Asegura que a crise leva cada día máis españois a Viena
28 oct 2014 . Actualizado a las 10:26 h.Algunhas obras da artista Mar Vicente (O Valadouro-1979) poden verse ata o 8 de decembro na Galería Trinta de Santiago de Compostela. A querenza polas formas lévaa desta volta a explorar as posibilidades do cubo. Os seus traballos andan espallados en coleccións da Xunta, da Universidade Complutense de Madrid, da Fundación Laxeiro, la CGAC de Santiago ou mesmo do Bank de Austria, país onde está afincada.
Vive en Viena, pero mantén contacto familiar e profesional co seu país natal ¿Como o consigue?
-Claro que sigo en contacto co meu país en tódolos sentidos. Hoxe en día é algo que non é nada complicado, Internet é moi útil e nos últimos anos sírveme tamén para falar a miúdo coa miña familia e amigos. Profesionalmente tamén é doado manter os contactos e traballar a distancia. Aínda que o que máis me presta é vir fisicamente a rematar un traballo, así ademais de estar por aquí aproveito a maioría das veces para estar coa familia.
-¿Nótase tamén a crise no seu país de acollida?
-Nótase moito no senso de que cada vez son máis os que chegan á cidade, Viena, fuxindo de países como por exemplo España.
-¿Que diferenza atopa, artisticamente, de traballar en Galiza ou alí?
-A diferenza principal agora mesmo está relacionada coa redución de cartos que sufriu o sector nos últimos anos, isto implica tamén a redución de honorarios para o artista.
-¿Son fáciles estes tempos para un artista?
-Para un artista nunca hai tempos doados. O artista sempre tende a saír de onde está (aínda que despois volva) por necesidades persoais e profesionais debido á inquietude propia da actividade creativa, isto é sempre algo positivo e enriquecedor, son ?gajes? do oficio, por así dicilo.
-¿Que canles utiliza para dar a coñecer a comercializar a súa produción?
-Eu traballo con dúas galerías en España e outra en Austria, e todas traballan e fan o posible para que os seus artistas teñan proxección e saian adiante. O meu traballo é a única canle que teño para promocionarme www.marvicente.es
-¿Pódese vivir da pintura? ¿No seu caso consígueo?
-Alimenta, pero non da de comer. Era unha frase que eu utilizaba moitas veces. O artista sempre é a parte máis desfavorecida no mundo da arte, e non é algo puntual que teña que ver cos tempos de crise de agora, é unha situación xeral que se acentúa máis actualmente. E é o propio artista o que ten que seguir reivindicando e loitando polos seus dereitos e polo seu traballo. Ten a avantaxe de ser libre, de non ter os medos convencionais doutros traballos, é un traballo flexible que nunca se esgota. Pódese vivir do arte con moito traballo e constancia, hai cousas que hai que forzar e se hai momento onde non se pode vivir desto hai outras posibilidades e outros traballos que se poden compaxinar para conseguir unha entrada de cartos. En Austria coñezo moitos máis artistas que viven do arte que aquí.
-¿No seu caso móvese alí na ?spanish tribu?, coma moita xente que emigra?
-En Viena (levo dous anos, dos seis que levo en Austria) comecei a coñecer moita xente galega, hai moitísimos arquitectos que veñen da facultade da Coruña, polo demais sempre me relacionei con xente de alí, entorno familiar, e con xente de tódalas partes do mundo, sobre todo de Alemania e Irán. -¿Seguro que coñece algún bar de Viena onde poñan tortilla
-Coñezo sitios onde dan tortilla, pero non a quero comer, prefiro probar outras cousas e aproveitar a cociña austríaca ou facela eu mesma.
-¿E cando ven que é o que non perdoa?
-Cando veño aquí como tortilla, peixe, tapeo, vou ver o mar ou bañarme. É unha das cousas que non deixo de facer antes de irme.