Marcos Waldemar: o mago de Portomarín que leva a súa maxia a Estados Unidos
ESTADOS UNIDOS
O portomariñense presentará o seu libro «Preventio» nunha xira de dous meses dende Miami ata As Vegas
03 may 2023 . Actualizado a las 11:23 h.Marcos Gayoso, máis coñecido como Marcos Waldemar para o seu público, é un dos magos máis xoves e exitosos de Galicia, e é que o leva no sangue. Descendente do conde de Waldemar, un dos magos máis prestixiosos do mundo, Marcos medrou escoitando as historias de maxia da súa familia en Portomarín a través do seu parente, o conde de Waldermar, e agora emprende un novo proxecto a través dunha xira por Estados Unidos, na que presentará o seu libro «Preventio», traducido ao inglés e ao español, co que pretende revelar os mellores consellos e trucos.
O portomariñense partirá a Miami o próximo luns 1 e maio para comezar o seu ciclo de conferencias por América. «Viaxarei por todo o sur durante dous meses ata As vegas e despois voltarei a España», asegura o mago, que terá o seu libro á venda en España a partir do mes de xullo.
—Como xurdiu este novo proxecto?
—Eu xa levaba uns anos pensando en publicar un libro de maxia pero a cousa tomou forma cando recibín unha chamada Jeff McBride, un dos magos máis importantes do mundo. Estaba na casa tan tranquilo cando me contactou para dicirme que lle gustaba moito un dos meus xogos de maxia e que quería levalo aos seus espectáculos das Vegas. A partir de aí decidimos xuntarnos, e alá vou coa miña maxia.
—En que consiste o xogo polo que este prestixioso mago contactou con vostede?
—É unha mosca atopa a carta elixida polo espectador. Non esperaba tan boa acollida, pero estou encantado e síntome moi agradecido de poder levar este xogo, así como o resto de trucos a Estados Unidos. Tamén estarei presentando a miña nova productora de maxia «Invisible Compass», xunto a Kiko Pastur e Joshua Kenneth.
—E o libro, de que trata?
—Relato a miña experiencia no mundo da maxia e dou consellos a todas aquelas persoas que se queiran dedicar a isto. Eu empecei facendo trucos no restaurante dos meus pais, con pouco material pero moita ilusión por aprender. Á súa vez, tamén falo da enorme infleuncia que tivo para min Manuel Rodríguez Saa, máis coñecido como o conde de Waldemar, do que son descendente e do que aprendín moito a través das historias dos meus avós e dos meus pais. Ao final, eu son mago grazas a el.
—Gustaríalle seguir o camiño do conde de Waldemar e levar a súa maxia por medio mundo?
—Non o descarto. Gustaríame levar a miña maxia a cada rincón do mundo e seguir cumprindo os meus soños. Nunca o vin nin como unha posibilidade, máis ben como un imposible, así que non podo pedir moito máis. De momento vou a Estados Unidos e quedareime na casa dalgúns magos para coñecernos mellor e compartir os nosos trucos.