Gabriel Rei-Doval, de Mugardos a Wisconsin: «Levo vinte anos en EE.UU. e sigo escribindo en galego, faime feliz»
ESTADOS UNIDOS
Acaba de presentar o seu libro «Cartas de Marco Polo e outros relatos», coa editorial Embora
15 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Nacido en Mugardos en 1967, Gabriel Rei-Doval marchou a Estados Unidos hai dúas décadas. E alí exerce como profesor asociado na University of Wisconsin-Milwaukee no departamento de Spanish and Portuguese. Mentras tanto, aproveita cada momento para viaxar polo mundo como Phileas Fogg nunha paixón plasmada no seu último libro Cartas de Marco Polo e outros relatos. E sempre en galego.
—Vostede é un trotamundos como Marco Polo?
—A vida levoume por diferentes lugares e aproveito o mellor de cada sitio. Saín de Mugardos aos 18 anos para estudar en Santiago, vivín en Compostela 13 anos, estiven outros catro en Inglaterra e marchei para América. Levo vinte anos en EE.UU; son profesor e lingüística, sigo escribindo en galego e iso faime feliz. E dunha viaxe á India en 2016 xurdiu este libro, a miña primeira experiencia en literatura creativa. Permitume encontrar as miñas orixes como escritor e persoa, a partir destas seis cartas que escribín cun teléfono móbil e un mini teclado. E tamén recolle artigos publicados en diferentes medios en 25 anos.
—Como viviu a India?
—Foi unha apertura espiritual, xa que vivín primeiro un retiro de meditación no Himalaya. E despois tiña os sentidos máis abertos a todas as realidades, para coñecer as marabillas e miserias da India. Visitei a casa museo da Madre Teresa de Calcuta. Eses periplos tamén aparecen nun blog que teño desde 2018 chamado Viaxes de Lee. En canto ao libro, foi publicado hai dous meses por Embora e engade artigos como un que lle adico ao meu amigo Xosé Fernández Barcia (recordado alcalde de Mugardos).
—Ten ancestros emigrantes?
—O meu avó materno emigrou a América na posguerra e acabou na costa leste, forma parte deses galegos que axudaron a construír un país. Traballou entre Boston e Virxinia na construción, algún día quero facer o percorrido polos lugares onde estivo. El chegou a América como traballador indocumentado, eu como profesor e son un privilexiado. Pero seguen chegando migrantes en condicións precarias tanto a EE.UU. como a Europa. Estou casado cunha americana, a Galicia viaxo unha vez ao ano. Cando vivían os meus pais viaxaba dúas.
—Como está de presente o galego no mundo?
— É unha lingua que se nota onde estamos os galegos, mantense viva aquel eslogan de que os galegos estamos no mundo. Podemos vivir en diferentes lugares do planeta que mantemos a nosa lingua. E estou encantando de contribuír á escritura de viaxes en galego, algo que fixo Vicente Risco con Mittleleuropa.
—O libro acaba adicado aos seus pais. Como eran?
— Eran persoas únicas como son únicos todos os pais. O meu pai aportoume a capacidade crítica para entender realidades complexas. A miña nai ensinoume a que neste mundo estamos para axudar, server e non só para beneficiarnos.