Manuel Cartea: O poeta que fai galegos aos clásicos franceses

Ademais de escribir versos propios, está a traducir os poemarios de autores galos dos séculos XIX e XX


ribeira / la voz

A época, nos tempos da posguerra, e o lugar de nacemento, Ferreira de Pantón, sentenciábano a ficar para sempre nun mundo rural e fondamente apegado ao campo, pero Manuel Cartea tiña inquedanzas didácticas e culturais desde cativo, polo que apostou por cambiar o seu destino. Foi un proceso longo e difícil, pois tivo que compaxinar formación con traballo, recorrendo incluso á emigración, pero alcanzou o reto e mesmo o superou. Forxou a súa traxectoria profesional no eido da docencia, ao tempo que se converteu nun activista social e cultural. Mesmo deu o salto ao mundo creativo como poeta e tradutor.

E iso que non foi ata os 22 anos, cando xa estivera unha tempada traballando en Bélxica, cando Cartea comezou os estudos de bacharelato, que compaxinaba co servizo militar obrigatorio. A etapa posterior na USC, cursando Filoloxía Románica, non fixo máis ca alimentar aquelas inquedanzas infantís e mergullalo tamén no eido político: «Foi do 72 ao 77, cando a universidade estaba nas rúas, nos bares e no cine. Santiago fervía».

A carreira resultoulle relativamente doada, pois elixiu a especialidade de francés, lingua que dominaba polo seu pasado de emigrante, e aos 30 anos converteuse en mestre de instituto. Aínda daría despois un paso máis a nivel formativo, pasando a ser catedrático. Foi a mediados dos 80, coincidindo co seu destino no Numero Un de Ribeira, onde non tardou en implicarse a nivel social.

Lembra con morriña a etapa á fronte da asociación cultural Ancoradoiro, «quizais a mellor banda de gaitas que había naquel momento en Galicia», e con respecto o grao de area que lle aportou, como presidente, á Cruz Vermella. A nivel cultural, aínda que traballou arreo no prolífico Faiado boirense de Luisa López, non dubida á hora de apuntar cara a Barbantia, asociación que lidera, como o gran punto e aparte: «Tanto a nivel de socios, como de actividades e de territorio que abarca. É unha máquina enormemente engraxada que vai soa».

Foron os seus compañeiros de aventuras nesta asociación os que o animaron a escribir. A el sempre lle tirou a poesía, pero resistíase a amosar os seus traballos. Foi un encargo de Barbantia para a sección Aires de fóra, o que o levou a abrirse con traducións ao galego de grandes poetas da literatura clásica francesa. A través do Anuario da entidade fixo posible a lectura en galego de versos de Baudelaire, Rimbaud, Mallarmé, Bertrand, Reverdy e Berlaine, e agora pretende converter eses traballos nunha serie de libros: «Estou peiteando a poesía francesa dos séculos XIX e XX para vertela ao galego, algo que nunca se fixera. É fermoso deixar ese legado».

Materia pendente

Trala estrea como tradutor, mesmo se arrancou a publicar un conxunto de versos propios, Poemas equinos, inspirados en cadros de Paola García, e, da man de Antonio Piñeiro, mergullouse na crítica literaria. Incluso pretendía aproveitar o confinamento para repasar os máis de vinte cadernos que ten cheos de poemas, dándolle forma a un volume, pero apareceulle un traballo imprevisto e moi satisfactorio: Xulio Gutiérrez requiriu a súa axuda para pasar ao galego actual 120 cantigas medievais.

Agora que se lanzou, semella que non haberá quen free a Manuel Cartea. O seu abano de traballos é amplo, pois mesmo corrixe libros, pero por riba de todo, considérase poeta: «Para traducir tamén hai que ser poeta, sentir a poesía. Traducir é recrear, porque sempre hai que traizoar algo da lingua orixinal». É a súa gran paixón a nivel persoal, pero tamén pola contribución que lle fai ao galego: «Ao traducir enriquécese o idioma con vocabulario e novas estruturas. A tradución ensancha unha lingua e é básica para a súa normalización».

Escribir é tamén para el unha necesidade: «Fágoo sen esforzo. Ás veces estou lendo e atopo unha palabra que me ilumina e dela sae un poema dun tirón». Por iso, xubilado da docencia, dedícalle á arte das palabras o máximo tempo posible, sen esquecerse de seguir engrandecendo o legado cultural que quere axudar a deixarlle ás novas xeracións de barbanceses: «O futuro de Barbantia está na man dos nosos sucesores. Imos deixar unha gran herdanza, espero que haxa quen tome o relevo».

Formación. É catedrático de Filoloxía Románica, na especialidade de francés.

Faceta laboral. Foi mestre e tamén director do IES Número Un de Ribeira. Tamén é perito calígrafo e exerceu nos diferentes xulgados da zona.

O escritor. Ten traducidos poemas e obras completas dos grandes bardos clásicos de Francia. Polo de agora publicou un libro de versos propios: Poemas equinos.

Votación
0 votos
Comentarios

Manuel Cartea: O poeta que fai galegos aos clásicos franceses