Presentado el cartel de la muestra de Cimadevila en Lisboa

La Voz

EUROPA

Se trata de una actividad de la comunidad gallega en la capital portuguesa con motivo del Día das Letras Galegas

19 abr 2016 . Actualizado a las 12:14 h.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inaugurará o vindeiro 13 de maio na sede de Xuventude de Galicia, Centro Galego de Lisboa a mostra «Indo e vindo nun realismo aparente» do pintor galego Ramiro Cimadevila, que permanecerá aberta ata o 3 de xuño.

Con este evento, un dos que a comunidade galega na capital portuguesa ten programados para conmemorar o Día das Letras Galegas, Galicia volverá converterse en punto de referencia da axenda cultural lisboeta. Trátase dunha nova actividade coa que o Centro pon en valor a cultura galega, e ao tempo unha homenaxe aos habitantes da sociedade de recepción por parte da importante colectividade galega residente no país veciño.

Coa súa presenza na inauguración do vindeiro 13 de maio, Rodríguez Miranda quere apoiar a expansión internacional dos autores e artistas galegos a través das comunidades galegas

O autor

A mostra componse dunha serie de obras nas que o autor, natural da Estrada (Pontevedra), expón a súa obra en tres eixos temáticos diferenciados. O primeiro deles condúcenos ata as paisaxes da súa terra natal, e o segundo ás das terras do Courel (polas que o pintor ten especial predilección) que atravesa o universal Camiño de Santiago. Engádeselle aínda un terceiro motivo creativo, as composicións máis intimistas e persoais.

Pintor autodidacta de vocación temperán, comeza desde moi novo a desenvolver a súa vocación pictórica, e así, a finais dos anos 70 acode en Barcelona a cursos de pintura e tratamento da cor, e máis tarde en Santiago, no estudo de Elisa Abalo. Ten traballado intensamente realizando murais, deseño publicitario, e tamén no mundo da decoración. Na Coruña, no obradoiro Milpedras realiza cursos de gravado con Carlos Gonsalves, profesor en Madrid, e Yuli Andrea Cadavid, profesora na Universidade de Antioquia de Medellín (Colombia).

Ten exposto na súa vila natal, A Estrada, e tamén en Santiago, Lugo, Vigo, e Pontevedra e, fóra do territorio da Comunidade Autónoma, en Madrid e Barcelona. A súa obra está presente en múltiplas coleccións de diversas localidades galegas, e tamén de Alacante, Madrid, Barcelona e Brasil.