«Motiva moito traballar no mellor grupo de investigación do mundo»

RAMÓN GONZÁLEZ REY CERVO / LA VOZ

ESTADOS UNIDOS

O biólogo de Cervo Adrián Cordido fai o seu post-doutoramento en Yale, nos Estados Unidos, sobre unha doenza renal

20 dic 2021 . Actualizado a las 21:54 h.

O biólogo cervense Adrián Cordido (San Román-Cervo, 1992) cumpre estes días un soño, o de formar parte dun dos grupos de investigación mellor considerados e máis innovadores do mundo no seu eido, na Universidade de Yale, en New Haven (Estados Unidos).

—Vostede fixo o seu doutoramento sobre a poliquistose renal, unha enfermidade do ril. De que se trata?

—Fixen a tese neste campo e continúo agora co postdoutoramento. A poliquistose renal é unha doenza de orixe xenética. Se unha persoa a sofre, ten un 50% de posibilidades de que a herden os seus fillos. Daquela atopamos familias nas que a metade dos seus individuos a sofren. É unha das doenzas hereditarias máis comúns, calcúlase que a padecen uns 13 millóns de persoas no mundo, en Galicia hai máis de 5.000 diagnosticados. Ten un impacto claro no sistema de saúde.

—Que provoca?

—Xa a nivel uterino, embrionario, vanse formando quistes no ril. Son principalmente fluído, auga. Van medrando e a medida que o fan van destruíndo o órgano, que medra de tamaño pero perde a súa función. Os pacientes necesitan diálise e logo trasplante.

—Vostede formou parte do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago. En que se baseaban os estudos que realizaron sobre esta doenza?

—Tentabamos frear a inflamación progresiva dos quistes. Daquela iamos atallar a enfermidade, xa que non podemos evitala. Iso foi novidoso porque case non había estudos nese sentido. Conseguimos bloquear a citoquina TWEAK, que estimula o crecemento dos quistes.

—En Yale están traballando sobre as causas da enfermidade e non sobre as consecuencias.

—Aquí estamos buscando a orixe da doenza, centrados nos xenes e nas proteínas que causan esta enfermidade. Aínda non coñecemos a súa función exacta. Entre comiñas, esta é a gran pregunta do noso campo que está por responder.

—Que experimentos realizan?

—Usamos modelos animais e modificámolos xeneticamente. Utilizamos principalmente rato, porque o peixe cebra, que é habitual para a experimentación na ciencia, non ten ril. Xogamos cos tempos para comprobar como transcorre a enfermidade ou direccionamos anacos do xen para coñecer a súa función exacta.

—Con quen está a investigar?

—O grupo de investigación está liderado por un científico que é un dos nomes históricos deste campo, Stefan Somlo. Esta persoa axudou a descubrir os xenes que causan esta enfermidade. Leva traballando nesta universidade desde os anos 90, e sen dúbida é un dos referentes a nivel mundial. Penso que este é o mellor grupo do mundo a nivel de investigación neste eido. Desde había un tempo tiña decidido que quería vir para aquí.

—Por que o tiña tan claro?

—Penso que facemos o que se debe facer, buscar ese mecanismo primario da enfermidade. Paréceme acertado e vou todos os días moi motivado a traballar. Está é unha das universidades máis prestixiosas do mundo, pero non vin aquí polo renome, iso ten un punto elitista, non me gusta. O que me importa é estar nun grupo no que se pode aprender.

—Cantos investigadores son?

—Somos uns 20 investigadores, de distintas partes do planeta, con predominio de asiáticos. Son practicamente o único europeo.

—Canto prevé que dure a investigación?

—En principio, está previsto que o post-doutoramento dure tres anos, en función de como vaia a investigación e de cando se cumpran os obxectivos.

—A pandemia deixou clara a importancia da ciencia na sociedade. Como ve a evolución un científico?

—Penso que xa había un recoñecemento da ciencia a nivel social, pois a profesión de investigador era unha das mellor valoradas nas enquisas, xunto a oficios como o de médico ou profesor. Pero é certo que a nivel dos medios de comunicación, ver programas en horario de máxima audiencia levando a catedráticos ou doutores a debater era moi bo, moi san. Falta que se aposte máis a nivel político pola ciencia, con orzamentos. Desfrutamos dunha vacina contra o Covid-19 que están a producir empresas privadas, pero que se descubriu nun laboratorio público, con medios públicos.

Investigador. Centra o seu traballo na poliquistose renal, unha das doenzas xenéticas máis comúns, cun doente por 1.000 persoas

Aposta. Cruzou o Atlántico este mes para incorporarse a un grupo de investigación que busca a orixe da enfermidade

Multiculturalidade. Compoñen o grupo 20 persoas de distintas partes do mundo


«Considérome un emigrante, pois obrígante a irte e é difícil volver»

Leva apenas unhas semanas en New Haven, pero Cordido non imaxina non volver a Galicia.

—Que plans ten de futuro?

—A idea é retornar, cunha liña de investigación propia. Cando acabas o doutoramento, o sistema científico galego e español obrígante a facer o post-doutoramento fóra. Pídenche experiencia internacional de dous ou tres anos para chegar a ser investigador sénior. Iso non é doado.

—Considérase un emigrante?

—Desde logo. Se se fai un programa para que marchen 2.000 científicos, e logo outro para que volvan 50, está claro: é unha emigración masiva e forzosa.

—Non se aposta por investigar.

—Nin a nivel estatal nin galego se aposta a nivel político polo que pode ser un motor social do país. Houbo recortes en investimento e hai un fenómeno de ‘colo de botella’, un montón de investigadores que non chega a estabilizarse. Os galegos temos outra dificultade, porque a Xunta non conta cun programa para captar científicos que estamos fóra, nin de estabilización. Márchase non só a Estados Unidos, Francia ou Alemaña, senón a Portugal ou outras zonas do Estado.