«O interese pola ciencia espertou en min estudando análise musical»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALIN / LA VOZ

EMIGRANTES A CORTO PLAZO

Carlos García Meixide, lalinense becado pola Fundación Barrié, fará un máster na Universidade de Einstein en Suíza

09 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos García Meixide é de Lalín, da rúa Areal para máis señas. Este ano remata na Universidade de Santiago de Compostela un dobre grao de Física e Matemáticas. Cun expediente académico envexable, Carlos é un dos dez estudantes bolseiros pola Fundación Barrié. O seu destino: un máster de Estatística na Escola Politécnica Federal de Zürich.

—Danche as credenciais o día 18 e vaste o curso que ven, como o levas?. Porque esa universidade en concreto?

—Teño moitas gañas. Ir coa beca da Fundación Barrié é un puntazo e unha tranquilidade. Escollín ir á ETH de Zürich por dúas razóns: Unha porque o programa do meu máster é do máis sofisticado en ciencia de datos que vin a nivel mundial. E en segundo lugar porque os profesores que alí hai, a parte de ser eminencias do campo da Estatística, tamén destacan por deseñar as súas teorías de xeito que se podan aplicar a un campo en concreto: a biomedicina, a economía ou mesmo a Física. O que me chamou a atención é que é unha xente cun tremendo dominio incluso máis aló las Matemáticas.

—Digamos que a parte das ensinanzas, hai unha parte investigadora que é un punto máis

—Si. Alí sen ir máis lonxe foi onde estudou Einstein, e xa a tradición investigadora leva implantada alí moitos anos. É un dos seus trazos e alí son moi interdisciplinais e iso da unha riqueza e un poder de coñecemento inmenso.

—Ir cunha beca supón unha axuda, pero supón algún esforzo económico máis para ti é para túa familia? Suíza é un país moi caro

—Aínda así, botando ás contas e consultando co servizo académico de alí, coa beca de Barrié non me fai facer falla ningún apoio máis. É unha oportunidade moi grande.

—Que tal o dobre grado, gañas de rematar?

—Teño sentimentos encontrados porque en Santiago coa pandemia os estudos voltáronse algo en contra, pero agora que están a mellorar as cousas empezabamos a disfrutar outra vez e teño gañas de rematar, pero ao mesmo tempo no. Foron dous cursos case nesta situación. Vótase moito de menos ir a clase, estar con todos ou na biblioteca que hai moito menos sitio e complicouse todo moito.

—Ademais lle das a case todo. Segues tocando?

—A música é algo que todos os músicos podemos entender de dous xeitos: dende o punto de vista colectivo e dende o individual. A pandemia levoume o colectivo e entón, céntrome agora en tocar para mín., eu só e estoume a centrar na técnica, en non empeorar. En definitiva, en quentar os motores para cando se poida volver a tocar outra vez.

—Onde tocabas?

—Tocaba o saxo na Banda de Lalín, no grupo de rock da Universidade; tocaba a gaita nos Deixas de Moneixas e o piano nalgunha ocasión nalgunha exposición dalgunha amiga e para mín.

—A música sérveche para desconectar? Que papel xoga?

—Para mín. é moi importante. É unha faceta da miña personalidade que sempre me axudou a non obcecarme coas cousas. Imaxina que hoxe teño un mal día de estudo, pero se está aí o saxo ou o piano non pasa nada. Libéraste por aí e logo voltas. Para min a música é algo que está intimamente relacionado coas Matemáticas. De feito creo que o interese pola ciencia espertou en min precisamente estudando análise musical. Creo que son dúas caras da mesma moeda.

—Cando empezaches a ir ao Conservatorio?

—Empecei aos seis anos. O primeiro instrumento que elixín foi o saxo e o piano foi bastante serodio porque penso que xa estaba no instituto Ramón Aller.

—Botarás de menos as festas, as verbenas, ir a tocar por aí..?

—Hai cousas que si e cousas que non. Eu sempre fun moito de Auditorio pero a verdade é que disfrutei moitísimo na adolescencia tocando coas bandas por toda Galicia, coñecese moitísimo e a esas idades é unha pasada. A Banda foi a Suíza, a Valencia, a Holanda. As viaxes chegáronme ben.

—Que esperas do máster, hacia onde queres enfocar o teu futuro profesional?

—As alternativas creo que son dúas. A primeira delas sería a afortunada, que é que me ofreceran un posto nalgunha universidade, xa sexa en Europa ou en Estado Unidos. Pero, en todo caso, a outra vía que sería posible despois de facer o doutorado sería a creación dalgunha spin off tecnolóxica en Galicia porque creo que o noso territorio é moi interesante de cara a aplicabilidade de algoritmos de intelixencia artificial na asistencia sanitaria. Isto serviría para reforzar o sector dun xeito importante.

—Cando falas do territorio refíreste a disgregación do territorio?

—Si, efectivamente. O uso de tecnoloxías intelixentes pode ser un bo reforzo para afrontar a deslocalización e, sobre todo, o envellecemento. Un dos grandes retos da estatística actual é a incorporación de datos heteroxéneos medidos con sensores para dar un enfoque de telemedicina a esa xente que non o ten tan doado para asistir aos centros de saúde.

Fillo único, Carlos García, ten un currículo académico de luxo. Explica que «a miña nai sempre tentou que espabilara e foi unha figura clave na miña educación». Está convencido de que «se non fora por ela non chegaría aquí nin de broma. Ela sempre me estaba enriba para que estudara porque de adolescente era moi disperso». E comenta que «cheguei a unha época na que empecei a coñecer moitas cousas e me descentraba con facilidade». Entre elas estaba o Conservatorio que «empezaba a pórse moi interesante» pero finalmente, apunta, «co paso dos anos dinme conta que a música e a ciencia son algo perfectamente simbióticos e escollín ir pola ciencia a nivel profesional». A súa paixón polas Matemáticas non foi un amor a primeira vista e confesa que «no instituto non me gustaban nada porque no sistema educativo non se ensina Matemáticas, ensínase a facer contas». Empezou Enxeñería de Telecomunicacións en Vigo e alí chegou a conclusión que «o que estiven aprendendo no instituto era en realidade enxeñería e vin o que eran as Mates de verdade» da man de «profesores incribles» e «que era o meu». Para el «as Matemáticas estudan como estruturar o coñecemento». Antes diso, na ESO, chegou a pensar tirar polas Artes e a Literatura. Todo por Payo, o seu profesor de Galego e asegura que «escoitar a ese home foi un antes e un despois». Pero ao final, gañaron as Ciencias