«No Canadá faise moito esforzo por integrar a alumnos doutras culturas»

Laura Varela, profesora monfortina de inglés, estivo un mes observando o funcionamento dun instituto público de Ottawa como docente visitante

A profesora Laura Varela, durante a súa recente estadía nun instituto da capital do Canadá
A profesora Laura Varela, durante a súa recente estadía nun instituto da capital do Canadá

monforte / la voz

Profesora de inglés do instituto monfortino Daviña Rey, Laura Varela Rodríguez realizou recentemente unha estadía dun mes como docente visitante nun instituto público da capital do Canadá. No mesmo centro -denominado Gloucester High School- estivo Rita Masid Diéguez, profesora de los ciclos de turismo del centro ourensano de formación profesional A Farixa. A visita das dúas profesoras encadrouse no programa integral de adquisición de linguas estranxeiras da Consellería de Educación.

-En que consistiu o seu traballo no instituto canadense?

-O obxectivo deste programa é axudar a que o profesorado galego mellore a súa competencia en linguas estranxeiras, pero tamén permitir que coñezan de primeira man como funcionan os sistemas educativos doutros países. Non íamos especificamente a dar clases, aínda que en certos casos pódese axudar un pouco no labor docente. Dedícamonos sobre todo a observar como se imparten as clases de diferentes materias e como se xestiona o centro. Eu asistín a clases de inglés, de literatura inglesa, de oratoria... E de automoción, porque no instituto teñen esa especialidade, que tamén se imparte no Daviña Rey. Asistín ademais a clases de cultura e arte indíxena, o que foi unha experiencia moi interesante. Estas clases non se imparten en todas partes. En Ottawa só hai dous centros queo fagan e un deles é onde estivemos nós. Durante a estadía tamén tamén ofrecemos ao alumnos e profesores unha pequena presentación con nocións básicas sobre Galicia, a súa historia, a súa cultura...

-O sistema educativo é moi diferente?

-O ensino medio está organizado dunha maneira moi diferente do español, porque alí funcionan con créditos, un sistema algo similar ao das nosas universidades. Os alumnos teñen que completar unha serie de créditos nas diferentes ramas para conseguir unha titulación. O seu sistema non é mellor nin peor que o noso, é simplemente distinto. Pero é necesario coñecer outras maneiras de traballar para ter unha perspectiva máis ampla e ser críticos e obxectivos co traballo que se fai nos nosos centros.

-Que outros aspectos lle pareceron relevantes?

-Chamoume moito a atención o esforzo que se fai no Canadá para integrar aos alumnos procedentes doutras culturas. Os canadenses teñen unha mentalidade moi patriótica e iso vese moito nos institutos, porque antes de comezar as clases soa todos os día pola megafonía o himno nacional, que a xente escoita de pé. Pero ao mesmo tempo -aínda que hai opinións de todo tipo- están orgullosos de ser unha sociedade multicultural na que están integrados moitísimos inmigrantes chegados de todo o mundo. Nótase que hai moita preocupación por conseguir que os alumnos doutras procedencias se integren na sociedade de acollida.

Eu asistín tamén a clases de inglés como lingua estranxeira, que se ofrecen aos alumnos de familias inmigrantes que non falan o idioma a fin de capacitalos para que poidan cursar os seus estudos con normalidade

-Cre que esa experiencia pode ser útil en España no que respecta á integración dos alumnos de familias inmigrantes?

-Pode ser interesante tomar nota da preocupación que hai nese aspecto no sistema educativo canadense e do que se fai por promover a integración nas aulas. Por exemplo, cando se organizan os traballos en grupo, os profesores teñen o coidado de que se formen equipos de estudantes de varias procedencias e de distintas culturas, e de fomentar a cooperación entre eles. Non queren que os grupos de traballo estean aillados e formados só por alumnos dunha mesma orixe.

Votación
0 votos
Comentarios

«No Canadá faise moito esforzo por integrar a alumnos doutras culturas»