Pedro Tasende: «No caderno vese ben o paso do tempo e a despedida do meu avó»

Inés Abelenda / S. G. CARBALLO / LA VOZ

EUROPA

BASILIO BELLO

GENTES DEL FINIS TERRAE | Este carballés retratou ao seu avó durante catro anos, antes da súa morte. Eses retratos están aglutinados en Loito en tinta azul, obra que presentará este domingo en Carballo

26 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Pedro Tasende Cotelo (1985) é un artista e arquitecto carballés que reside na Bretaña (Francia), onde continua plasmando a súas ideas e obras nos lenzos. Dende moi pequeno gustáballe a pintura e, a eses anos, acudía a diferentes clases de debuxo, que axudaron a potenciar ese interese. O vindeiro domingo presentará ás 12.00, na Galería Manolo Eirín de Carballo, o seu caderno de debuxos chamado Loito en tinta azul, nos que retratou ao seu avó nos seus derradeiros anos de vida.

-Estudou en Barcelona, Madrid e Estambul.

-Eu non estudei directamente Belas artes nin arquitectura, senón que empecei facendo deseño industrial en Barcelona. Nese momento non me atrevín a facer arquitectura porque era unha carreira longa. Belas Artes era a miña outra opción, pero non se vía con bos ollos polas saídas, polo que ao final, decidinme por unha terceira vía: o deseño industrial. Cando acabei esta carreira en Barcelona, marchei para Madrid a facer arquitectura, estudando durante un ano en Estambul.

-Como viviu eses anos?

-Eu quédome con esta última experiencia, estudar en Estambul, porque foi abrir novos horizontes, coñecer unha cidade apaixonante e xente de toda Europa. Foi a miña experiencia universitaria con diferenza, xunto con Belas Artes, curso no que ao final matriculeime cando estaba en Barcelona porque tiña moitas ganas de facelo. Isto confirmou que quería seguir coas artes plásticas, independentemente dos estudos universitarios.

-Actualmente reside na Bretaña francesa. Como chegou a vivir alí?

-Todo xurdiu a través dun traballo nun estudio de arquitectura no 2014, na cidade de Vannes. É un sitio pequeno, moi bonito, con paisaxes espectaculares, tanto culturais como naturais. Fun alí para estar tres meses e ao final levo seis anos. É un sitio moi tranquilo e eu encóntrome moi ben nel.

-No libro que sae o domingo recóllense os retratos que fixo do seu avó, non seus últimos anos de vida.

-A min cústame moito traballar coma se fose un proxecto. Todo o que é a arte plástica é algo que sae de min de maneira irracional e sen método. Os debuxos do meu avó foron xurdindo pouco a pouco. Empecei hai uns catro anos a facer os primeiros retratos en situacións familiares, cando el tiña 96 anos. Xa era unha persoa maior, bastante estática, cun carisma especial, que xogaba ás cartas e sempre se prestaba para que o retratase. Tiña unha facilidade para debuxalo, de forma moi natural, que non teño con outras persoas. Uns retratos que con el saían moi naturais, debuxos moi cargados de sentimento.

-Cando decidiu publicar este caderno tan persoal?

-Fixen o último debuxo dous días antes de que el morrese, cando xa estaba na súa cama e bastante mal. Despois da súa morte dinme conta de que tiña unha colección de debuxos ao longo de tres anos nos que se vía unha evolución dun avó que xogaba ás cartas, sorría cunha mirada alegre e interactuaba con todos. Ata un avó que está na cama e apenas pode abrir os ollos. Pareceume bonito ter os retratos xuntos, coma se fose un caderno no que eu plasmara todo neses anos. Vese moi ben o paso do tempo e ao final a despedida do meu avó, como se foi apagando emocional e fisicamente. O que quería era manter a esencia dos debuxos que fixen polo que neste caderno aparecen feitos con pluma azul, porque gústame moito o trazo que deixa e a expresión que transmite.

-Que outros debuxos lle gusta realizar?

-Eu non teño unha forma de traballar metódica, nin prolongada no tempo, fago cousas rápidas para plasmar a expresión do xesto, vivo e natural. Normalmente debuxo cousas abstractas, collo o papel en branco e, sen saber o que vou facer, comezo a traballar. Van saíndo composicións algo aleatorias, pero tamén se repiten certos patróns que me fan evolucionar. Isto é todo o contrario ao que fixen co meu avó, xa que con el tiña unha referencia e plasmaba as sensacións dese momento. O tipo de debuxo que facía con el tamén o realizo con outra xente, coma o meu pai, do que tamén teño moitos retratos.