiña que facela, pero para ir a España había que facer unha a ida e outra de volta, pero agora quitaron o de facer unha PCR. Podes volver sen ela e firmar un papel no aeroporto de que farás corentena. Pódese facer corentena cinco días e logo facer un test de antíxenos, que os están facendo gratis en todo o país, e si das negativo, xa podes saír. Se non o queres facer, agardas os dez días en vez de cinco e xa está.

-Na residencia tendes actividades?

-Hai un ximnasio que está pechado, unha sala cun proxector..., pero xa case non vimos o que hai porque estaba todo pechado.

-Como vos desprazades?

-Temos a vantaxe de que a residencia está moi céntrica. Mercámoslle unhas bicis a unhas rapazas españolas que remataron o ano pasado e vamos en bici ou collemos o tranvía. Antes do confinamento aínda saiamos a facer un pícnic, pero agora xa nada.

-Podedes ir a esquiar ou a aprender?

-As estacións están abertas para a xente que vive aquí, pero precisas levar esquís e equipo porque non podes alugar nada porque todo iso está pechado. Co cal nada, porque precisariamos esquís e todo o demais.

-Estarás ata final de curso, xa tes plans para logo...?

-O curso remata en xullo e Erasmus só se pode pedir un ano, pero logo hai becas que se poden pedir dende España. Non sei. Se me interesa, igual pido.

-Onde che gustaría traballar ao rematar a carreira?

-Elixín a carreira en segundo de BAC porque me gustaban os idiomas. Ata entón non o tiña moi claro. O bo é que ten moitas posibles saídas laborais pero non sei, igual de profesora de español nun país estranxeiro.

«Boto de menos a luz e o sol; que se faga de noite ás 4 e ter algún exame ás 6.30 horas, costa»

Anxela bota de menos «a luz e o sol» e leva mal que se faga de noite tan cedo. «Agora xa non tanto porque anoitece e iso das cinco, pero fai nada ás 4 ou antes xa era noite e faise éstrano», di. Mudar as costumes e facerse cos horarios europeos tampouco é doado. Conta que «nas clases non hai tanta diferenza «aquí empezan ás 8.00 e en Vigo eran as 9.00», pero «custoume ter exames ás 6.30 horas». Si os austríacos xa non son moi de saír, e menos de bares, agora coas limitacións as rúas están máis baleiras que nunca. Anxela só puido pisar algún en outubro. «Os bares e cafés, di, non abriron dende novembro e os restaurantes só o fan para dar comida para levar. Os restaurantes que máis hai son italianos e españois». Na residencia comparte habitación coa súa amiga de Vigo e unha cociña «para 10 ou 15». As vantaxes son poder comer ao gusto de cada quen. Para Nadal «pedín turrón», explica, e da casa tamén lle chega «comida española, que é o que botamos de menos: atún, salsa de tomate porque a de aquí non é o mesmo, xamón, chourizo; embutidos, sobre todo».