«Dublín ten unha sinerxía e unha musicalidade marabillosa»

XIANA FOLE GARZA / r. n. OURENSE / LA VOZ

EUROPA

A ourensá María Álvarez leva tres anos vivindo na capital irlandesa, cidade que sinte moi cerca de Galicia pola súa tradición e cultura

27 jul 2020 . Actualizado a las 09:41 h.

Xa fai tres anos que María Álvarez Fernández (Ourense, 1991) aterrou en Dublín, coma ben podía ter rematado en calquera outra cidade europea. A súa escolla foi froito do azar, pero o país quixo acollela mellor do que ela mesma agardaba. «Remataba de volver a casa despois de vivir fóra un tempo, estaba un pouco de baixón. Comecei a buscar traballo online e apareceume un en Irlanda. Nunca pensara en mudarme aí, pero Irlanda é moito como Galicia, vai ben para a morriña». Chegou alí tras atopar emprego nunha gardería, querendo vivir a experiencia e consolidar o idioma. Pero a que ía ser unha estadía dun ano xa vai polo terceiro. Agora traballa con nenos con autismo, nunha escola de educación especial.

Se lle preguntan a María -á que todos chaman Mery- que é o que máis lle gusta de Dublín, non titubeará na resposta: a súa música e a súa xente. «A definición de riquiño son os irlandeses, se che poden axudar en algo, vano facer. Máis aínda cando lle conto toda esta leira de que somos a sétima nación celta», asegura. A música, por outra banda, é a gran paixón de Mery, quen atopou en Dublín un lugar soñado para gozar dela. A súa rúa principal, Grafton Street, unha magnificación da rúa do Paseo ourensá, está sempre chea de músicos. «Aquí hai música en directo tódolos los días, hai xente cantando nos pubs, todo o mundo sabe as cancións... Hai unha sinerxía e unha enerxía xenial. A musicalidade é marabillosa; penso que en Ourense temos talento a esgalla, pero aquí a política aposta máis pola música», comenta.

Na outra cara da moeda están os horarios e os prezos dos alugueres. Os horarios, de tan europeos case ríxidos, implican que a pausa da comida hai que facela ás once da mañá, hora na que moitos galegos estarían almorzando; e os prezos da vivenda non son ningún regalo, ó ser unha capital que ademais conta cun nivel de vida superior. Nas súas amizades intenta integrar á maior xente local posible, pois é das que pensan que a diferenza é riqueza; aínda que resulta imposible non atopar españois e, por suposto, galegos. Tanto é así que a cidade conta coa súa propia Asociación de Galegos en Dublín, os Fillos de Ith, a escusa perfecta para xuntarse coa terra ou celebrar unha festa Xabarín.

Ós irlandeses descríbeos como tímidos, mais só ó principio. «Unha vez abren a veda, por así dicilo, son aínda peores ca nós», ri. E por atraente que sexa a cultura de pintas e pubs dublinesa, Mery asegura que os seus amigos oriúndos de Irlanda escollerían antes unha Estrella Galicia ou o licorcafé do seu avó.

Malia tódolos encantos que garda a súa vida na diáspora, a saudade de vivir lonxe da casa tamén ocupa espazo. «De Galicia boto de menos a calidade de vida. Saír de traballar cando fai bo e ir ás charcas a darse un mergullo, ou ir de tapas polos viños. Eu son moi de leria. Aquí van ós pubs, pero non hai cultura de terrazas. Creo que o nivel de vida é maior, pero boto de menos a nosa calidade de vida». Sobre todo agora, que leva dende Nadal sen volver. Pensou en mercar un billete cando empeorou a situación da covid, pero finalmente escolleu quedar. Se a situación de por si é dura, é peor canto máis lonxe da casa estes, di. «Agora estamos volvendo á normalidade. Eu xa comecei a traballar e as cousas van abrindo, pero máis amodo que en España. Abriron restaurantes, bares non, e a máscara non é obrigatoria». Sobre os seus plans de futuro, non hai nada escrito. Pensa volver a Galicia a curto ou medio prazo, tampouco quedar definitivamente. «Non me pecho portas. Creo que quen viaxa e vive noutros países sae enriquecido como persoa», conta. Do último tamén tivo a oportunidade ó longo destes tres anos: visitou Galway, Cork e varias cidades inglesas, ademais de Nova Iorque, á que puido ir grazas ó traballo. Pero é en Irlanda, coa súa tradición, natureza e cultura, onde se sinte máis preto da casa.

 

a vida en dublín

Capital da República de Irlanda, Dublín atópase na costa este do país, xunto á desembocadura do río Liffey. Cunha poboación de máis de 550.000 habitantes, está considerada unha cidade multicultural e cosmopolita, que alberga gran parte do patrimonio histórico irlandés. En Dublín naceron ou viviron grandes escritores da literatura universal, como James Joyce, Samuel Beckett e W.B Yeats.

A música viaxa con ela.

traxectoria vital

A música viaxa con ela. María Álvarez Fernández naceu en Ourense. Filla dunha profesora e neta do que foi director da banda de Ourense, a música é algo que lle vén de berce. Os seus estudos fixérona trasladar a Santiago, onde se licenciou en Maxisterio con mención en música, e máis tarde en Psicopedagoxía. Cursando a segunda carreira tivo a oportunidade de marchar un ano de Erasmus a Normandía, experiencia que lle fixo descubrir unha segunda paixón: viaxar. É por iso que ó rematar o grao pediu a beca Galeuropa e trasladouse a Lisboa a traballar durante uns meses. Dublín foi a súa seguinte parada, cidade na que hoxe exerce como psicopedagoga. «Eu estou contratada como profesora de educación especial, traballo con nenos con autismo, pero moitas veces lévolles o ukelele e fago actividades musicais, encántalles».