Marta Diz, clarinetista: «Pronto cheguei á conclusión de que sen a música nunca sería feliz»

Rubén Nóvoa Pérez
rubén nóvoa OURENSE / LA VOZ

EMIGRANTES A CORTO PLAZO

Marta Diz Novoa, clarinetista de Xinzo de Limia, premiada internacionalmente
Marta Diz Novoa, clarinetista de Xinzo de Limia, premiada internacionalmente

Con 21 anos fórmase en Belgrado e vén de ser recoñecida nun certame internacional

27 dic 2021 . Actualizado a las 13:27 h.

A moza ourensá Marta Diz Novoa (Xinzo de Limia, 2000) atópase este curso en Belgrado (capital de Serbia). Está alí para perseguir un soño: vivir profesionalmente da música, a súa gran paixón. Está a cursar o terceiro ano do grado Superior de música na especialidade de clarinete no Conservatorio Superior de Música de Vigo. E vén de recibir o terceiro premio no prestixioso certame internacional Davorin Jenko.

—Como arrancou a súa paixón pola música?

—A verdade é que non hai un só causante da miña decisión. Recordo que cando era pequena e ía á casa da miña tía avoa sempre vía o programa de El conciertazo, que emitían na canle da televisión española. Ademais a miña irmá maior tocaba na banda de gaitas de Xinzo; supoño que de aí vén a miña paixón.

—Por que o clarinete?

—Sinceramente, non recordo moi ben cal foi o motivo da miña decisión. Recordo que eu desexaba ir ao conservatorio e estaba entre a frauta traveseira e o piano, pero non sei que pasou na miña cabeza que finalmente decidinme polo clarinete, e agora mesmo non o cambiaría por nada.

—Que supón para vostede a experiencia de formación que está recibindo este curso en Belgrado?

—Eu sempre quixen ir de Erasmus, e a verdade é que estou moi contenta. O profesor que teño é moi bo, estou aprendendo moito e noto un avance extraordinario nestes últimos tres meses. Ademais de aprendizaxe académica, tamén estou aprendendo moito persoalmente.

—Recibiu un terceiro premio no certame internacional Davorin Jenko. Que tal foi esa experiencia?

—Nunca tivera o valor de presentarme a un certame de clarinete, xa que pensaba que non estaba preparada e desta vez armeime de valor e fíxeno. A verdade é que non me arrepinto. Con este tipo de certames, xunto coa experiencia, aprendes a controlar os nervios, capacidade de concentración, a estar segura nun escenario e coñeces a outra xente. Ademais de toda a aprendizaxe que realizas os meses previos coas que pasas co instrumento.

—Que plans de futuro ten?

—A curto prazo, terminarei a miña formación para o ano que vén e posteriormente gustaríame facer un máster. A longo prazo, desexaría tocar nalgunha orquestra e vivir diso.

—Pensa en seguir a súa formación musical no exterior?

—Gustaríame cursar o máster nalgún país fóra de España e aprender dos mellores mestres do mundo. En canto á vida laboral, xa se verá, pero creo que a vida profesional musical fóra de España é mellor.

—Cre que en Galicia e en España non se valora como se debe a música tradicional?

—Creo que tanto en Galicia como en España non se valora a cultura en xeral. En canto á musica e, sobre todo, a música tradicional, na miña humilde opinión non se valora o suficiente. Creo que existen moitos prexuízos. Pero eu pregúntome, que sería de Galicia sen a súa cultura, sen as alboradas, sen os gaiteiros nunha festa, sen os nosos bailes nos magostos, sen as cantigas de Entroido. É certo que vexo un aumento de interese pola música tradicional, pero aínda queda moito traballo por facer. Sen a nosa música e a nosa cultura fáltanos unha parte moi importante da nosa identidade.

—Que consello lle daría aos máis pequenos que teñen un soño musical coma o seu?

—Diríalles que non se rendan, non é un camiño doado. Levarán moitas decepcións e haberá moita xente que lles dirá que a música non é o seu, pero eu dígolles que con traballo, perseveranza e paixón poden chegar a ser grandes músicos. Eu levei grandes decepcións, tiven que escoitar como xente me dicía que non avanzaría nisto e, en moitas ocasións, valorei se a música realmente era o meu, pero pronto cheguei á conclusión de que sen a música nunca sería feliz.

«A banda de música de Xinzo para min é o meu fogar, nela crecín»

Desde Belgrado, Marta non esquece os seus inicios na banda de música de Xinzo.

—Que papel xogou a banda de Xinzo na súa traxectoria?

—Para min é o meu fogar, é onde crecín como músico. Alí entrei con nove anos e recordo que non era capaz nin de tocar un compás sen perderme. Grazas a toda a xente da banda, á perseveranza, ao compromiso e á paixón conseguín avanzar moito. As bandas populares son moi importantes para os músicos, xa que nelas teñen a oportunidade de tocar en grupo, coñecer xente, aprender distintos valores, crecer musical e persoalmente. Espero que as bandas populares nunca morran e sigan na vida dos músicos e dos pobos.

—A nivel persoal, que tal a experiencia no estranxeiro?

—Estou aprendendo moito a nivel académico e persoalmente. Ademais estou coñecendo outro tipo de cultura, aprendendo a vivir soa e sen saber o idioma. Estou mellorando o meu inglés. Recoméndolle a todo aquel que se atreva que viva uns meses ou un ano no estranxeiro.

—A pandemia, imaxino que o complica todo un pouco.

—É todo máis complicado, sobre todo no clarinete, que é un instrumento de vento. Algunhas clases son telemáticas e non estamos tocando en orquestra.