«Diario 1921», a crónica íntima da viaxe formativa por Europa de Castelao

HÉCTOR J. PORTO REDACCIÓN / LA VOZ

EUROPA

Retrato de Castelao nos seus anos mozos
Retrato de Castelao nos seus anos mozos

«Concedéronlle unha bolsa, foi como un erasmus», sinala Seixas Seoane

07 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cúmprense agora cen anos da xira que emprendeu Castelao por Europa e que o levou -entre xaneiro e novembro de 1921- por Francia, Bélxica e Alemaña. O proxecto, lembra o historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, naceu froito dun encontro fortuíto no tren co médico e mecenas lugués Juan López Suárez, coñecido como Xan de Forcados, que o animou encarecidamente a solicitar unha bolsa á Junta para Ampliación de Estudios -presidida por Santiago Ramón y Cajal e dependente do Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes- para saír fóra, viaxar e coñecer o que se estaba a facer alén dos Pirineos. Xan de Forcados tiña moito ascendente sobre esta institución, da que foi directivo, ao que engadía que a súa muller, Mariana Castillejo, era irmá de José Castillejo, secretario da xunta. Castelao obtivo sen maiores problemas unha pensión mensual de 425 pesetas por nove meses. «Ata lle permitiron adiar a partida, porque naqueles días andaba a mirarse a vista no hospital de Vigo», anota Seixas Seoane.

Marchou só, no tren, en segunda, co seu dicionario de francés. Cada fin de mes enviaba un relatorio xustificativo do que facía. E, ao termo desta experiencia, publicou na revista Nós un traballo sobre o cubismo que, asegura Xosé Filgueira Valverde, «ningún estudo feito en España por aquel tempo pode melloralo en agudeza e comprensión».

Detalle de dous debuxos do diario de viaxe de Castelao
Detalle de dous debuxos do diario de viaxe de Castelao

O obxectivo da viaxe era formativo. «Concedéronlle unha bolsa, foi como un erasmus», sinala Seixas Seoane. Sobre todo, aprender todo o que puidera sobre o gravado. De feito, apunta o historiador, non se sabe de gravado da súa autoría anterior a esta empresa. El era autodidacta, un devoto de Goya, e a súa bagaxe procedía de revistas, as visitas ao museo do Prado, algunhas exposicións en Madrid e Santiago, e as manifestacións de arte sacra en Galicia... É verdade que o informe final do ministerio consignaba que o beneficiario das axudas, «en general, se interesó por todas las manifestaciones modernas del arte para adquirir una orientación nueva».

Pero aquela experiencia europea, ademais dos coñecementos que lle trouxo, deixou para a cultura galega un valioso tesouro, o seu diario de viaxe, unha crónica persoal, artística e literaria, a primeira destas características escrita integramente en galego, se se exclúe o de Ben-Cho-Shey que data de 1918 e permanece inédito.

Seixas Seoane enxalza o ton íntimo, case confesional, que impregna o diario, que obedece, di, a que «estes textos non estaban pensados para seren publicados; de feito, hai xente que discutiu a oportunidade da edición [en 1977] porque cría que ofrecían unha face do escritor rianxeiro un pouco conservadora».

Cen anos despois da súa escritura, Galaxia rescata aquela edición -impulsada polo Museo de Pontevedra e o propio selo vigués- na súa biblioteca Nós.

«Non lle emociona a nova arte, agás o expresionismo»

«Nun intre en que o ensaio [en galego] estaba aínda a agromar, cando non había tres meses que saíra o primeiro número de Nós de Ourense e faltaban dous anos para a fundación do Seminario de Estudos Galegos, a prosa de Castelao ten xa un valor sobranceiro. Importa moito canto di, pero é tamén digno de ser ponderado o xeito de dicilo». Quen así fala é Filgueira Valverde, que redactou o prólogo para aquela publicación de 1977 e que abre tamén esta edición rescatada. Unha estima na que conflúe Seixas Seoane: «Non estamos só ante o diario dun aprendiz, tamén é un libro de artista», do que destaca catro valores fundamentais e poderosísimos: a coherencia do home que escribe en galego incluso cando sae da súa terra, a sinceridade que amosa ao enfrontarse coa realidade, o moi ben escrito que está e as fermosas ilustracións que o acompañan. Interésalle ademais o que ofrece como «visión desde Galicia dun home con pouca formación percorrendo Europa». Precisamente, di Seixas Seoane, esa carencia de preparación condiciona os seus xuízos sobre a creación contemporánea, que «choca coa súa concepción da arte como a busca da emoción no espectador». Castelao non entende a posición que no París de 1921 alcanza o artista, como gran faro, moi por riba do cadro e do público. «Aparecen uns nus que meten medo de mal feitos [...] Eu coido que Picasso ten un enorme talento, un talento de comerciante catalán», escribe Castelao. A súa crítica semella escasamente audaz e dálle un pouso tradicionalista. Moitos creron que iso afeaba a súa figura. «Simplemente, non lle emociona a nova arte, agás o expresionismo, que coñecerá en Alemaña e que o influirá de forma decisiva. Entende claramente que o cubismo non é cousa que poida traer á Galicia do seu tempo», conclúe Seixas Seoane.