José Manuel Abuín: O rianxeiro que fai malabarismos cos gigabytes

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

EUROPA

CARMELA QUEIJEIRO

Acaba de conseguir unha bolsa de investigación que o terá un par de anos traballando en Portugal

14 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

José Manuel Abuín ía para físico, ou esa foi a súa primeira opción unha vez rematados os estudos no instituto de Rianxo, pero non tardou moito en cambiar de rumbo para acabar converténdose en enxeñeiro informático. El mesmo recoñece que deu un pequeno rodeo para chegar aí, primeiro na Facultade de Física e logo facendo un ciclo formativo, pero finalmente atopou o seu camiño, un percorrido que o levou a converterse nun investigador que traballou nos centros tecnolóxicos máis punteiros de Galicia, a publicar nas revistas especializadas máis importantes de ámbito internacional e a converterse nun malabarista dos gigabytes.

Acaba de recibir unha bolsa para continuar a investigación sobre a que trata a súa tese doutoral, un traballo complexo e ambicioso no que a informática se pon ao servizo da xenómica. De entrada, pode parecer que estas disciplinas non teñen nada que ver, pero o estudo do ADN ten na tecnoloxía informática un aliado fundamental, concretamente, o Big Data e a computación de altas prestacións, campo no que está especializado José Manuel Abuín.

Xenómica e bioinformática

Basicamente, a computación de altas prestacións desenvolve programas que se executan en paralelo permitindo aproveitar ao máximo os procesadores dos ordenadores. Isto, xunto co Big Data, ten múltiples aplicacións e, no caso da investigación do informático rianxeiro, trátase de aplicalo á ciencia xenómica e á bioinformática para mellorar as ferramentas que se empregan na análise de mostras de ADN: «A información que xera unha mostra de tecido é tanta que non cabe nun ordenador portátil, sobrepasa a súa capacidade para analizala, e iso fai que poidan pasar días ou incluso semanas antes de que os biólogos ou bioinformáticos logren un resultado concluínte e que teña sentido».

A idea é aplicar a computación de altas prestacións e o Big Data para resolver este e outros problemas no campo da xenómica. José Manuel xa ten publicado varios artigos sobre esta cuestión en revistas especializadas, algúns con bastante éxito e citados por outros autores e investigadores nos seus traballos, e espera que non sexan os últimos. De momento, grazas á beca de investigación que vén de conseguir, ten por diante tres anos para seguir traballando neste campo. Logo, xa se verá.

Pouca estabilidade

Neste sentido, o rianxeiro recoñece que no campo da investigación existe unha elevada inestabilidade laboral, e o desenvolvemento da carreira profesional depende fundamentalmente de bolsas e axudas para proxectos concretos. A isto engade que, ao final, é unha obriga saír fóra. El pasará os dous próximos anos traballando en Portugal, cun equipo multidisciplinar da universidade de Barcelos, e logo volverá a Santiago. Xa tivo que estar unha tempada en Alemaña, na universidade Johannes Gutenberg de Mainz, con outra bolsa para sacar adiante a súa tese doutoral: «Ao final teste que ir fóra, e hai moitos que logo xa non volven, adáptanse a vivir no estranxeiro e teñen mellores condicións, ¿para que van volver?».

Conta que comezou a interesarse polo campo da investigación cando recalou no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e xa nese momento foi consciente de que «isto é unha carreira de fondo e sabes que van pasar anos ata que consegues unha certa estabilidade laboral, dependes de becas e proxectos que che vaian financiando». Durante tres anos el estará vinculado, dentro do grupo de Arquitectura de Computadores, ao Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (Citius), no que xa traballara no pasado e ao que volve tralo seu paso por institucións coma o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial e a USC e pola empresa privada.

O seu obxectivo é continuar a investigación que iniciou coa súa tese e tratar de abrir novos camiños e vías de traballo: «Dentro da xenómica hai bastantes subcampos. Durante a miña estancia en Alemaña comecei a traballar en metaxenómica e quero retomar iso».

O dicionario define a palabra malabarismo como a habilidade e destreza para saír de situacións difíciles, e nesas anda este rianxeiro.