A artesanía galega viaja a Estocolmo

La Voz REDACCIÓN

EUROPA

A Fundación Artesanía de Galicia regresa ao encontro de decoración Formex cunha colección de pezas de artesanía tradicional e contemporánea na que participan 51 profesionais do sector, dos cales 18 son novidades no evento

14 ene 2020 . Actualizado a las 12:26 h.

A Xunta está a impulsar a comercialización e a promoción de Artesanía de Galicia no mercado nórdico, na feira de decoración Formex, que se celebra en Estocolmo ata o 17 de xaneiro. Con esta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria busca abrir novas canles de distribución para o produto artesanal galego.

Como cada ano desde o 2013, a Fundación Artesanía de Galicia presenta na capital sueca unha nova colección de pezas de Artesanía de Galicia, unha proposta para crear ambientes baseados no produto artesán e nos que a artesanía tradicional se combina con produtos máis contemporáneos. Nesta edición, cóntase coa participación de 51 profesionais do sector artesán galego, dos cales un total de 18 son novas incorporacións a esta feira. A porcelana, o papel, o vidro, as pezas de coiro ou os xoguetes de madeira combinan coa olería, coa cestería tradicional, co téxtil, coa ilustración, co vidro, coas figuras tradicionais feitas con miga de pan ou coas pezas de madeira orientadas á gastronomía, formando todo isto parte da escolma que representa o produto artesán galego este ano en Formex. Este encontro está considerado unha das feiras profesionais de decoración de referencia do deseño escandinavo e celébrase en dúas edicións anuais, xaneiro e agosto. Trátase dunha oportunidade única para a reunión de axentes, importadores, deseñadores, produtores e compradores de deseño interior e da industria de agasallos, unha porta aberta a un mercado internacional no que o produto artesán galego está a introducirse desde hai 7 anos.

Entre as novidades que Artesanía de Galicia presenta nesta edición atópanse os tecidos artesáns de A.Outeiriño (Ourense); o vidro de Arteviares (A Coruña); a cerámica de Branqueta (A Coruña), Copia Cerámica (Santiago), Obradoiro de cerámica castrexa Castrolandín (Cuntis), Misoco (Vigo), Obradoiro Gorín (Malpica), Olería do Batán (Baños de Molgas), Raposiñas Cerámica Feita de Vagar (A Pobra do Caramiñal); os obxectos de madeira de El Arce Imaginario (A Coruña), Ilex Talla (Santiago) e Xar Arte en Madera (Vigo) As ilustracións de Iria Prol Studio (Santiago); a impresión téxtil de Las Flores de Greta (Gondomar); os mandalas téxtiles de Roundie&Colors (Abegondo); as pezas de coiro de Tres Caracoles (Lugo); as bonecas de trapo de Woodding (Boiro) e os mobles de Ventura (Nigrán).