Diego García Rodríguez: «Dirixir unha representación de "Hansel e Gretel" no Teatro Real é algo grande»
EUROPA

Aínda que este director leva anos fóra, destaca o papel das orquestras de Galicia
06 feb 2015 . Actualizado a las 07:13 h.Dende que era moi pequeno, Diego García Rodríguez (Escarabote, 1976) soubo que o seu era o mundo da arte. «Toda a vida escoitei música na casa. E de aí ven a paixón. Comecei a estudar solfexo e piano, logo continuei fóra e empecei a espertar un interese polo mundo da orquestra», explica dende Madrid a través do teléfono. Porque aínda que agora vive en Eslovaquia, este director de orquestra estará na capital polo menos ata o domingo codirixindo como invitado, xunto a Paul Daniel, a ópera Hansel e Gretel no Teatro Real.
-Dirixir no Teatro Real unha obra coma esa, estreada no ano 1893, con uns dos mellores cantantes do momento débelle de por un anel no estómago. ¿Ou non?
-Dende logo é un orgullo. Porque aínda que non é a primeira vez que traballo no Teatro Real, está é a primeira que son codirector. Neste caso con Paul Daniel co que xa traballei outras veces. Como tal tiven que dirixir unha das representacións. Dende logo é algo grande, un gran momento.
-A ópera estreouse por primeira vez nos últimos anos do XIX, pero aquí danlle un toque moi actual.
-Non soe escoitarse moito esta obra en España, aínda que é unha peza que se representa habitualmente durante o Nadal en Alemaña ou Austria, por exemplo. Ao mesmo tempo ten unha partitura moi rica. O que se pode ver estes días en Madrid (a última representación é dentro dun par de días) é unha montaxe actual onde se ve moi ben reflectida a realidade. Escenicamente é bastante divertida.
Trátase dun neno e dunha nena que están morrendo de fame e viven nunha casa de cartón. Resulta moi impactante porque a poucos quilómetros de aquí hai quen está vivindo en cartóns. Logo, no segundo acto quedan durmidos no bosque. O monte é un espazo deforestado e andan xogando co lixo. Todo iso da que pensar tamén en que estamos facendo coa natureza.
-E a casa de chocolate do conto non é de chocolate...
-A casa é un supermercado cheo de cousas. Reflexa o consumismo salvaxe. A bruxa do conto é o consumo.
-¿E cómo ve a escena operística en Galicia?
-Levo moitos anos fóra, entón tampouco podo valorar. Estiven estudando en Suíza, pero logo, por unha serie de oportunidades que tiven, puiden traballar tamén en Londres, Polonia... Nesa parte de Europa hai moito respecto pola ópera. En calquera cidade de 300.000 ou 400.000 habitantes hai un teatro dedicado a ese tipo de actuacións. Por Galicia hai colectivos de apoio á ópera e están facendo cousas. Logo os galegos están moi orgullosos tamén das orquestras da comunidade.
-Na súa casa estarán contentos, porque en parte é onde labrou o amor polo mundo da orquestra
-Están contentos porque teño sorte a nivel laboral, pero de ter escollido outra cousa tamén o estarían.
UNHA PELÍCULA «A laranxa mecánica»
UN LIBRO «O lobo estepario»
O SEU COCHE Non ten, usa o avión