De Cee a California: crónicas do pasado dende o Museo Fernando Blanco

Darío Areas

ESTADOS UNIDOS

Debuxo de Manuela Blanco Meréns
Debuxo de Manuela Blanco Meréns MANUELA BLANCO MERENS

A historia dun debuxo feito por Manuela Blanco Meréns, no seu día alumna da Escola das Nenas

11 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O recordo é o perfume da alma. Esta frase de Amantine Aurore Dupin, novelista e xornalista francesa do XIX que asinaba as súas obras co pseudónimo masculino de George Sand, e que fai referencia á nosa capacidade de volver a experimentar sensacións, podería moi ben aplicarse a algunha das experiencias que levo vivido dende que traballo no Museo Fernando Blanco de Cee.

O feito de coñecer a xente que tivo algunha vinculación, directa ou indirecta, coa Fundación, e ver como lembran eses momentos con cariño e agradecemento, é algo, sen dúbida, ben fermoso. Durante esta pasada Semana Santa tiven o pracer de coñecer á señora Mila Gallego Blanco e a Bea Blanco Gallego, nai e filla. Durante a longa conversa que mantiven con elas contáronme, emocionadas, que Manuela Blanco Meréns, nai da señora Mila e avoa de Bea, fixera, como alumna que foi das clases de debuxo e pintura do Instituto Fernando Blanco a principios do século XX, un debuxo que era copia dunha lámina que esta en exposición no Museo, en concreto da lámina nº LIV da Colección Escola Francesa Contemporánea da Editorial Goupil & Cie de París, e que reproduce un gravado de Charles Bargue, inspirado, á súa vez, nun cadro do pintor Timoleon Marie Lebrichon titulado A tempest in a teapot. Curiosamente, en exposición temos tamén unha reprodución desa mesma lámina, neste caso realizada por Germana Rey Crespo no 1909.

Manuela Blanco Meréns nacera en Cee no ano 1896, na casa natal da familia dos Blanquiño, situada na actual rúa da Estrela. Era filla de Manuela Meréns Ribeiro e de Francisco Blanco Puebla, este último propietario do establecemento de caldeiraría e paquetería La Frondosidad del Arte, un dos mais populares comercios da vila da Xunqueira, especializado en deseños de latón para decorados, e onde a Fundación mercaba boa parte do material que necesitaba para o seu día a día, como así o reflicto varias facturas conservadas no Museo. Manuela Blanco Meréns foi matriculada na Escola das Nenas da Fundación en abril de 1903, e nela cursou a primeira ensinanza ata o curso de 1909-1910, sendo a súa mestra Guadalupe Pueyo (Dona Lupe).

No 1910 fai o exame de ingreso para as clases de debuxo e pintura que se impartían no Instituto, cursando esta materia ata o curso de 1919-1920 cos profesores Alfonso Bermúdez e Ángel Bar. Foi, sen dúbida, unha alumna destacada como así o testemuñan as notas obtidas ao longo da súa traxectoria académica. En todos os cursos nos que estivo matriculada, tanto na primeira ensinanza como na materia de debuxo e pintura, logrou a nota de sobresaínte, agás en dous nos que foi merecedora dun notable como nota final.

O debuxo realizado por Manuela non está datado pero foi realizado con seguridade entre os anos 1910 e 1920, nos que estivo matriculada nas clases de debuxo e pintura. Seguramente a data de realización estea moi próxima ao 1920 pois, como se pode observar, contaba xa cunha extraordinaria destreza adquirida logo de varios anos de formación. Na actualidade o debuxo atópase moi lonxe de onde foi executado, pois, ao igual que Fernando Blanco, cruzou o Atlántico, neste caso non con destino a Cuba, senón aos EE. UU, e hoxe colga dunha das paredes da casa de Ángel Valdés Gallego, neto de Manuela e profesor no departamento de Bioloxía na Universidade Estatal Politécnica de California.

Darío Areas. Museo Fernando Blanco de Cee