Oliver Laxe: «O rural vive un holocausto»

O cineasta galego presenta en Cannes, un festival no que sempre é moi ben recibido, «O que arde», unha visión da soidade e do rural galego


Redacción / La Voz

Oliver Laxe (París, 1982) é un tipo singular. Comunicámonos por WhatsApp para concertar un encontro imposible, porque ao director fáltalle tempo para poñer a punto o seu novo filme antes de levalo a Cannes. Así que, despois dunhas cantas mensaxes, mándame as respostas por correo electrónico. Aínda botando de menos a experiencia de coñecelo, hai que admitir que neste home nada é convencional; nada do que di é previsible. E todo semella verdade.

-Volve a Cannes, onde sempre consegue premio. Que espera esta vez?

-Non espero nada, ter alí o noso filme outro ano máis é máis do agardado, elíxense corenta cada ano... Espero máis en Galicia cando se estree aquí. Espero que guste, que o público atope familiaridade na película. Fíxose con esa intención.

-Nesta película, «O que arde», revisa a despoboación, os incendios, a soidade... Entristécelle esa deriva?

-Entristece, claro, o rural vive un verdadeiro holocausto. Non se pode facer peor, non se pode ter tan pouca visión... Son valores milenarios que se perden. Aínda que non hai que esquecer que, a pesar da súa evidente decadencia, o mundo está ben feito. É dicir, que o mundo tal como vén dado ten sentido, que pasar por esta decadencia é necesario por algún motivo. Todos temos casas na aldea que están a caer, coas súas leiras a monte ou a eucalipto. Hoxe toca facer do pasado presente e futuro, sen nostalxias nin romanticismo. Por unha cuestión de puro pragmatismo. Ou supervivencia.

-Que opina de plataformas como Netflix? Cre que podería verse unha das súas películas no móbil?

-No meu móbil, como moito, vexo os resumos das mellores xogadas da NBA, e xa me parece unha herexía facelo nun tamaño tan pequeno! Netflix? Desconfío da cultura financiada por empresas; creo que é un ben colectivo no que hai que investir sen mirar unicamente os beneficios económicos. Para os cineastas é un carameliño envelenado, porque teñen unha maneira máis sinxela de financiar os seus proxectos. Pero teño por premisa vital fuxir dos camiños sinxelos coma se fosen o mesmísimo diaño.

-Que tipo de cine lle gusta ver?

-Eu chámolle cine con alma. Case todas as producións contemporáneas evocan dúas cousas: distracción ou destrución. Algo de distracción é necesaria na vida, o problema é cando o único que hai nas nosas vidas é distracción.

-Como lle explicaría Galicia a alguén que non a coñeza?

-Sempre digo que en Galicia non hai nada extraordinario pero que, pola contra, todo está ben. Tamén digo que Galicia é unha das rexións do mundo, ou polo menos de Europa, onde historicamente menos derramamento de sangue houbo. Isto debe ter as súas razóns, e vémolo no carácter da xente.

-Seus pais foron emigrantes, séntese vostede emigrante?

-Si, tamén pola miña condición de artista que, lamentablemente, é a do permanente estranxeiro. A miña profesión baséase en ver. E sen distancia non se ve nada.

-Que bota máis de menos cando non está en Galicia?

-Cando vivía en África era o cheiro do frío, como ule o campo aquí, a humidade. Tamén o bo pan de centeo, que aínda se atopa. Aínda hai panadeiros con alma. Son máis do Galicia calidade que do Galicia cantidade.

-Defínase en catro palabras.

-Moi, moi, moi traballador.

-Que lle gusta facer cando non traballa?

-Temos a idea equivocada de que a vida é traballo por unha banda e distracción cando non traballamos. Pero o traballo ten que ser todo o tempo, e refírome a traballarse a un mesmo, a coñecerse a un mesmo para sermos menos idiotas na vida. Non facer nada nesa dirección non é inocuo: o que non sobe, baixa.

-Celta ou Dépor?

-Vin en Riazor o mítico Dépor-Celta que gañou o Dépor cun golazo de Djalminha tras recorte de tacón. Ver aquela obra de arte en directo, a parábola da pelota e como finalmente entra na portería... Sublime. Son do Dépor, pero tamén defendo o Celta, claro. E o Lugo!

-De cativo, que quería ser de maior?

-Arqueólogo primeiro, arquitecto despois. Sempre fixen castelos na cabeza...

-De que se arrepinte?

-De non terlle dedicado máis tempo á música. Son un músico frustrado.

-É moi activo nas redes sociais?

-Non teño. Tiven Facebook hai anos pero funme, distraíame moito. Agora teño WhatsApp. Permíteme estar máis en contacto coa miña familia e amigos, iso é bo cando viaxas. Tamén son máis eficaz no traballo grazas a el. Pero creo que me atonta bastante estar todo día pendente do teléfono.

-Dígame unha canción

-Who by Fire, de Leonard Cohen. Escoiteina moito ultimamente. Era o título de O que arde que pensamos para a versión inglesa da película.

-Que é o máis importante na vida?

-Aprender a morrer con dignidade. E aprender a morrer leva toda unha vida, non hai que distraerse moito.

Votación
0 votos
Comentarios

Oliver Laxe: «O rural vive un holocausto»