Martín Veiga: «Vexo a poesía como un espazo privilexiado de meditación»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

EUROPA

Martín Veiga publica un poemario e unha antoloxía en galego e inglés da súa obra
Martín Veiga publica un poemario e unha antoloxía en galego e inglés da súa obra MARCOS CREO

Dende Cork, onde dirixe o Centro Irlandés de Estudos Galegos, o escritor publica un novo poemario arredor da perda e a ganancia e unha antoloxía bilingüe da súa obra

08 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Martín Veiga (Noia, 1970) vén de publicar A ganancia e a perda (Kalandraka), un poemario que confronta dúas caras inseparables da vida. Ademais, o director do Centro Irlandés de Estudos Galegos na Universidade de Cork acaba de ver a súa poesía escolmada e traducida ao inglés na edición bilingüe Alfaias na lama/Jewels in the Mud (Small Stations Press), na versión de Keith Payne e cun estudo introdutorio de Xosé María Álvarez Cáccamo.

-A ganancia e a perda non só aparecen no título do libro, senón en todos e cada un dos poemas.

-En efecto, as nocións de ganancia e perda orbitan sobre o libro todo, dominan o discurso como un destino, ás veces gozoso e outras veces inevitabelmente dolorido. O libro constrúese a partir desta dualidade existencial e moral que sempre opera en contrapunto, talmente como acontece na vida. Logo de escribir os dous ou tres primeiros poemas, intuín que a indagación nestes dous conceptos ía precisar maior expansión, proxectarse en distintas direccións, mais interesábame tamén preservar un sentido da unidade formal e temática coherente e continuado. Así, o que nun principio concibín como unha longa secuencia de poemas acabou finalmente por se converter no libro.

-A vida consiste, ao cabo, no balance entre a perda e a ganancia?

-A vida é un cómputo de ganancias e perdas que aos poucos nos vai conformando como persoas a nivel individual e tamén como comunidade. Todo o mundo está feito dese tecido, de xeito máis ou menos consciente, na medida en que se valore -ou non- o que aínda se posúe e o que xa se perdeu.

-Hai tamén no libro unha ollada retrospectiva, un reconto do que se foi: «os restos perdidos da miña mocidade», «onde foron as horas que vivimos xuntos, meu amigo?»...

-Así é, a reflexión sobre a ganancia e a perda levoume nunha viaxe interior desde o presente máis inmediato cara ao pasado, recente e remoto, ás veces mesmo cara aos abismos da lembranza de situacións e momentos que coidaba xa idos para sempre. Tamén á evocación de persoas queridas que perdín, que ficaron atrás ou xa non están fisicamente connosco. Concibo a poesía como un espazo privilexiado de meditación no que a vida, en todas as súas vertentes, ocupa un lugar central.

-E tamén celebra a chegada da súa filla, á que vai dedicada o libro...

-É un libro que celebra a vida en toda a súa complexidade. En realidade, a escrita naceu como resposta á conmoción emocional que sentín ante o inminente nacemento da nosa primeira filla, que representa a ganancia de maneira irrenunciábel, e un ataque informático a causa do que perdín o traballo de anos, poemas, recordos, fotografías. Entre estas dúas pulsións enfrontadas atópase o espírito do libro, que por riba de todo quere ser gozoso e vital, aínda que non pode evitar a veta introspectiva.

-Gustaríame que explicase o porque desa escolla formal, deses «falsos sonetos».

-Todos os poemas do libro teñen catorce versos e moitos deles reproducen ou interpretan a estrutura interna do soneto clásico. Con todo, fóra disto, están escritos en verso libre, de aí a idea do falso soneto. Novamente, a composición dos dous ou tres poemas iniciais, que impremeditadamente seguiron esta forma, resultou crucial no desenvolvemento do resto da secuencia. Neses primeiros poemas sorprendeume como a unidade de pensamento que se pode resumir de modo exemplar no corpo do soneto cadraba tan ben coas miñas intencións expresivas. Cando a forma e o contido se concilian de maneira natural, todo encaixa máis doadamente. Neste sentido, durante a escrita do libro pensei a miúdo na emoción que deberon sentir os poetas Garcilaso e Boscán ao adoptaren o soneto italiano para a literatura hispánica no século XVI. Tamén na defensa que o romántico inglés Wordsworth fixo nun dos seus sonetos no que, en relación coas aparentes restricións que impón o emprego desta forma, lembra que «en verdade, a prisión á que nós mesmos nos condenamos non é prisión ningunha». 

-Irlanda está algunhas veces en primeiro plano, «as ladeiras constentas de Kinsale», outras de xeito máis matizado (eses leopardos da lúa de Yeats). Imaxino que de vivires noutro sitio a súa poesía sería outra.

-A miña poesía nútrese dun modo bastante intenso da miña experiencia vital, tanto do presente como do pasado, polo que non teño dúbida de que a miña poesía sería moi outra se outra fose a miña vida. Iso non significa que escriba poesía meramente autobiográfica, claro, pero non podo inhibirme da influencia da contorna e dos espazos xeográficos e sentimentais que me rodean. Aínda que o universo referencial irlandés acadou maior centralidade no meu anterior libro de poemas, titulado Diario de Crosses Green, segue presente neste libro porque é un mundo que continúa a activar os mecanismos da memoria e a capacidade imaxinativa, que son os motores principais que propulsan a miña escrita.

-Como é o seu traballo de difusión e ensino do galego e a súa cultura en Irlanda dende Cork?

-O traballo arredor do galego aquí vehicúlase fundamentalmente a través do labor do Centro Irlandés de Estudos Galegos, que na actualidade dirixo na University College Cork (UCC). Eu asumín a coordinación do centro para darlle continuidade ao legado iniciado polo finado profesor David Mackenzie, tanto no ensino da lingua e cultura galegas como na investigación sobre distintos aspectos dos Estudos Galegos, que difundimos de xeitos moi diversos no ámbito académico e tamén no seo da sociedade irlandesa en xeral. Ao longo dos anos desenvolvemos unha traxectoria que conseguiu situar UCC no mapa internacional das discusións académicas e creativas que teñen o galego como eixe principal. Naturalmente, a pandemia obrigounos a repensar algúns obxectivos e estratexias, pero seguimos adiante co noso traballo, contribuíndo decotío á visibilización e proxección internacional da cultura galega nas aulas e noutros ámbitos sociais.